A atención sanitaria que hoxe se presta nos servizos públicos de saúde é herdeira dos principios da Ilustración que puxeron o uso da razón e do coñecemento científico á fronte no proceso de procura do benestar humano. Grazas a esta evolución do pensamento, a humanidade atopa os instrumentos para combater a superstición, a tiranía e o escurantismo. A evolución tecnolóxica púxose ao servizo da saúde das persoas, mellorando os sistemas de diagnóstico e prevención, e nos países máis sensibles ás diferenzas sociais, a sanidade pasou, polo menos formalmente, de ser un ben de uso exclusivo dunha ínfima minoría a ser un servizo básico da poboación, presidido polos principios de universalidade e equidade.
A relación médico/paciente ou enfermería/paciente non pode ser unha relación de poder, onde os detentadores do coñecemento prescinden da conciencia social e moral da persoa que vai en busca de atención
Non obstante, ese proceso continuo de racionalización da vida e das condutas humanas ten asociado un proceso paralelo de cousificación das persoas. O coñecemento precisa da capacidade de cuantificar o mundo real para avanzar. Precisa converter as relacións e as persoas en obxectos ou instrumentos que poidan ser transformados en datos, prescindindo dos aspectos emocionais e íntimos que nos configuran como seres humanos irrepetibles dotados de dereitos naturais. Agora o relevante é obtermos resultados, sermos produtivos, alcanzarmos a eficiencia, conseguirmos obxectivos cuantificables.
Esta lóxica no mundo da sanidade está moi presente. Tratar doenzas é mais doado ca tratar persoas enfermas. Está mais en consonancia coa dimensión racional e técnica do mundo. Non precisa empatía, non require capacidade de comprensión nin habilidades de linguaxe. Permite establecer relacións frías e formais, nas que non conta a condición do paciente como ser libre e con capacidade de decidir.
Os principios morais dos pacientes son os principios morais do ser humano como tal, pero, no ámbito da sanidade, o seu estado de vulnerabilidade e dependencia desármao fronte á deriva produtivista e instrumental da atención sanitaria especializada. Este feito xustifica a existencia dun sistema legal de dereitos e dun catálogo ético da profesión médica e dos profesionais da sanidade. O seu fin último é garantir que esa condición de vulnerabilidade non sexa empregada para violentar os dereitos esenciais das persoas.
A relación médico/paciente ou enfermería/paciente non pode ser unha relación de poder, onde os detentadores do coñecemento prescinden da conciencia social e moral da persoa que vai en busca de atención. Non pode atentar contra a súa autonomía persoal para decidir sobre o seu propio corpo ou sobre o seu dereito a obter toda a información precisa que afecta ao seu estado. Non pode ignorar que, ademais de ser unha relación profesional, tamén é unha relación humana presidida polo principio de respeto mutuo. Non pode banalizar o principio de intimidade e dignidade expoñendo publicamente a vulnerabilidade física e psíquica do paciente ou tratándoo como un obxecto que pode ser colocado en calquera lugar. Os responsables sanitarios, que están sometidos aos mesmos principios éticos ca os profesionais en exercicio, non poden adoptar medidas organizativas que en nome da eficiencia expoñan os elementos máis íntimos das persoas en ámbitos administrativos alleos á relación clínica, ou convirtan o tempo de demora na atención nun acto burocrático desvinculado do seu impacto físico e emocional.
Se non se ten en conta a dimensión ética e moral da atención clínica, o abandono asistencial converterase nun problema de xestión afastado do sufrimento e a cura de enfermidades farase a custa de danar a propia percepción sobre nós mesmos e de violentar un dos valores esenciais do ser humano, que é a autonomía para mantérmonos como seres dignos.
O día 13 de setembro do 2023, ás 19:00 horas no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avda. Xoán XXIII- Compostela) terá lugar unha charla sobre a materia abordada neste artigo, a cargo de Xulio Maside Rodríguez, profesor da área de medicina legal da UCS. A entrada será libre ata cubrir o aforo.