Toda apostasía ten o seu aquel. Un momento máxico, de lucidez; vertixe, O abismo. Os monstros que están á espreita para ver de te atrapar. En situacións como esta sempre me vén ao acordo a figura de Baruch de Spinoza, ese austero pulidor de lentes de orixe marrá (nome co que se facía referencia a aqueles xudeus ou musulmáns que na Península Ibérica xa dominada pola barbarie e a intolerancia relixiosa se dicían cristiáns, pero nos seus adentros aínda seguían a profesar a súa vella fe).
Mentres o pai de Spinoza vivía, este último cumpriu (cando menos externamente) coas súas obrigas relixiosas. Mais unha vez falecido, a súa heterodoxia doutrinaria agromou con forza. Aínda que as autoridades xudeas de Amsterdam procuraron evitar o escándalo da apostasía do fillo dun antigo e respectado xefe da súa comunidade, o desenlace final non tardaría en producirse: o 26 de xullo de 1656, tendo Baruch de Spinoza vinte e catro anos, foi excomungado solemnemente e expulsado da Sinagoga. Para evitar a súa presenza incómoda en Amsterdam, a comunidade xudea coaccionou as autoridades (calvinistas) para que o expulsasen da cidade. Tras un breve refuxio en Ouwerkerk, Spinoza haberíase de establecer na Haia, onde o seu modesto oficio de pulidor de lentes, amén dunha firme vontade de “perseverar no seu ser”, permitíronlle gozar de plena independencia para desenvolver o seu pensamento.
Podemos situar a Torres Queiruga nas coordenadas da teoloxía da liberación; sempre proclamou practicar unha teoloxía positiva, en diálogo permanente e que nunca pretendeu cuestionar a interpretación tradicional da fe
Mergullado na pescuda biográfica do filósofo panteísta atopeime coa sorpresa da condena (eufemisticamente “notificación”) que a Congregación para a Doutrina da Fe lle fixo ao teólogo Andrés Torres Queiruga. Son casos ben diferentes, mais atraeume a rebeldía do primeiro e o espírito inconformista do segundo. Podemos situar a Torres Queiruga nas coordenadas da teoloxía da liberación; sempre proclamou practicar unha teoloxía positiva, en diálogo permanente e que nunca pretendeu cuestionar a interpretación tradicional da fe. Agora ben: evidentemente, para algunhas maneiras de entender a fe calquera raiola de pluralidade e diferenza van ser vistas con receo. Consultar os seus escritos sobre a Igrexa e atoparnos, de entrada, con referencias á falta de democracia (no sentido moderno do termo) no ámbito eclesiástico é unha boa mostra do seu pensamento.
Desde os grupos cristiáns de base achacanlle á curia condenar todo canto ignoran e querer controlar toda a razón e o Espírito na Igrexa
Tal e como moitos defensores decididos do dogma tradicional da Igrexa católica están a mostrar o seu rexeitamento á figura de Torres Queiruga (non sen caer tamén en vellos tópicos anti-galegos por ter escrito a súa obra teolóxica en galego, e iso que se trata dun dos poucos teólogos españois da actualidade traducidos ao alemán), tamén son moitos os apoios recibidos por Torres Queiruga desde os movementos cristiáns de base. A parte de ter considerado “irregular” todo este proceso ao que foi sometido o teólogo galego, desde os grupos cristiáns de base achacan á curia condenar todo canto ignoran e querer controlar toda a razón e o Espírito na Igrexa. Botan tamén en falta, por parte dos bispos españois, unha actitude de maior compromiso cos necesitados, xusto nestes momentos de tanta dificultade.
Non podo máis que lembrar como o goberno español non aplicou os recortes á Igrexa Católica, senón que esta vai seguir recibindo miles de millóns de euros
Ao escribir estas verbas non podo máis que lembrar como o goberno español non aplicou os recortes á Igrexa Católica, senón que esta vai seguir recibindo miles de millóns de euros, ben sexa en subvencións directas, doazóns económicas, cesións de terreos e exencións de impostos (IBI). Madía leva o da condena a Torres Queiruga! A vaquiña polo que vale, meus amigos e amigas! A pela é a pela, e o demais son contos! Iso si: que non amolen moito, que queden ben e sexan entretidos. Pero levar á práctica o que se predica… ai iso…
Tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello
Non son equiparábeis as figuras de Spinoza e Torres Queiruga. Pero si quero lembrar hoxe as súas actitudes de rebeldía e inconformismo, porque ese espírito sempre foi fonte de riqueza, de novas ideas, de novos azos. Agora ben: tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello.