Europa non é o problema

Falábamos hai días nesta columna da decepción da cidadanía a respecto do proceso de integración europea, tendo en conta o seu déficit democrático, a falla de profundización na unidade política, a falla de control cidadán do Banco Central Europeo e ter adoptado unha unión monetaria sen establecer, ao tempo,  un amplo Orzamento federal e a coordinación das distintas políticas fiscais.

Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso continente

Porén, Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso continente. Compre transformar esta Unión para construír a Europa dos cidadáns e dos pobos, mais compre, tamén, recoñecer o avance exercido polo proceso de integración a respecto da Europa comesta polas guerras e máis o marco de estabilidade que ofrece.  Non por acaso, se non chegamos a pertencer á Unión Europea, o Goberno do Estado podería estar a intervir militarmente en Catalunya.

Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español

Aínda hai máis. Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español. Foi Aznar quen consentiu na prohibición da construción naval civil nos estaleiros de Fene en troques de que lle permitisen reflotar unha Navantia eivada pola ineficiencia dos seus estaleiros gaditanos e cartageneros. Foi Felipe González quen reestatalizou en grande medida as políticas de reequilibrio rexional o ao propor que os Fondos de Cohesión fosen directamente investidos dende o Goberno estatal e foron este e Aznar os que investiron un billón das vellas pesetas destes Fondos na construción da nova T4 do aeroporto de Barajas. Foi o mesmo González o que desarmou a nosa industria e priorizou as producións mediterráneas a respecto da agrogandaría e da pesca galegas nos Tratados de Adhesión do 1985. Foron PSOE e PP os que impuxeron a circunscrición única electoral no seu propio beneficio. E foron os sucesivos Ministros de Agricultura e Medio Rural do PP e PSOE os que orientaron as subvencións agrarias a prol dos grandes latifundistas casteláns, andaluces e estremeños.

O problema, pois, é moito máis España ca Europa. E a solución máis Galicia, máis e mellor Europa e menos protagonismo e competencias para o Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.