ETA: Camiño da autodisolución

Os presos de ETA veñen de sinalar a fin da violencia en Euskadi. Até a fin do 2011 o colectivo, canda o resto da organización terrorista, teimaba en esixir concesións políticas inaceptábeis, como manifestou o PNV ducias de veces. Despois da declaración de cesamento indefinido da violencia, a banda xa desbotaba calquera esixencia política e limitábase a pedir “paz por presos”, mais esixindo algo semellante a un indulto xeral.

Os presos de ETA veñen de sinalar a fin da violencia en Euskadi. Até a fin do 2011 o colectivo, canda o resto da organización terrorista, teimaba en esixir concesións políticas inaceptábeis, como manifestou o PNV ducias de veces

A declaración deste día recoñece o mal causado pola violencia e admite que o achegamento dos presos a Euskadi e máis a súa progresiva liberación se desenvolva un a un e no marco dos beneficios e progresións de grao do Dereito penitenciario. Dereito Penitenciario que, por certo, recoñece o dereito de todos os presos a cumprir condena preto das súas familias, sexan de ETA, de Resistencia Galega, atracadores ou estafadores. Velaí que alcumar esta declaración de falsa ou irrelevante, manifeste unha evidente falla de visión social e política ou  o propósito de tirar proveito electoral  a curto do inmobilismo político que segue a sobrancear na acción da UPD e do PP, malia que neste último caso con evidentes excepcións no mundo das conversas privadas e dos contactos informais.            

Dereito Penitenciario que, por certo, recoñece o dereito de todos os presos a cumprir condena preto das súas familias, sexan de ETA, de Resistencia Galega, atracadores ou estafadores

Agora o seguinte paso habería ser o desmantelamento total da estrutura militar da banda e a entrega e/ou inutilización das súas armas e explosivos. Unha tarefa que é, xa, urxente e que vai requirir da presenza ou intervención dalgunha caste de control obxectivo e independente, quizais mellor residenciado no ámbito europeo.

Acadado o desarme total sería preciso reagrupar todos os presos en Euskadi e Navarra e avanzar en solucións individuais de progresión penitenciaria que sexan quen de cumprir a décima regra do Pacto de Ajuria Enea (1988): a reinserción social dos presos logo de se acadar a permanente ausencia de violencia. Un Pacto, compre non esquecelo, tamén asinado daquela polo PP.

Agora o seguinte paso habería ser o desmantelamento total da estrutura militar da banda e a entrega e/ou inutilización das súas armas e explosivos

En canto ás vítimas cómpre multiplicar o apoio (canda ás vítimas da violencia machista e, en xeral, ás secularmente esquecidas vítimas dos delitos) e oílas sempre nesta caste de procesos. Mais, de certo, non se lles pode recoñecer ningunha caste de dereito de veto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.