O pasado 30 de abril a Xunta, as tres universidades galegas e o Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario asinaron un protocolo para a reestruturación da docencia en Enfermería. O obxectivo é que cada institución conte cunha única facultade de Enfermería, da que dependerán os centros actuais. Isto implicaría integrar o de Lugo como unha sección da facultade con sede en Santiago
O feito de que ABANCA crease unha universidade privada responde aos fins propios de toda iniciativa empresarial, non sendo o menor deles o de obter beneficios, malia que os impulsores aseguran que o proxecto nace da evolución natural de Afundación e sen ánimo de lucro. É dicir, dalgún modo estannos dicindo que a banca privada quere devolverlle á sociedade unha parte dos beneficios. Ademais, quere asegurarse de que se fai todo correctamente, mantendo o control do proceso, descartando que todo este esforzo se destine á universidade pública mediante un convenio, opción que non xeraría dúbidas sobre a intención de fondo. O certo é que necesitan alumnas e alumnos para as titulacións que ofertan, sendo unha delas o grao de enfermería.
Nos seus comezos, a Escola de Enfermería de Lugo estaba no que despois sería o Edificio Administrativo do Xeral e as alumnas vivían no hospital. Nestes 50 anos de traxectoria sucedéronse as promocións de enfermeiras cunha preparación cada vez mellor. A alta demanda e o prestixio logrado consolidaron o centro, de tal modo que o seu status, que lle permite funcionar de forma autónoma, parece estar sobradamente validado. A sociedade valórao como un centro estratéxico polo alto nivel da formación impartida e pola repercusión no desenvolvemento económico e social da nosa provincia, sen esquecer a súa contribución ao futuro dun piar clave, como é a sanidade pública. Sobre esta cuestión o consenso social é evidente, a Escola de Enfermería esperta orgullo.
O pasado 30 de abril a Xunta, as tres universidades galegas e o Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario asinaron un protocolo para a reestruturación da docencia en Enfermería. O obxectivo é que cada institución conte cunha única facultade de Enfermería, da que dependerán os centros actuais. Isto implicaría integrar o de Lugo como unha sección da facultade con sede en Santiago.
Semella que estamos ante un proceso centralizador que dá o primeiro paso para un posterior peche da Escola de Enfermería de Lugo, xustificado cun aumento das prazas na Facultade de Enfermería de Santiago. Como outras moitas veces, estamos ante dous modelos de sociedade, tamén ante dúas Galicias.
De entrada, xera incerteza e dá lugar a que xurdan algúns interrogantes. Semella que estamos ante un proceso centralizador que dá o primeiro paso para un posterior peche da Escola de Enfermería de Lugo, xustificado cun aumento das prazas na Facultade de Enfermería de Santiago, cuxa finalidade sería ofertar unha formación de maior calidade. Esta argumentación, de esgrimirse, sería insostible. Primeiro porque a calidade da formación non se cuestiona, moi ao contrario, como quedou dito antes, goza de prestixio e de demanda. En segundo lugar, porque saturaría aínda máis a capital de Galicia, coas coñecidas dificultades para acceder a unha residencia universitaria ou a unha vivenda. Tampouco sería menor o dano causado á cidade bimilenaria, coa perda dun centro que contribúe de forma importante a tecer unha sociedade menos asimétrica, e que facilita o acceso ao Grao de Enfermería ás máis preparadas sen que a renda pese tanto como cando deben desprazarse lonxe do fogar. Agora ben, se o que pretenden e centralizar e a un tempo reducir prazas, o camiño é o acertado e a universidade privada de Abanca ofrecerase como unha alternativa para as familias que a poidan asumir.
Como outras moitas veces, estamos ante dous modelos de sociedade, tamén ante dúas Galicias. A nosa é unha provincia afectada polo despoboamento, que se agrava ao tempo que se desmantelan os servizos básicos. É preciso manter todos os elementos que a poden proxectar como un lugar atractivo para vivir. A Escola de Enfermería de Lugo é un deles. Defendámola!