Nun momento no que non deixamos de escoitar mensaxes como “ti decides o teu camiño” ou “cada quen determina o seu propio valor”, resulta chocante ver como aínda existen persoas dispostas a decidir sobre a vida dos demáis. E resulta aínda máis chocante cando estas persoas forman parte do movemento feminista e tratan de botar abaixo unha lei que en pouco ou en nada lles afecta. Estou a falar da futura Lei Trans.
Desde que o borrador viu a luz, diversos sectores feministas viron nela unha ameaza directa a todos os logros conseguidos desde que comenzou a loita. Entre outras cousas, argumentan que esta lei desdebuxa á muller como suxeito político e que abre as portas a que os homes poidan cambiar a súa identidade pola dunha muller para beneficiarse das leis que nos protexen. Unha sarta de insensateces, se me permiten a expresión.
Os dereitos que gaña a comunidade trans non nolos quitan a nós. A situación das mulleres non vai mudar por que se aprobe esta lei, os problemas van seguir sendo os mesmos. Para a maioría non supón unha diferenza; para as mulleres trans si
Os seus argumentos retratan a transexualidade como un capricho, como algo que se escolla coa mesma facilidade que a cor dunha camiseta. Pero o máis indignante é que tratan de relegar ás mulleres trans á condición de “mulleres de segunda”, como se o feito de non ter nacido nun corpo determinado lles quitase o dereito a protestar xunto coas demáis baixo a insignia feminista. Unha muller trans é unha muller. Sofre violencia de xénero. Enfróntase ao teito de cristal e á fenda salarial. Dá igual que non nacese cunha vaxina. A deconstrución do concepto patriarcal da muller vén sendo un obxectivo central na loita pola súa liberación. Por iso, como feminista repúgname ver como hai quen se cre con dereito a decidir quen é unha muller e quen non, como se iso dependese da colectividade e non de cada individuo.
Os dereitos que gaña a comunidade trans non nolos quitan a nós. A situación das mulleres non vai mudar por que se aprobe esta lei, os problemas van seguir sendo os mesmos. Para a maioría non supón unha diferenza; para as mulleres trans si. Por iso debemos loitar tamén por elas; xunto delas. Non esquezamos que o movemento feminista estivo presente en todas as loitas sociais desde o seu nacemento, apoiando a afroamericanas, gays, lesbianas, pro-aborto… por que había de ser distinto agora?