Estimado Mariano

Creme, eu compréndote e entendo o teu dilema con esta crise do ébola que parecía nada e mira en que lea monumental derivou. Xa sei que estabas moi ocupado arranxando o parón da eurozona agora que xa arranxaras a crise en España. Non tes tempo para estes asuntos tan enlamados e algo prosaicos da política local. Explicarlle a Angela Merkel que debe facer para evitar que Alemaña entre en recesión e volva a un crecemento tan vigoroso como o español supón unha tarefa absorbente. Non che dig nada ilustrar dous tipos tan parados e grises como Hollande ou a Matteo Renzi sobre como facer reformas estruturais con liderado e deixar o país niquelado.

Tamén comprendo as derivadas políticas do asunto do ébola. Sei que para ti Ana Mato representa un exemplo. Mantivéchela no goberno contra vento e confeti como un sinal para o propio Partido Popular. O líder non deixa abandonado un dos seus cando as cousas se torcen e cambia o vento. Ti non es como Esperanza Aguirre, que axustiza na praza a quen sexa para salvarse ela. Ti es un home de partido e sabes coidar dos teus. Ademais, está o detalle non menor de que se agora césala a ela, o seguinte na cadea de mando es ti e xa non queda ninguén a quen entregar aos leóns. Tamén me consta que a ti che gusta máis deixar que se vaian abrasando sós, como Gallardón, ata que pareza que lles fas un favor aceptándolles a dimisión. 

Sei tamén que estamos a meses dunhas autonómicas e municipais e ti gobernas pensando sobre todo nos teus e nos teus votantes. Aqueles que non te votamos resultámosche bastante prescindibles e un pouco irrelevantes. O que opinemos preocúpache máis ben pouco. Entendo que nese escenario non cómpre andar xogando coas crises de goberno, ou dicirlle ao presidente da Comunidad de Madrid que destituír o o seu conselleiro de Sanidade por refundar a Santa Inquisición para queimar en público a enferma e a calquera que se atreva a cuestionar o ben que se fixo todo. El é médico e ten a vida resolta, non ten por que aguantar estas parvadas. A ver se vos decatades.

Eu comprendo todo iso e máis, estimado presidente. A política é complicada e ten os seus tempos, pero ás veces hai cousas que non queda máis remedio que facer; mesmo en política. Non se pode premiar a lealdade e a incompetencia á vez. Senta malos exemplos e acábase pagando tarde ou cedo. Hai que elixir. A crise do ébola xestionouse tan mal que deberías facer algo, á parte de pasarlle o marrón a Soraya Sáenz de Santamaría, a Vicepresidenta Marabilla. Ana Mato acreditou unha falta de preparación tan humillante para ser ministra e o conselleiro de sanidade de Madrid, Javier Rodríguez, unha falta de humanidade tan estremecedora que cabe a posibilidade de que mesmo moitos dos teus votantes crean firmemente que o gañaron con suor. Alguén ten que asumir algunha responsabilidade por algo algunha vez e ser do PP xa non é un eximente universal. Se non o fas polos que non te votamos, faino polo menos por aqueles que si te votaron para que estas cousas non pasasen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.