Europa, esa gran mentira

O domingo pasado culminouse a vergoña europea do século XXI: a entrada en vigor do pacto entre a UE e Turquía para a deportación das e dos refuxiados aglomerados nos campamentos improvisados en Grecia, así como a deportación de todos aqueles que cheguen dende entón, todo a cambio dun módico prezo posto polo goberno turco, un país que pese ás violacións de dereitos que está levando a cabo contra o pobo curdo ou contra a liberdade de expresión, entre outros, a UE considera agora coma un territorio “seguro”.

Europa está morta. Quen a día de hoxe siga defendendo o proxecto europeo, a súa viabilidade e beneficios para os pobos e persoas que o integran, así como a súa reforma, está cego ou simplemente minte. Os gobernos europeos están condenando á fame, miseria e posiblemente á morte a miles de persoas ao envialas de novo a un conflito no que Occidente e as súas políticas imperialistas teñen moita responsabilidade.

Esta represión e políticas xenófobas, e as violacións dos tratados internacionais que conlevan, significan un gran trunfo do fascismo europeo, ao ver cumplidas as súas demandas de expulsar en masa e impedir a entrada de migrantes. A mensaxe que se nos manda dende Bruxelas é que a vida das persoas non ten valor, ou polo menos non o mesmo valor que a banca, á cal non se dubidou en rescatar, mentres as persoas seguen afogándose no Mediterráneo.

E é que a historia non esquecerá esta decisión, nin absolverá aos seus asinantes. Este tratado criminal é un atentado aos dereitos humanos e escenifica o que xa se viña sabendo: que a UE é unha estrutura deseñada para as oligarquías europeas, antidemocrática, que non responde ás necesidades das cidadás, todo o contrario en realidade.

Que podemos facer dende a cidadanía? En primeiro lugar, seguir na rúa, berrando NON a este tratado e exixindo a súa paralización inmediata. Non podemos ser cómplices desta barbarie, non queremos selo. En segundo lugar, o que podemos facer é seguir a organizar a solidariedade, as sirias e sirios, entre outras, necesitan a nosa axuda. Hai moitas formas de colaborar e cadaquén pode facelo na medida das súas posibilidades.
En terceiro lugar, o que debemos facer é comezar a plantexarnos se merece a pena esta Europa, se merece a pena estar subordinados aos poderes económicos, ao FMI ou á Troika. Se merece a pena continuar nunha comunidade que incumple as súas promesas e permite a morte de nenos e nenas no mar.

NON NO NOSO NOME! NON Á GUERRA! REFUXIADAS BENVIDAS!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.