Levo case tantos anos fóra coma dentro, e foi precisamente aquí, lonxe, onde empecei a notar cousas que en Pontevedra nunca me pareceron dignas de atención. Algúns o chamarán morriña, pero eu penso que foi máis ben decatarme de que levaba anos escoitando sen escoitar
En Pontevedra nunca reparei en como remataba unha conversa ou como pedía algo no súper. En Madrid, decateime de que a forma é distinta: sen présa por pechar, deixando que o silencio final durase un pouco máis do necesario. Colgar de golpe paréceme de mala educación. Algunha vez pasoume que me preguntaron se seguía en liña. Eu non vexo os silencios coma un erro, máis ben como un xeito de despedirse sen présa. Levo case tantos anos fóra coma dentro, e foi precisamente aquí, lonxe, onde empecei a notar cousas que en Pontevedra nunca me pareceron dignas de atención. Algúns o chamarán morriña, pero eu penso que foi máis ben decatarme de que levaba anos escoitando sen escoitar.
O que máis se nota cando un lugar deixa de estar arredor é o que deixa de ser automático. Unha palabra que antes saía soa, agora a tes que elixir. O galego, para min, deixou de estar en primeiro plano cando xa non podía chamar a calquera persoa e dar por feito que entendía ese idioma. De súpeto xa non estaba ao alcance dunha chamada. Poderiamos dicir que case é un feito físico.
En Madrid, ás veces, noto un silencio que teño présa por encher. Pero tamén hai un ritmo: o tempo que pasa desde que alguén empeza a falar ata que chega ao meollo, canto se tarda en dicir que non, se hai que envolvelo en algo antes. Non pensedes que un xeito é mellor có outro. Nin quero tampouco que se entenda como se o primeiro fose a miña verdade e o outro un disfraz que me puxen ao vivir aquí. Digo que só os vin desde fóra, do mesmo xeito que só se ve enteiro un cuarto cando xa se saíu del e se mira cara atrás desde a porta.
Levo anos escribindo ficción que non transcorre en Galicia e, aínda así, sospeito que, aínda que non se vexa no mapa, está no oído. Un escritor non precisa plantar un hórreo nin facer chover para que un lugar estea presente: abonda coa forma de mirar, co ritmo co que deixa falar aos personaxes, con canto silencio tolera antes de sentir que ten que explicalo
Levo anos escribindo ficción que non transcorre en Galicia e, aínda así, sospeito que, aínda que non se vexa no mapa, está no oído. Un escritor non precisa plantar un hórreo nin facer chover para que un lugar estea presente: abonda coa forma de mirar, co ritmo co que deixa falar aos personaxes, con canto silencio tolera antes de sentir que ten que explicalo. Iso si o levo comigo, aínda que a trama estea noutra cidade, noutro país inventado ou en ningún lugar recoñecible.
A cantidade de veces que teño que comprobar se unha conxugación está ben en castelán é case equiparable á cantidade de veces que boto en falta verdura de folla verde como grelos ou nabizas.
Iso dáme unha ferramenta concreta: escoitar dúas músicas á vez cando escribo nunha soa lingua. Ás veces escribo unha frase en castelán e noto que a súa música non é completamente castelá: a orde, unha repetición ou mesmo a pausa veñen de como a diría en galego. Se mo preguntas, non sabería explicarcho con regras fixas. Simplemente hai frases que, estando escritas en castelán, eu sigo escoitando primeiro noutra lingua.
O problema é que a memoria sempre fabrica unha versión dos lugares e deixa de actualizarse en canto un marcha. Pontevedra segue existindo sen min, cambiando sen preguntarme —hai rúas, negocios, xente nova que non recoñecería se volvese sen avisar—, mentres eu conservo dentro unha cidade que xa non é esa. Cada vez que volvo hai un pequeno desfase entre o que agardo atopar e o que atopo. Traducido ao mundo literario, a Galicia que levo na cabeza xa é, en parte, ficción miña, tan editada coma calquera personaxe que escribo.
Supoño que iso é, á súa maneira, escribir Galicia desde fóra: non ter o mapa exacto, senón unha versión persoal e imperfecta del, que cambia cada vez que a uso e que, precisamente por iso, aínda me dá algo que escribir. É o único que teño, e xa aprendín a desconfiar un pouco dela sen deixar de usala
Tamén sería moi presuntuoso pola miña parte pretender que quedara parada agardando por min, coma nunha postal. Ela tamén tivo dereito a cambiar pola súa conta, con problemas e conversas que xa non sigo ben, con xente nova que fala dunha maneira distinta da que eu lembro e con rúas que, nas imaxes de Google Maps, xa non coinciden coas que vexo cando pecho os ollos. Ela segue a súa propia historia sen agardar por ningún fillo que decidiu marchar. Iso quítalle ao regreso calquera dereito a ser un retorno ao mesmo sitio de sempre.
As dúas seguen a existir ao mesmo tempo, e ningunha das dúas é máis certa cá outra: unha é o territorio, a outra é o que escribo cando digo que escribo desde Galicia sen escribir sobre ela.
Volvo ás chamadas que remato de maneira distinta. Podería explicar por que, ou simplemente deixar que o silencio final dure o que adoitaba durar e que soe raro un segundo antes de seguir falando. Case sempre escollo a segunda opción, aínda sabendo que alguén ao outro lado vai pensar, por un segundo, que se cortou a chamada.
Supoño que iso é, á súa maneira, escribir Galicia desde fóra: non ter o mapa exacto, senón unha versión persoal e imperfecta del, que cambia cada vez que a uso e que, precisamente por iso, aínda me dá algo que escribir. É o único que teño, e xa aprendín a desconfiar un pouco dela sen deixar de usala.