Eu vin a Roberto Varela en camiseta. Por Cans, no Festival. Suando canda aos mortais subvencionables e dándolle lume a quen llo pedía, o conselleiro deconstruído era un progre máis. A vida esaxerada de Roberto Varela. Se o Martín Romaña de Echenique participou no maio do 68 por inercia, o exconselleiro sabía aplicarse con precisión ás atmosferas titiriteiras. Os responsables de cultura do PP teñen a misión política de gañarse aos culturetas da esquerda porque son, ao fin, os que moven a meirande porcentaxe das iniciativas neste eido. Varela subíase a bordo do seu ritmo aínda que ás veces se sentira coma o capitán do Costa Concordia. A súa herdanza política é un naufraxio; a súa actividade un holograma. Era, en fin, un tipo mainstream; non finou, fixérono embaixador en Uruguai.
Agora a entelequia está en mans de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo. O primeiro é menos visible
Agora a entelequia está en mans de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo. O primeiro é menos visible. Cando os mestres anuncian nas aulas que Jesús Vázquez visitará o colexio, as ANPAS axudan os seus fillos a decorar cartulinas nas que se le I love Pekín-Express. Anxo Lorenzo, en troques, si potencia a súa proximidade soltando a graxa dos días oficiais a través de estados de Facebook. Actualízase sabendo que a cultura retuiteada non se forxa no seu despacho, pero aí está, ao noso carón, chío a chío. Incluso déixase entrevistar por Jordi Évole para provocar que #270millonesnoestanto se converta no hastag común da vergoña vernácula. “Aínda así é bó rapaz”, asegurou a audiencia saqueada e tumbada no sofá do primetime.
Quen precisa dos políticos para irse de gintonics? Para iso xa están os seres humanos que algúns levan debaixo do traxe. Para que compartir con eles os excesos se, ao final, a resaca é de recortes e arcadas de incerteza? Se hoxe un secretario xeral, un conselleiro ou mesmo un presidente da Xunta, quixeran convencer a todo o sector cultural galego de que son cargos sexis, terían que subminístralle quinina en vea por centos de miles de barras de bar. Ás veces drogado báilase con calquera experimento. Non existen os anxos pero tampouco os políticos-poetas. Os dous conceptos entran en guerra fría.
A cultura galega leva décadas sufrindo de hipertensión arterial e hoxe a súa realidade segue a ser mórbida
A cultura galega leva décadas sufrindo de hipertensión arterial e hoxe a súa realidade segue a ser mórbida. E se non hai solución para este complexo logaritmo non é tanto porque esteamos a pasar unha crise descomunal como pola utilización interesada que os cargos públicos fan da situación. A cultura sempre é a primeira flaxelada e, de xeito descarado, sofre castigo conscientemente. Pretenden crear unha cultura residual e convencernos de que é mercadoría de luxo cando ten que ser unha necesidade, igual que o saudable e o educativo.
Todo o sector cultural –todo- séntese desituado. E cando protesta canso da anemia, os que distribúen os cartos deixan caer a escusa interesada de que o fan por unha cuestión ideolóxica
Todo o sector cultural –todo- séntese desituado. E cando protesta canso da anemia, os que distribúen os cartos deixan caer a escusa interesada de que o fan por unha cuestión ideolóxica. E punto. A obscenidade multiplícase igual que os perigosos “programas culturais austeros pero de calidade”. En fin, quizais a única solución sexa o optimismo e procurar rexurdimentos co inxenio porque o que está claro é que non existen os políticos enrollados e suburbiais que pensen igual ca ti.
Ninguén está a salvo dos administradores dos cartos. Nin Luis del Olmo, polo visto. Nin sequera Roberto Varela, diplomático en camiseta pero xa no Cono Sur.