Hai pouco celebrouse un Lugo un interesante coloquio de tres días sobre Ética e capitalismo, organizado polo grupo DOXA. Xa de principio se puxeron sobre a mesa as contradicións entre eses dous termos que aconsellarían poñer unha “ou” excluínte, e non unha “e”, entre eles. Faise desde logo moi difícil soster o carácter ético da explotación do home polo home e do espolio organizado da terra; a ética do poder, do interese e da razón só instrumental, tan difícil como ese intento inxenuo, senón interesado, de moralizar o capitalismo.
Faise desde logo moi difícil soster o carácter ético da explotación do home polo home e do espolio organizado da terra
Porén, constatouse tamén que esa dificultade non lle debe restar valor a todas as experiencias emerxentes de economía alternativa, que tratan de someter a actividade produtiva e mesmo lucrativa a fins éticos. A antropóloga Paz Moreno aportou ao debate a idea dunha “economía moral” que practicaban as sociedades pre-capitalistas, e que neste tempo recollen iniciativas como os movementos cooperativistas, a banca ética, o uso de moedas alternativas, o crowdfunding e en xeral as cada vez máis numerosas redes de economía alternativa, experiencias que transmiten algo de luz nun mundo dominado polo máis desprexuizado mercantilismo.
Hai aí un debate que ten xa a súa historia, que ten que ver coas posibilidades de cambiar o sistema, desde dentro ou desde fora, fuxindo do radio de acción das estruturas de poder ou creando espazos alternativos dentro delas, que despois vaian medrando. Algo parecido plantexaba Marx fronte aos que despectivamente chamaba “socialistas utópicos”, que fuxindo do sistema ou creando dentro del illas de felicidade non conseguían alterar as estruturas da explotación; e fronte a iso facía falla, segundo Marx, unha transformación desde dentro que fose radical e revolucionaria.
O fondo dese debate sigue vivo, e as perspectivas de transformación do sistema pasan por calibrar as relacións tensas e problemáticas entre ética e capitalismo
O fondo dese debate sigue vivo, e as perspectivas de transformación do sistema pasan por calibrar as relacións tensas e problemáticas entre ética e capitalismo. Trátase do debate sobre a posibilidade da utopía, que require valorar con amplitude e minuciosidade os efectos políticos do pensamento utópico en xeral, valoración que non se pode facer con trazo groso porque está chea de luces e sombras, oscilando entre a proposta de modelos ideais que poden ter un uso regulativo (no sentido kantiano), e a súa conversión en modelos pechados ou dogmáticos, que pretenderían facer un uso constitutivo do ideal (seguindo os termos de Kant). Os modelos utópicos poderían devir entón en planificacións totalitarias que non retroceden diante de ningunha continxencia, e como tantas outra veces o individuo veríase inmolado nos altares da historia.
No Foro de Lugo constatamos que a ética é necesaria para a vida pública das sociedades avanzadas –que sen ela non son posibles o comercio, a confianza no cumprimento dos contratos e pactos, a propia actividade económica incluídas as transaccións financeiras. Sen unha ética cívica a economía vólvese imposible, e o benestar colectivo unha ficción. Triunfan a especulación, a corrupción e a mentira.
No Foro de Lugo constatamos que a ética é necesaria para a vida pública das sociedades avanzadas
Tal é o estado de cousas propio do sistema de manipulación económica do real chamado “capitalismo financeiro”, no que asistimos a unha ruína moral moi similar á que describe Thomas Wolfe nos anos do crack, en Boom Town (aquí traducida como Especulación), “desbaldindo as ganancias de toda unha vida para hipotecar as da xeración vindeira”. Na actual Gran Recesión tamén vivimos situacións de engano masivo, coma o deses estudos que fan as louvanzas éticas do capitalismo, e a continuación recomendan baixar salarios, recortar pensións ou introducir pagos polo uso da sanidade ou a educación públicas. Xérase unha indignación de gran potencial conflitivo, como comentaron no foro lucense o filósofo César Rendueles e o economista Xosé Luis Outes, un estado de ánimo do que da conta a gran afluencia e interese do público que acudiu ao foro lucense (un signo alentador: na xente hai gañas de escoitar discursos alternativos).
A pesares do dramatismo social da desigualdade, o relato da saída do capitalismo non interesa, e queda obstruído polo construción dun relato crible sobre a fin da crise, un relato que destaca sobre todo polo que oculta e deixa á vista a súa propia falsidade
Pero a pesares do dramatismo social da desigualdade, o relato da saída do capitalismo non interesa, e queda obstruído polo construción dun relato crible sobre a fin da crise, un relato que destaca sobre todo polo que oculta e deixa á vista a súa propia falsidade. A saída da crise está edificada sobre a negación da realidade, e de aí a constante non asunción de responsabilidades e a ausencia de catarse moral. Que leccións da crise? Soa sarcástico pensar que a crise era unha oportunidade de cambio e, se atendemos á política oficial, parece que as únicas leccións da crise son as que aínda non demos aprendido.
A historia é un cúmulo de sorpresas que non nos é dado pensar en termos de redención nin salvación nin xuízo final. O reto é reorientar o sistema económico e poñelo ao servizo da sociedade. E para iso hai que reconquistar espazos fóra da lóxica mercantil, actuar no local, aglutinar vontades, reconstruír o común. Non debemos pensar que a economía xa o ten todo invadido nin que só dentro do capitalismo se pode articular a produción material da vida.
A historia é un cúmulo de sorpresas que non nos é dado pensar en termos de redención nin salvación nin xuízo final. O reto é reorientar o sistema económico e poñelo ao servizo da sociedade
As variables históricas son imprevisibles e complexas, hai un azar da liberdade. Xa Max Weber falou da importancia material das ideas éticas e dos seus efectos económicos, e non é tampouco de agora que se pode acreditar o carácter autodestrutivo do mercado deixado a si mesmo, a ilusión de que se autoregule. Nos anos 30 Karl Polanyi dicía que nun sistema de mercado xeneralizado “non está permitido ser bos aos seres humanos, independentemente do seu desexo de selo”. Algúns dos autores que continúan ese pensamento alternativo, como Amartya Sen, Walden Bello ou Boaventura de Sousa, constatan hoxe o fracaso humano das receitas neoliberais e propoñen estratexias concretas para opoñerse á deslocalización produtiva, á precariedade laboral, ao aumento das desigualdades e ao empobrecemento progresivo das poboacións, que son as perspectivas que o presente está a ofrecer. Vías por explorar para saír dun modelo económico produtivista a ultranza, un proceso de expansión capitalista do que xa vemos os límites: por fóra a finitude do ecosistema da Terra, e por dentro a dignidade ética dos seres humanos.
Saír do capitalismo é volver entrar na nosa condición histórica de seres finitos e valiosos, e no respecto da (propia) natureza
Saír do capitalismo é volver entrar na nosa condición histórica de seres finitos e valiosos, e no respecto da (propia) natureza. O nome de que quede despois do capitalismo aínda non se sabe, pero si que ten que conter o máis elemental significado do humano.