E agora o más difícil todavía: o alcalde de Ferrol anuncia unha nova obra. "Se trataría de un complejo con el agua como protagonista, este ambicioso proyecto contaría con una inversión de unos 6 millones de euros", ubicado na zona do Bertón; despois da cidade da "xustiza" no antigo Sanchez Aguilera, tócalle agora o turno á cidade do deporte no Bertón, con mil millóns das antigas pesetas. Non abonda cos ascensores panorámicos, non bastan "pipicans" por aquí e por ala, agora "a lo grande": piscinas de cincuenta metros "si hace falta", que para iso estamos en Ferrol, a cidade máis rica de Galicia.
E por se non fosen poucas as promesas do PP na anterior campaña electoral do 2011, recordemos: aparcamentos subterráneos en Caranza, Ultramar, praza de Armas, centro de saúde en Canido, residencias para vellos en Covas e no Bertón, e un gran centro turístico na zona portuaria con edificios novos e bares, moitos bares... Agora serán un total de 8.700 metros cadrados de terreos dedicados o deporte e a auga.
Non sei en que cidade vivirán estes gobernantes, non se enteran ou non se queren enterar de que en Ferrol superamos o 30 por cento de paro, que o 27 por cento do pequeno comercio leva pechado xa desde o 2007, que perdemos mil habitantes ao ano e que só chegamos o 52 por cento de taxa de actividade. E que estamos sobre todo fartos, moi fartos.
Con este panorama, como poden os actuais mandatarios seguir con esta sarta de ocorrencias? Xa sei que estamos en campaña electoral, pero non debería valer todo en campaña, non debería valer prometer un aeroporto para Ferrol, con metro incluído, non debería valer prometer unha ponte de San Francisco que cruzase a ría con dobre dirección, por exemplo. Que ao paso que imos é posible que cheguemos a tales dislates.
A situación de Ferrol non dá para máis, despois das mal chamadas políticas de austeridade aplicadas polo Partido Popular, a cidade está a sufrir unha situación social de extrema gravidade. E o alcalde e o seu partido están a protagonizar esta farsa a modo de esperpento. Non deberían estar a xogar como están a xogar coa credibilidade da xente, como se se tratase duns vulgares trileiros. A cidade non o merece. Os veciños merecemos respeto e non ser humillados con falsas promesas. Merecemos un goberno municipal decente.