A crise ucraína volveu poñer sobre a mesa o papel subsidiario da Unión Europea nos asuntos internacionais, incluso —coma sucede neste caso— nun conflito que se desenvolve a carón das súas fronteiras. Ao inicio da crise faltou tempo para que as autoridades comunitarias se sumasen ás medidas punitivas promulgadas por Washington contra Moscova, aínda que os distintos intereses nacionais as reducisen a meras protestas institucionais de pouco ou nulo contido real no plano económico, pero dun alto valor simbólico polas consecuencias que delas se poden derivar nun futuro próximo por canto poden anular a capacidade europea de incidir positivamente na solución dunha crise orquestrada torpemente dende Occidente. A retirada a Rusia das credenciais da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (PACE) é un erro que non beneficia a ninguén. Neste asunto o sentido común e o interese xeral foron substituídos pola soberbia máis temeraria e irresponsábel.
A crise ucraína volveu poñer sobre a mesa o papel subsidiario da Unión Europea nos asuntos internacionais, incluso —coma sucede neste caso— nun conflito que se desenvolve a carón das súas fronteiras
A pesares da rapidez con que se suceden os acontecementos en Ucraína o último acordo internacional confirma esta tese. O chamado acordo cuadripartito —EEUU, Rusia, UE e Ucraína— en realidade é un acordo a dúas bandas entre Rusia e EEUU imposto ao resto das partes. Trátase doutra xogada da diplomacia rusa que conseguiu os tres obxectivos que leva proclamando dende o inicio da crise:
O chamado acordo cuadripartito —EEUU, Rusia, UE e Ucraína— en realidade é un acordo a dúas bandas entre Rusia e EEUU imposto ao resto das partes
1. Que non se discuta a incorporación de Crimea a Rusia, acordada en referendo e de forma pacífica pola inmensa maioría da poboación
2. Que o desarme dos grupos prorrusos debe facerse simultaneamente cos pro Kiev (neonazis, Sector Dereito, …)
3. Que non se poderá regularizar a situación se non se elabora unha nova constitución —coa participación democrática de todas as partes implicadas— que recoñeza o carácter federal de Ucraína e os dereitos das zonas de maioría rusa, así como o dereito das minorías rusas ao recoñecemento do seu idioma
E todo isto sen que —como manifestou o ministro de exteriores Lavrov ao remate do encontro de Xenebra— Rusia recoñeza a lexitimidade do goberno golpista de Kiev e advirta que calquera acordo estará supeditado á permanencia do carácter neutral de Ucraína, é dicir, que non debe formar parte da OTAN. Haberá que agardar a ver o curso dos acontecementos, aínda é cedo para saber se este acordo chegará a bo porto.
É desalentador comprobar o aliñamento automático da UE cos EEUU sen que abrolle unha política independente nunha área xeoestratéxica na que os europeos deberían liderar unha posición acorde cos seus intereses
En calquera caso é desalentador comprobar o aliñamento automático da UE cos EEUU sen que abrolle unha política independente nunha área xeoestratéxica na que os europeos deberían liderar unha posición acorde cos seus intereses. Uns intereses que a todas luces non coinciden cos de EEUU coma se desprende da famosa frase Fuck the UE da Secretaria de Estado adxunta Vitoria Nuland. Pero nin esta humillación pública dun alto cargo norteamericano nin as graves consecuencias dun enfrontamento con Rusia para a economía dos países europeos, que na actualidade se benefician de contratos enerxéticos vantaxosos con Moscova, parecen suficientes para que a Comisión Europea ou os principais estados da Unión —nomeadamente Alemaña, demasiado ocupada no sometemento dos seus vasalos— freen a arrogancia de Washington. É probábel que a clave desta dependencia política estea en relación directa con dous factores esenciais: a urxencia para EEUU da Integración Económica Trasatlántica e a estrutura militar da OTAN.
Washington non ve con bos ollos a colaboración de Alemaña, e outros países, con Rusia e intenta por todos os medios esborrallar esa alianza económica. Pensa que unha dependencia enerxética do gas ruso debilitará os nexos transatlánticos a medio prazo ao tempo que fortalecerá a emerxente economía rusa, un país cada vez máis independente nas súas decisións e distanciado dos excesos do sistema neoliberal, ademais de ser a segunda potencia militar do planeta en produción e exportación de novísimos sistemas de armas. Para neutralizar esta incipiente alianza EEUU leva adiante unha política estratéxica que combina o rearme europeo —con armas americanas— coa desarticulación da colaboración económica cos rusos metendo a cuña ucraína no corazón de Europa.
Para neutralizar esta incipiente alianza EEUU leva adiante unha política estratéxica que combina o rearme europeo —con armas americanas— coa desarticulación da colaboración económica cos rusos
Algúns insisten —seguindo a Zbigniew Brzezinski— en que Ucraína xa formaba parte das xogadas do xadrez norteamericano pola súa importancia estratéxica, sen embargo esta tese —de máis longo percorrido— é compatíbel coa anterior e ambas ilustran a persistencia occidental na errada visión do país eslavo que xa causou graves desgustos a estrategos da talla de Napoleón ou dos mariscais alemáns.
O Alto Mando da OTAN está situado nun distante e ben protexido búnker norteamericano, mentres os pobos europeos só teñen a misión de ser carne de canón
No que sería importante cavilar é nas características do rearme da OTAN, deseñado cos mesmos criterios que na Guerra Fría, onde se contemplaba un teatro de operacións no que o primeiro golpe dunha hipotética III Guerra Mundial acontecería en Europa de tal xeito que os americanos seguen confiando en que se pode derrotar a Rusia, aínda que sexa a cambio da devastación do territorio europeo. Este rearme está pasando desapercibido entre a opinión pública e sería importante divulgar o que está acontecendo, os custos económicos de tal operación e o papel que desempeña o Estado Español nesta ofensiva estratéxica, un dos baluartes da flota estadounidense anti mísiles. Na actual estrutura da OTAN hai unha diferenza clara de cometidos entre os estados e, como en calquera estrutura militar, unha cousa é o mando e outra a tropa. O mando pensa, planifica e ordena; a tropa executa e obedece en silencio. Isto é o que acontece actualmente en Europa, o Alto Mando da OTAN está situado nun distante e ben protexido búnker norteamericano, mentres os pobos europeos só teñen a misión de ser carne de canón. Agardemos que esta terminoloxía bélica só sexa unha acaida metáfora literaria.