As axencias da ONU seguen alertando do empeoramento da crise da fame en Gaza. Máis de dous millóns de persoas enfróntanse a niveis de crise ou peores de inseguridade alimentaria
Sempre houbo estómagos famentos e estómagos agradecidos.
Dez nenos palestinos xa morreron por desnutrición e deshidratación na Franxa de Gaza, segundo confirmou este venres día 1 a OMS, un día despois de que 104 habitantes de Gaza morreron nunha masacre mentres trataban de conseguir alimentos traídos por camións con axuda humanitaria.
En Gaza, os alimentos e os subministros son moi escasos porque foron cortados deliberadamente por Israel.
As axencias da ONU seguen alertando do empeoramento da crise da fame en Gaza. Máis de dous millóns de persoas enfróntanse a niveis de crise ou peores de inseguridade alimentaria, segundo a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios.
Mentres, os estómagos agradecidos dos países do G7 e os defensores da "orde internacional baseada en regras" esixen que se investigue o sucedido nesa última masacre. Biden anuncia unha tregua inminente mentres toma un xeado. A UE, fiel á súa tradición de poñelos cartos, reacciona co anuncio da reanudación parcial do financiamento para UNRWA, suspendido tralas acusacións israelís de connivencia con Hamás. Algo lle debe pesar a mala conciencia.
A credibilidade moral de Occidente está en farrapos. Hai que ter moito estómago para soportar todo isto
As acusacións contra Israel inclúen crimes de guerra, xenocidio, limpeza étnica e o asasinato desproporcionado de máis de 30.000 civís, na súa maioría mulleres e nenos, na Franxa de Gaza, en represalia polos 1.200 asasinatos cometidos polo movemento islamita Hamás o 7 de outubro.
A pesar da gravidade de todo isto, as democracias liberais seguen imperturbábeis, o que só fomenta a actitude desafiante de Israel. Noutro caso, xa se establecerían mil e unha sancións -como se fixo con Rusia, si-, un “cordón humanitario” que illaría a este país da comunidade internacional.
Estados Unidos reforza esta convicción de impunidade mediante o uso do seu poder de veto no Consello de Seguridade da ONU mantendo o abastecemento do 80 por cento das armas usadas polas tropas israelís. Segundo un informe publicado a penúltima semana de febreiro en The New York Times, Estados Unidos utilizou o seu dereito de veto case 50 veces -en concreto, 48 segundo algunhas estimacións- para protexer a Israel dende a creación da ONU en 1945.
A credibilidade moral de Occidente está en farrapos. Hai que ter moito estómago para soportar todo isto.