O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna. Cando no teléfono do pasillo dun colexio maior falabas en galego, euskera ou catalán coa túa familia ou con amigos da terra, os teus compañeiros da Castela ou Extremadura ollaban con complicidade e simpatía. Gostaban as letras en galego de Antón Reixa cos Resentidos e as de Serrat en catalán e o cinema e as equipas futbolísticas vascas. Políticos nacionalistas como Pujol, Roca, Garaikoetxea, Mariñas, Bandrés ou Camilo Nogueira eran respectados e escoitados.
O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna
Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente estrañeza e hostilidade. Cos antigos compañeiros de carreira e amigos de alí xa non se pode falar de política nin de temas conexos. Todos profesionais ben formados, asumiron porén o discurso unánime dos seus media e acreditan que aquí non se pode estudar case en castelán, que o himno galego é inxurioso ou que falamos galego por amolar.
Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente estrañeza e hostilidade
Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid o poder económico e político, converténdoa na única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35, dotándoa dun aeroporto que se pretendía única porta co exterior e dun AVE radial, que condenaba á secundarización dos eixos ferroviarios naturais atlántico, cantábrico e mediterráneo. Son estas elites as que definen os chamados intereses de España. Intereses nos que non entran nunca os intereses galegos na agrogandaría, pesca, construción naval, sector enerxético ou novas tecnoloxías.
Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE
Fronte este discurso dominante, o galego, catalán ou vasco que defende a súa identidade propia e os intereses económicos de cadanseu país percíbese como un “Outro”. Son-somos- os “Estraños en Madrid” , dos que escribiu Iñaki Anasagasti nun libro editado hai xa tres anos e que, porén, mantén grande actualidade.