España: nin proxecto nin identidade

A España da transición batía récords de paro e aturaba un sistema fiscal inxusto e uns equipamentos e renda “per capita” moi inferiores á media europea. As desigualdades eran ferintes e o acceso aos servizos públicos moi deficiente. Porén, existía un proxecto común, basicamente alicerzado na estrea das liberdades, na integración europea, na superación da crise económica e no común degoiro no acceso xeneralizado á educación e aos demais servizos públicos. Os españois descubriron horizontes máis anchos e percorreron un longo treito no que atinxe ao recoñecemento dos dereitos da muller e das persoas homosexuais. Mesmo semellaba que os españois ían abrirse a outras culturas, principiando polas culturas nacionais catalá, vas ca e galega coas que coexistían.

Asolagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, non se advirten os vimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas

Foi este un período que rematou por volta da crise do 1992-1993, da que España sairía en 5 ou 6 anos con non poucos sacrificios e damnificados. Entre eles a vinculación directa dos sectores regulados privatizados por Aznar e González coas elites madrileñas.  A  maioría absoluta do PP representou, no que atinxe aos valores e principios xeralmente aceptados, unha volta á España única e cañí, malia que coa fachenda da “España va bien”.

Velaí que, asolagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, non se advirten os vimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas.  Mesmo nin existe consenso a respecto das reformas fiscais a desenvolver ou da diagnose sobre os efectos das actuais desinsdustrialización e emigración das xeracións novas e estudadas.

Hoxe en día España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común

Estes trinta e tantos anos de convivencia non  construíron  unha identidade común española que transcendera daquela España uniforme, taurina e cañí dos anos 60 do século pasado. É verdade que temos unha parte da historia común e partillamos importantísimos vencellos sociais, económicos, culturais e familiares. Mais u-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Real Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia?

Hoxe en día España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.