É tempo de chamar as cousas polo nome: España, e Galicia como parte de España, tivo a peor xestión económica posible durante os últimos 20 anos. Esa xestión económica non foi responsabilidade de Aznar, nin de Zapatero, nin de Rajoy, nin dos presidentes das dezasete comunidades e dúas cidades autónomas, nin dos seus vicepresidentes, nin dos alcaldes de cidades, vilas e aldeas, nin do gobernador do Banco de España. Tampouco foi responsabilidade dos votantes, por suposto, e moito menos dos abstencionistas.
Nin por suposto foi responsabilidade das entidades financeiras, o sector de mercado máis regulamentado, o que está suxeito a máis normas e criterios de control
Nin foi responsabilidade das administracións, aínda que gastasen os cartos que non tiñan, pedisen créditos impagables sabendo que formaban parte do consello de goberno das caixas de aforro que os outorgaban, mercasen votos e submisións con polideportivos, pensións, puntos de luz, tarifas eléctricas e o que lles acordou, e cresen contra toda lóxica que a fartura duraría eternamente e iría a máis.
Nin por suposto foi responsabilidade das entidades financeiras, o sector de mercado máis regulamentado, o que está suxeito a máis normas e criterios de control. Non teñen culpa aínda que, grazas á confianza que xeraba ese férreo control, emprestasen cartos que non tiñan, a persoas e empresas que non poderían devolvelos. Nin aínda que financiasen operacións inmobiliarias grotescas coa espranza de sacarse da ruleta a véspera do estourido, nin anque lles regalasen ás administracións todo o carto que lles pedían na súa espiral desbaldidora ("e xa, por un pouquiño máis, podes facer unha cidade da cultura").
Nin dende logo foi culpa dos asalariados e empresarios, aínda que reinvestisen o seu diñeiro en pisos que non podían pagar, anque non se formasen e reciclasen, anque non fixesen máis I+D que o que pedía a convocatoria da subvención
Nin dende logo foi culpa dos asalariados e empresarios, aínda que reinvestisen o seu diñeiro en pisos que non podían pagar, anque non se formasen e reciclasen, anque non fixesen máis I+D que o que pedía a convocatoria da subvención, e anque decidisen meterlle un alerón ao coche, ceasen todos os sábados fóra ou fosen de lúa de mel a México, no canto de pensaren unha idea de negocio e arriscarse pra crear riqueza. A culpa non é deles, coitados, aínda que asinasen pólizas desmesuradas sen sequera calcular os xuros, ou anque guiados da cobiza mercasen pisos (e solo!) confiando no mantra de que as propiedades soben eternamente ("e xa, por un pouco máis, méteme aí tamén o cerre da casa e a neveira").
Non. Polo que dicimos en foros, correos, bromas de facebook, editoriais ou discursos parlamentarios, ninguén de nós tivo culpa. As culpas téñenas os bancos, os políticos, os alemáns, Angela Merkel ou os inmigrantes. Mais non somos os primeiros en empregar este sistema de culpabilidade allea. Na década dos 30 estas palabras de agora xa as dixeron outros. Non estou esaxerando nin facendo un exercicio de reductio ad Hitlerum, non. Estou falando ab ipso Hitlero.
Non se trata hoxe de falar das miñas ideas sobre como podemos, con sorte, saír disto. Válenme incluso as ideas e as propostas contrarias: seguir a gastar, estimular a economía non se sabe con que diñeiro nin pra que, ou, metidos en fariña, protexer os funcionarios das deputacións, porque qué faríamos sen eles. Válenme incluso esas propostas se, como punto de partida, todos nós asumimos que somos os únicos culpables de estar como estamos. Non me preocupa se Gayoso (o malo) tivo máis culpa ca min: iso ten que preocuparlle a Gayoso. Eu debo termar da miña culpa e actuar en consecuencia.
Nestes momentos post-rescate debemos chamar as cousas polo nome e asumir que pra saír desta antes temos que 1) recoñecer que fixemos todo mal, todo o mal que puidemos, todo o tempo; 2) admitir que a culpa non é de ninguén máis ca de nós mesmos; e 3) poñernos mans á obra
Nestes momentos post-rescate debemos chamar as cousas polo nome e asumir que pra saír desta antes temos que 1) recoñecer que fixemos todo mal, todo o mal que puidemos, todo o tempo; 2) admitir que a culpa non é de ninguén máis ca de nós mesmos; e 3) poñernos mans á obra, todos xuntos, pra sacar isto adiante. Con sacrificio. Con sufrimento. Con pobreza. Agardan por nós anos de moita menos calidade de vida da que tivemos estas dúas décadas, calidade que se debeu ás mesmas razóns que agora nos levan á ruína. Pero con moito esforzo poderemos superalo.
Nese esforzo por sacar os nosos países adiante non estamos sós. Hai outros que, unha vez máis, están aí pra axudarnos. E se co noso infantilismo, egoísmo e idiotez non só non nos salvamos, senón que os afundimos a eles tamén, deberían borrar a nosa lembranza dos libros da historia do futuro.