Escatoloxía

O rei Midas todo o que tocaba convertíao en ouro. España non é un país de fábula, España tampouco é Uganda, é un país onde o rei Midas no canto de protagonizar unha lenda ou un mito protagonizaría un chiste amargo e sen graza, con gobernantes que todo o que tocan transfórmano en merda e logo chapotean nela e mergúllannos a todos. Como non vai pensar a sociedade que a corrupción é un gran problema se levamos anos facendo obrigatoriamente a carreira de Escatoloxía, aquí todos somos licenciados en estudos merdolóxicos.

Aí está Montoro, asesor para evitar pagar impostos e agora ministro con traxe e carteira, en sede parlamentaria e ameazando co canón da merda a Pujol, a quen lle acaban de descubrir unha gran cagada escondida nunha caixa forte. A cagada de Pujol é do tamaño da que gardaba o anterior rei tamén noutra escura caixa forte. Dúas figuras que rubricaron o seu final e o final da época da Transición, o que queda é fantasmagoría. En ambos os dous casos o ouro que supostamente lles deixaron en herdanza transformouse en merda ao ser exposto á luz.

E Montoro ameaza a sinistro, ten os artistas enfilados, e a destro, Pujol xa non é útil vivo e serve para cazar "catalufos". Montoro é dos que teñen o canón e agrómalle un sorriso torcido cando dispara, goza. Pero de onde sacan tanta munición? Fabrícana eles mesmos, igual que o ministro de Defensa fabrica armas para facer uns euros, a investigación policial e xudicial xa demostrou por agora, a falta de sentenza, que o PP leva décadas, desde a súa mesmo orixe, fabricando corrupción e embolsando diñeiro negro. Son sobrecolledores.

E se non lles chega a munición que fabrican para disparar o canón da merda búscana alí onde sospeiten que pode haber un manancial. A Barcelona foron buscar. Agora sabemos que Rajoy, cheirando o pastel que fabricaban en "can Pujol", enviou como espía ou Mortadelo a Alicia Sánchez Camacho a unha cita cunha noiva disposta a vender os seus segredos. Non faltaron os micrófonos secretos. Obxectivo conseguido, había merda! E Rajoy gardoulla como munición, se tivo coñecemento de delitos non informou, e ao fin e ao cabo Montoro acaba de disparala. Supostamente contra Pujol, pero, ai!, pasoulle rozando e bateulle aos independentistas, que non estaban alí pero son vítimas colaterais moi apetitosas.

Pero Montoro e outros artilleiros do PP non están sós e ao día seguinte escoito na radio ao eurodeputado por UpyD Sosa Wagner que o "caso Pujol" mostra para que queren os nacionalistas cataláns ter unha xustiza e unha axencia tributaria propias. Para iso, para facer "pujoladas". A reivindicación catalá de autogoberno e soberanía vén de lonxe, sábeno moitas persoas que non se presentaron a cátedra, e a reclamación de axencia tributaria e xustiza propias foi e é compartida por forzas políticas catalás que non se teñen por nacionalistas, hoxe en día esa demanda compártea Iniciativa, a CUP, e o PSC tamén o facía, ademais de CiU e ERC. É unha demanda que se pode discutir, como se poden discutir as posicións de Montoro ou Sosa, pero acusar a quen a reclaman de corruptos, acusar moralmente a unha ideoloxía e a unhas demandas políticas lexítimas é botarlles merda. Dá igual que se faga con bos modais e sexa unha merda aromatizada.

Hai posturas políticas que poden ser mellores ou peores e poden exporse de formas máis ou menos acertadas pero os artilleiros da merda non merecen respecto nin ser escoitados, merecen ser expulsados da política. É igual de porco e intoxica tanto a vida pública un goberno ou un político deste ou doutro partido que utilizan a corrupción como instrumento político como un defraudador calquera, sexa un rei ou un ex president.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.