Érguete, Euskadi

“Haika mutil, jeiki hadi
argia den mira hadi...”

“Érguete mozo, ponte de pé
se hai luz olla con atención...”

Mikel Laboa

Se hai un pobo que merece respecto polo que sufriu secularmente ese é o basco. Se hai un pobo único polo tempo que leva loitando e resistindo colectivamente ese é, tamén, o basco. Se coñecemos un pobo alegre, e combativo, este é o pobo rebelde e insubmiso por excelencia. Para darse conta abonda con pisar a mítica vila de Gernika nun domingo pola tarde, ao día seguinte da maior manifestación popular que se recorda desde a mal chamada Transición democrática, e que o humilde guía da Casa de Juntas -gardián das lendarias e sagradas árbores, os oráculos naturais de Bizkaia loubados polo poeta Wordsworth no fabuloso soneto que resalta as virtudes cívicas e modos auto-organizativos xenuinamente euskaldúns- reciba entusiasta a túa visita disposto a relatar con solemnidade e veneración máis de mil anos de Historia dunha comunidade étnico-nacional, lingüística e política tan misteriosa e descoñecida, coma real. Aínda no século XXI e na era da globalización.

Mentres outras identidades se dilúen e mesmo desaparecen para desgraza da humanidade Euskadi é unha illa-realidade plural e complexa, si, mais consciente, determinada e que considera útil e moderno ensinar aos seus fillos unha lingua e tradicións milenarias atraíntes, por incomprensibles

Mentres outras identidades se dilúen e mesmo desaparecen para desgraza da humanidade Euskadi é unha illa-realidade plural e complexa, si, mais consciente, determinada e que considera útil e moderno ensinar aos seus fillos unha lingua e tradicións milenarias atraíntes, por incomprensibles. Preservar e actualizar todo ese capital articulándoo politicamente para chegar a ser e existir no mundo gobernando os seus asuntos ao seu xeito é un quebracabezas que empurra a milleiros e milleiros de persoas a dedicarlle todo o seu esforzo, xeración tras xeración, e con elevados custes e consecuencias persoais de todo tipo. Sen remontarse ás Guerras Carlistas, ou antes. Tan só fai uns días. Hoxe mesmo. Mañá tamén. En cada contexto baixo novas circunstancias e procesos históricos. Ata vencer. A obsesión por conxugar harmonicamente tradición e modernidade -desde a convulsa industrialización até hoxe- representada nun Guggenheim a tiro de pedra de caseríos e edificacións típicas é o mellor dos exemplos. Pero, ás veces, algunhas obsesións xeran excesos. Incluso moitos excesos. Respírase tempo de deixar algúns deles atrás, e de erguerse na procura de tempos mellores e mesmo dunha utopía de liberación social e nacional.

Acreditada a nosa galeguidade -o acento nunca perdoa- o guía quería que entenderamos ben algúns dos motivos polos que chegamos alí na resaca dunha xornada que se lembrará moito tempo en toda Euskal Herria. Orgulloso do simbolismo que encerra o lugar e apaixonado polo renacer da vila bombardeada durante catro horas eternas polo fascismo, a mans da Lexión Cóndor o 26 de abril de 1937 cando soamente se mantiveron en pé a Igrexa e algúns edificios arredor nun ataque que pretendía matar para sempre a irredutible alma basca mentres o Euzko Gudarostea-Ejército Vasco resistía malamente e a Comuna de San Sebastián esmorecía, dedicouse a que puideramos comprender os mecanismos de autogoberno, os fueros, parte das tradicións e o sincretismo entre o paganismo indíxena e a chegada do cristianismo. Semellaba tamén orgulloso e confiado en que o vivido o sábado nas rúas de Bilbao probablemente permita, no futuro, seguir traballando cun chisco menos de peso riba dos ombreiros. Queren fechar o círculo, e queren facelo coa maior xustiza posible. Para todos. A sensación de que outro modelo de convivencia abre paso no camiño da total normalización política e da posibilidade de construír -tamén- a liberdade nacional invade o ambiente entre sectores maioritarios da sociedade. Ollan con atención, admiración e respecto o proceso soberanista catalán. Non deixan de ser dúas nacións con moito en común: divididas aos dous lados dos Pirineos entre o choque de dous trens como foron, historicamente, os estados imperialistas español e francés. O labirinto, coma sinalaba Mario Onaíndia.

Foron moitas as ocasións frustradas e demasiado longa a tensión e o enfrontamento, a desconfianza e a excepcionalidade. A incomprensión

Foron moitas as ocasións frustradas e demasiado longa a tensión e o enfrontamento, a desconfianza e a excepcionalidade. A incomprensión. A roda imparable dunha violencia -case- sempre irracional: ditadura atroz, estados de excepción, fusilamentos, magnicidio, democracia de baixa intensidade, represión policial, torturas, kale borroka, muga, ekinza, detencións arbitrarias, ilegalizacións e normas ad hoc, dispersión, negacións, morte, secuestros, exilio, extorsión económica, cárcere ou terrorismo dunha e doutra beira imprimen un carácter, individual e colectivo. O fenómeno ETA como a lamentable expresión dunha anomalía que presidiu a vida alí sen solución de continuidade, como mínimo, desde a Guerra Civil española. Os anos que lle sobraron a uns métodos que xeran as máis variadas e incómodas situacións, monstruosidades e inxustizas, aínda vernizados de ideais patrióticos e revolucionarios. A esquerda revolucionaria vasca está, tamén, nun fondo proceso de auscultación e na senda de soltar lastre. Pódese afirmar que o conxunto do nacionalismo.

Pero o nó gordiano segue aí, sen desatar: un conflito político de primeira magnitude recoñecido internacionalmente como tal e homologable ao doutros con compoñentes similares noutras partes do mundo. Só negado polas elites dos estados e algunhas capas sociais internas e non menores cuantitativamente. A solución ao conflito armado semella, por primeira vez en 50 anos, encarreirada e con poucas posibilidades de que retorne nos termos que coñecemos. O que para uns sectores foi heroica loita armada contra un estado constitutivamente represor e post-fascista, para outros foi unha aberrante tolemia sanguinaria que nunca debeu acontecer. Nunca se achegarán as posicións ao revisar a Historia, como é natural.

Ese horizonte cadra coas evidencias de descomposición do réxime político que rexe no conxunto do estado español desde 1978, o que paradoxalmente representa unha ventá de oportunidade para o proxecto independentista -cando menos para a consecución do dereito á libre determinación- e dunha sociedade alternativa aínda que as deslexitimadas autoridades españolas teimen en xogar nun taboleiro caduco. Coma se nada acontecera nos últimos 3 anos. E isto pode funcionar nalgúns territorios, pero a axitación da pantasma de ETA non vai durar sempre e só provoca a construción de pontes e complicidades trans-fronteirizas a nivel endóxeno como quedou certificado coa demostración de forza da última e masiva manifestación, considerada alí unha resposta unitaria e popular, sen concibirse en termos de confrontación de bloques -acaso democráticos e lexítimos- ante o que se entendeu coma unha provocación intolerable a todo un pobo -o intento de prohibición nun tema, o fin da dispersión e a repatriación de presos en cumprimento do respecto polos dereitos humanos, no que o 75% da sociedade está de acordo para a consecución dunha paz estable e duradeira- por parte da administración de xustiza/inxustiza.

Negar o dereito de manifestación a decenas de miles de persoas, cando foi permitido ata con ETA plenamente activa e belixerante só ten dúas posibles lecturas: a incompetencia política mais absoluta nunha mostra de visión estratéxica nula ou a necesidade de desviar a atención

Negar o dereito de manifestación a decenas de miles de persoas, cando foi permitido ata con ETA plenamente activa e belixerante só ten dúas posibles lecturas: a incompetencia política mais absoluta nunha mostra de visión estratéxica nula ou a necesidade de desviar a atención doutros asuntos -podemos pensar nos graves problemas da Casa Real- empregándoos coma cobaias habituais: -”Habíamos planteado un empate, pero vamos salir a ganar”, manifestounos o director do diario abertzale Gara, Iñaki Soto , horas antes da enésima demostración de capacidade de rebelión en Bilbao. Rebelión que pode que vaia en aumento na medida na que a situación de bloqueo, inmobilismo e negación do estado español -máis alá dos incumprimentos da promesa democrática no conxunto- se manteña. Unha vez máis e coma outras veces na Historia, Euskadi -así coma tamén Catalunya-, estira as costuras dun réxime putrefacto. E saben que non están sós, sendo conscientes do inalcanzable que sería a Vasconia mítica e arcádica, mais sen renunciar á configuración dun estado libre e independente europeo que respecte os dereitos cidadáns de todos os que viven e traballan nos seus territorios. Só esixen a posibilidade de poder desenvolver -tamén- ese proxecto político en base a fórmulas estritamente democráticas.

O valor das identidades nacionais nun contexto de regresión social:

O sentido de pertenza, se non deriva nunha hipertrofia esencialista, posúe unha potencialidade cohesionadora imparable. Baixo a financiocracia e a ditadura da Troika as clases populares do Sur de Europa teñen serios problemas para articular respostas efectivas ao neoliberalismo e, curiosamente, Euskadi, aínda resistindo notablemente os efectos da Gran Regresión debido á súa particular estrutura económica, sistema de financiamento, autogoberno e bo goberno -no sentido de transparencia e anecdótica corrupción- dispón tamén dunha esquerda mobilizada e nunha fase organizativa e de acumulación de forzas envexable. Namentres outras esquerdas teñen graves problemas para acordar un suxeito político válido que aglutine os intereses das clases populares, a tradición da esquerda vasca arrexuntada baixo a asunción do proxecto de liberación nacional é un exemplo envexable. Viuse nestes días coa loita do barrio burgalés de Gamonal. O sentido de pertenza -sen entrar en comparacións ridículas- ao barrio e os intereses comúns desencadearon unha resposta que noutro lugar mais atomizado e des-estruturado sería practicamente impensable. Ou as loitas dos  mineiros de fai meses. É por iso que un dos obxectivos do neoliberalismo máis agresivo é desfigurar calquera tipo de identidade colectiva potenciando ao extremo o discurso dalgúns dereitos individuais que logo tampouco cumpre na súa aplicación práctica.

Se Euskadi se ergue para deixar atrás tanto tempo de inxustizas será tamén quen de erguerse contra este sistema económico e político decadente. O mundo olla con atención, pois desde sempre coñece a súa histórica negativa á asimilación. Sería bo para todos nós. Sorte na andaina e ata pronto, Euskadi.

Entrevista a Niko Moreno, Sortu 

Unha equipa de Irmandade TV -o condutor do Debate Aurélio Lopes e Millán Fernández- achegáronse á manifestación do Sábado polas rúas de Bilbao, onde tamén puideron entrevistar a varios representantes políticos e dos medios de comunicación. Podedes ver o material en Irmandade.tv

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.