Europa, crise e soberanía

"Os mercados roubáronlle a soberanía ao Estado Nación e só se poderá restaurar esa soberanía democrática a través de Europa. É a contradición na que vivimos”. Daniel Cohn-Bendit. Eurodeputado do Partido Verde Europeo.

É Europa o ámbito de referencia onde teremos que procurar as saídas a crise económica e política que vivimos

Primeiro. Que non sexa por non repetilo mil veces. É Europa o ámbito de referencia onde teremos que procurar as saídas a crise económica e política que vivimos. Un humilde servidor leva dicindo onde lle deixan xa dende fai anos que constitúe unha tremenda contradición reclamarlle ao vello Estado Nación a cura dunha crise para a cal xa non ten nin mediciñas nin material médico. Efectivamente, a imperfecta construción europea tivo como contrapartida a perda de autonomía dos Estados, particularmente en materia de política macroeconómica. E isto significou que a capacidade para decidir sobre estas cuestións deixou de residir exclusivamente nos pobos que conformaban devanditos Estados. Nada que non souberamos e que non fora xa amplamente analizado dende múltiples prismas, académicos e políticos.

Non só acontece que a Unión Europea toma decisións lentas e insuficientes, senón que priman os intereses e as lecturas nacionais das diferentes medidas tomadas

Tampouco dicimos nada novo cando afirmamos que este proceso de cesión de soberanía dende os Estados á Unión Europea estivo e está lonxe de ser perfecto. Máis ben o contrario, e un exemplo disto é a forma na que hoxe se toman as decisións na UE, de forma indirecta, sendo os representantes de cada Estado os que ao final teñen a tixola polo mango e polo tanto impoñen a súa particular ideoloxía e tamén o seu poder, evidentemente asimétrico. Deste xeito non só acontece que a Unión Europea toma decisións lentas e insuficientes, senón que priman os intereses e as lecturas nacionais das diferentes medidas tomadas. Na presente situación, en época de vacas fracas, isto vese acentuado e por tanto non é nada raro que xurdan voces cada vez máis fortes que reclaman xa non a parálise do proceso de construción europea senón a volta cara situacións pretéritas, a recuperación da soberanía por parte dos Estados.

O caso paradigmático é o que está a acontecer agora no Reino Unido, país que nin sequera é partícipe da moeda común. Falamos dun problema político de primeira magnitude e que se discute en toda Europa, tal e como podemos ler nos xornais que se ocupan de algo máis que dos problemas de provincias. Sería oportuno que tamén dende Galicia tivésemos ben presente este debate e fósemos quen de contribuír, por moi marxinalmente que fora, ao mesmo.

Debemos diferenciar este proceso que agocha unha cesión de soberanía imperfecta e incompleta doutro distinto que tamén implicou unha perda de soberanía, e que está estreitamente relacionado coas causas da presente crise económica

Segundo. Debemos diferenciar este proceso que agocha unha cesión de soberanía imperfecta e incompleta doutro distinto que tamén implicou unha perda de soberanía, e que está estreitamente relacionado coas causas da presente crise económica. Refírome á perda de capacidades, de soberanía, que veu implícita ao proceso polo cal as economías da nosa contorna se fixeron absolutamente dependentes dos mercados financeiros. Foi este un fenómeno de escala global iniciado xa hai varias décadas e que foi coetáneo (en parte) co de construción europea, pero que responde a causas diferentes, por moito que ás veces viñeran entrelazadas. Dito proceso mudou os patróns de investimento e consumo, sobre todo privados mais nalgúns casos públicos, e alimentou un crecemento con pés de barro, en base ao apalancamento financeiro masivo e descontrolado. Un modelo onde vemos atónitos como as administracións públicas toman medidas con evidentes custes sociais antes de deixar de satisfacer as súas débedas cuns acreedores, os “mercados financeiros” que como é costume impoñen as súas condicións aos debedores.

O enorme poder que acumulou o mundo das finanzas constitúe en si mesmo unha perda de soberanía dos pobos e é algo que, ao menos dende unha perspectiva progresista, compre combater

O enorme poder que acumulou o mundo das finanzas constitúe en si mesmo unha perda de soberanía dos pobos e é algo que, ao menos dende unha perspectiva progresista, compre combater. Mais, reitero, esta perda de soberanía responde a causas distintas e é de natureza diferente á derivada da construción europea, tal e como evidencia o caso de moitos países afectados por esta crise (e por outras recentes) que, sen embargo, non estiveron inmersos nun proceso de integración rexional. Evidentemente pódese manter unha postura contraria a ambos procesos, pero preséntense entón argumentos diferenciados para tal posición pois do contrario caeremos no simplismo, tantas veces escoitado nestes lares, de que a Unión Europea non é máis que un invento do Neoliberalismo. 

Dende o noso punto de vista non hai ningunha razón que impida avanzar no proxecto Europeo e ao mesmo tempo loitar por modificar as bases do modelo de regulación do capitalismo global, que nos levou a esta crise económica

Terceiro. Dende o noso punto de vista non hai ningunha razón que impida avanzar no proxecto Europeo e ao mesmo tempo loitar por modificar as bases do modelo de regulación do capitalismo global, que nos levou a esta crise económica. Do mesmo xeito que tampouco hai impedimentos para mudar as políticas de austeridade, hoxe imperantes na Unión Europea, cara outras que promovan os estímulos anticíclicos necesarios para recuperar as economías daqueles Estados que por si mesmos xa non poden facelo. Ao contrario, apostar por solucións deste tipo, como numerosas voces apuntan en todo o continente, fai que o reforzo do gobernanza europea sexa en boa medida condición previa e necesaria. Mais isto só se poderá conseguir se os cidadáns europeos son directamente partícipes deste proceso e se solventan así as lagoas democráticas da construción europea. Sen dúbida un reto de enorme transcendencia pois, entre outras cousas, implica mudar o imaxinario colectivo de millóns de cidadáns que pensan nestes eidos en clave de Estado Nación. Para iso vai ser necesario poñer enriba da mesa propostas ambiciosas, como a da elección directa do presidente da Comisión Europea por parte dos cidadáns europeos, tal e como por certo defende aquí no país Compromiso por Galicia.

É compatible apostar por ceder soberanía dende os Estados á Unión Europea e, ao mesmo tempo, poñer couto aos poderes financeiros que apostan por un modelo de orde económica escasamente sostible e nada democrático

En definitiva, cremos que é compatible apostar por ceder soberanía dende os Estados á Unión Europea e, ao mesmo tempo, poñer couto aos poderes financeiros que apostan por un modelo de orde económica escasamente sostible e nada democrático. Non só é compatible se non que seguramente, tal e como apunta Daniel Cohn-Bendit, a estas alturas da película é a mellor solución que temos. Tamén é posible manter un discurso crítico tanto coas actuais políticas económicas en Europa como co propio proceso seguido de construción Europea, mantendo ao mesmo tempo unha aposta Europeísta. Na crítica ao que foi ou ao que é, cos matices que sexan, atoparémonos case todos. Para entendérmonos agora compre aclarar que queremos para o que debería ser, isto é, para o futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.