Esta Diada retrata ante o mundo os cataláns. E a España.

Escribo isto e non coñezo cantas persoas van participar na construción dese 'V' da Diada catalá, ignoro se mantén a participación do ano pasado, se retrocedeu ou se aumentou, pero si creo que vai ser unha xornada importante na política española. E si que importa o tamaño, o número de asistentes é decisivo para as dúas posturas enfrontadas. Quen combaten esta Diada tentarán quitar importancia á demanda do que, en calquera caso, parece que vai ser unha enorme cantidade de xente. Quítanlle importancia á demanda e néganlle atención e respecto a esas persoas.

Para que ese relato funcionase, era necesario redondealo coa descualificación moral: ademais, os nacionalistas cataláns son corruptos e o que queren é quedar sós para entregarse á corrupción. E, para demostralo, emerxe oportunamente o caso Pujol. Todos os gobernos souberon deses manexos pero, tras tantos anos, apareceu un mes antes desta Diada e tres meses antes do día fixado para a consulta.

Quen acepte esa interpretación ignora ou nega que o preito catalán é un preito, é un proceso colectivo que vive a sociedade catalá como un suxeito colectivo. E para esa parte central da cidadanía, a Diada de hoxe tamén é decisiva, porque ademais de implicarse cívica e politicamente está implicada animicamente. Esa parte maioritaria e central dos cataláns vén actuando como un suxeito, probablemente a Asemblea Nacional Catalá sexa a que mellor o expresa, e ese suxeito está afectado animicamente. Viviu nos últimos tempos situacións que lle resultaron humillantes, sentiuse rexeitado e negado. Está profundamente desgustado cos seus opoñentes e tamén, agora, consigo mesmo. A actuación do Estado, tanto a través das Cortes, o Goberno como a través dos tribunais, foi moi clara. O Estado dilles: "Non deixamos que sexades o que queredes ser aquí dentro. E non podedes marchar, non vos deixamos".

O Estado dilles: "Non deixamos que sexades o que queredes ser aquí dentro. E non podedes marchar, non vos deixamos".

Non digo aquí se ten máis ou menos razón unha parte ou a outra, pero digo que a quen lle fala o Estado non é a Mas e a Junqueras, senón a millóns de cidadáns. Basta facer memoria do últimos tres anos, buscar nas hemerotecas, para comprobar que Mas foi obrigado pola sociedade a emprender un camiño inesperado e que Junqueras só interpreta ao seu modo as emocións e uns desexos da xente que se han ir endurecendo. Trátase desas multitudes e de millóns de cidadáns que agora queren votar e unha boa parte ocupa as rúas nunha exhibición de organización e civismo.

Hai algo no que non abondan os políticos e os medios de comunicación españois, España está a retratarse ante o mundo con este asunto. Ao ver esa multitude pacífica que demanda algo e o Estado non escoita, que imaxe queda de España?

O caso Pujol sen dúbida enfadou a moitos españois pero, ademais, enfadou e perturbou en Catalunya, iso notarase esta Diada, sen dúbida, porque afectou o ánimo cada vez máis confundido de moitos cataláns. O Goberno, e con el o PSOE e o Estado completo, fía todo a que os cataláns se estrelen nun muro, fían a que esa multitude tropece e desfaleza, volva cada un ás súas casas derrotados. Pero é unha verdadeira marea cidadá, formada polos sectores máis implicados nos asuntos sociais, con máis sentido comunitario e máis decisión. En suma, a parte máis madura e o centro de calquera sociedade. Se se lle parte o espiñazo, como pretenden, a sociedade catalá estará aniquilada para moito tempo.

Poida que o Goberno consiga que se estrelen contra o muro pero iso non cambiará a percepción que teñen eses cataláns sobre o Estado español, máis ben reforzaraa. Realmente a situación desa cidadanía é desesperada, agora non pode tirar a toalla sen quedar destruída. Pero enfróntase a unha estratexia gobernamental politicamente homicida.

Hai algo no que non abondan os políticos e os medios de comunicación españois, España está a retratarse ante o mundo con este asunto. Ao ver esa multitude pacífica que demanda algo e o Estado non escoita, que imaxe queda de España?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.