Ergueuse e andou: 'Lázara', Rexina Vega

'Lázara', de Rexina Vega (Moléculas, 2026) © Moléculas

Ten a poesía a capacidade de matar e resucitar á vez? Ten un poema a forza dun adival turrando cara á vida, que parece fuxir polas moléculas da páxina e logo, timidamente, renacer entre as cinzas altivo e xeneroso. Provocador e recluído nos pregos da incerteza que nos navega, cal unha gamela a ollar o horizonte tras a tormenta

Ten a poesía a capacidade de matar e resucitar á vez? Ten un poema a forza dun adival turrando cara á vida, que parece fuxir polas moléculas da páxina e logo, timidamente, renacer entre as cinzas altivo e xeneroso. Provocador e recluído nos pregos da incerteza que nos navega, cal unha gamela a ollar o horizonte tras a tormenta. Onde, por sorte, hai unha «liñaxe que sostén». Ou que pode matar, segundo «a bóla». Porque ninguén está a salvo de padecer ou provocar a dor que se converte en salmo. En oración incrédula. Desafiante e redonda. Asustada no mesmo verso, aterrada na propia xeometría do poema.

Estou a falar do poemario Lázara (Moléculas, 2026), de Rexina Vega, publicado por unha nova editorial á que lle desexamos a sorte necesaria para acompañar os proxectos culturais en tempos de tormenta, e que non puido comezar con mellor pé.

Lázara, a poesía resucitada, semella ser a bitácora en zigzag de alguén a disputar cada tramo de recuperación, un nó gordiano a desatarse abruptamente entre os rezos que non son e as bágoas comidas nos intervalos nos que a química impón a súa doutrina. Os seus dogmas mutantes segundo os corpos, as xenéticas, as enerxías. Cando hai que deixarse levar, termar do vento, amencer nos ocasos. Tranquilizarse na incompletitude, porque denota, transmite, representa signos vitais, avisos de que aínda falta, ou queda, ese tempo que se nos fai tan xusto. Épico e incomprensíbel. 

Estou a falar do poemario Lázara (Moléculas, 2026), de Rexina Vega, publicado por unha nova editorial á que lle desexamos a sorte necesaria para acompañar os proxectos culturais en tempos de tormenta, e que non puido comezar con mellor pé

Lázara sacódenos até a derradeira migalla de prevención. Ataca de fronte e polas costas, non deixa prisioneiros. Lacerante, coma todo o que é verdade, bate cada verso no noso peito e nos dispón a levar a áncora nunha viaxe incómoda e perdurábel. Non nos solta. Reclama a nosa comprensión por afinidade, empatía, compaixón; si, reivindico a compaixón coma un sentimento lexítimo e positivo de ese des-vivir que berra e canta, que estremece e agarima, que debuxa «tigres disfrazados de solpor» e «dá en rir coma un paxaro», mais nunca dende o vitimismo ou a rendición incondicional.

Non quero dar eu a idea de que estes vaivéns nos inmobilizan. Pode que o fagan, ás veces hai relampos, lóstregos coma estiletes a fundir a nosa inxenuidade no intre exacto no que pesabamos a posibilidade de escapar. Mais duran o que unha treboada no verán. Porque aparecen esas raiolas que estouran a complexidade do conformismo, as escaramuzas da morte. «A metade do mundo en que dá o sol». Onde Rexina Vega, unha voz que non se pode separar con equidade do seu texto, quere estar. O lugar do mundo onde todas queremos estar. Cando unha «se podería recoñecer na plenitude do seu xardín», «observando toda esa maldita beleza», «a amarela cadela que olla minúscula o horizonte».

Lázara sacódenos até a derradeira migalla de prevención. Ataca de fronte e polas costas, non deixa prisioneiros. Lacerante, coma todo o que é verdade, bate cada verso no noso peito e nos dispón a levar a áncora nunha viaxe incómoda e perdurábel

Rexina Vega e unha alquimista das palabras, pouca xente, por non dicir ninguén, as coñece e utiliza coma ela. Dende Cardume (Premio Xerais 2007) permanezo amarrada ao mastro da súa nave literaria e agardo con impaciencia cada nova achega. Lázara, a temática é moi clara, naceu da desesperanza máis brutal, De saber que unha enfermidade salvaxe podía acabar coa súa vida. E diso falan estes poemas gorecidos en dez especies de lapelas definitorias: Final; Espiñas de peces e moas arrincadas; Loba, loba, Loba; Insectos; Abrir os ollos; Renacer; Tucán; Paraíso; Aínda aprendo e Cadela e horizonte.

A viaxe nas ás dun cabaliño do demo que aprende e des-aprende, que vive e que des-vive, que se subsume no volátil efluvio da vida en resistencia, que chega a terra firme e des-morre ou nace de entre os mortxs ou agarda cada raioliño intermitente de sol para cantar vitoria.

Rexina Vega desborda en versos que falan da dor, das dúbidas, de estar nunha terra de ninguén, de perder até os dentes, de «rexeitar amorosamente as piadosas mostras da neurose e as fráxiles mostras da covardía», de sentir un desvalemento desolador, e mesmo de renacer na vida e na poesía cunha chea de poemas-rezos non concesivos, nada edulcorados, tremendamente vivos

Tal como o fixo Rexina Vega, Audre Lorde (Os diarios do cancro, Un estalido de luz), unha icona do feminismo, converteu a súa enfermidade nunha xanela aberta para falar sobre o cancro de mama. Un acto político e poético de afirmación, que rexeitou agochar as cicatrices. Medo e silencio, unha voz propia a defender a supervivencia e a necesidade de nomear a dor sen renunciar á vida. «A enormidade da nosa tarefa, dar volta o mundo. Sinto coma se estivese a dar volta a miña vida, de dentro para fóra». Tamén Anne Boyer (Des-morrer, 2019), a poeta que recibiu o Pulitzer tras sobrevivir a un cancro de mama triplo negativo. Poesía, ensaio e diario clínico para desmontar a cosmética tópica de lazadiñas rosa e narrar a crueza das terapias. «Mentres estou enferma, durante moito tempo, atópome coma se estivese probabelmente morta, roldando calquera territorio medianamente familiar da Terra, unha viaxeira á vida despois da morte que, por algún motivo, se me permite crer que é real» (O que o cancro che quita).

María Mercedes Carranza e Idea Vilariño, poetas latinoamericanas, escribiron dende a doenza física crónica e a proximidade da morte, convertendo o poema nun territorio de absoluta lucidez. A uruguaia de ascendencia galega, Idea Vilariño, escribiu: «Esta dor, raíz, esencia deste pobre corpo que habito, que son, que me fai ser, este dor sen ecos, de pétalo arrincado... » dende o desespero da depresión. E, tamén dende a tortura da depresión, escribiu a colombiana Carranza, que acabou suicidándose: «Mirádeme: en min habita o medo. Tras estes ollos serenos, neste corpo que ama: o medo. O medo ao amencer porque inevitábel o sol sairá e hei de velo, cando atardece, porque pode non saír mañá». E non foron as únicas que falaron da enfermidade dende o ventre mesmo da poesía ou da poesía dende o ventre mesmo da enfermidade. Fíxoo, tantas veces, coma un berro desesperado, Alejandra Pizarnik, pechada nos labirintos da súa mente («meu corpo?, unha fenda na cadeira», de La Tierra más ajena) e tamén Alfonsina Storni logo dunha desapiadada mastectomía, sen nomear unha doenza que, por aqueles anos, era tabú e morte. Deixounos: «Dentes de flores, cofia de rosada, mans de herbas, ti, ama de leite fina, tenme prestas as sabas terrosas e o edredón de musgos sachados. Vou durmir, nutriz miña, déitame...».

Entre este poema final de Alfonsina Storni e as expresións contemporáneas de autoras como Rexina Vega pasou menos dun século. Cen anos de non poder nin mencionar a enfermidade que mataba con abonda certeza. E cen anos nos que as mulleres aprendemos a falar de todo. A facelo por nós mesmas, a meter os dedos nas cicatrices non caltridas, por nós e por as outras. O que hai case cen anos mataba, hoxe se pode combater con maior ou menor sorte e circunstancias económicas favorábeis. Mais nesa batalla (non me gusta chamala así) é «todo» o que se pon en xogo. E Rexina Vega desborda en versos que falan da dor, das dúbidas, de estar nunha terra de ninguén, de perder até os dentes, de «rexeitar amorosamente as piadosas mostras da neurose e as fráxiles mostras da covardía», de sentir un desvalemento desolador, e mesmo de renacer na vida e na poesía cunha chea de poemas-rezos non concesivos, nada edulcorados, tremendamente vivos. Tan vivos e tan manchados de vida, que nos fan lembrar por que amamos, con todas e cada unha das partes do corpo, a poesía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.