Un dos signos encubertos de islamofobia é a crítica, proclamado como feminista, do pano na cabeza. Resúltame irónico o comentario cando o traxe tradicional galego abrangue precisamente o emprego dun pano na cabeza
Un dos signos encubertos de islamofobia é a crítica, proclamado como feminista, do pano na cabeza. Non é con pouca frecuencia que escoito falar daquelas mulleres que levan o hijab con condescendencia, como se fose imposible que desfrutasen de liberdade por teren escollido taparse a cabeza. Resúltame irónico o comentario cando o traxe tradicional galego abrangue precisamente o emprego dun pano na cabeza. E por que o facían as nosas antergas? Porque non eran libres ou porque o estilo de vida que levaban o converteu nunha prenda cómoda e útil?
Cando eu era cativa acostumábamos a ir a un ultramariños da aldea onde sempre atopábamos unha vella moi engurrada sentada nun tallo xunto a barra dende onde despachaban as viandas. Aquela muller, ademais de ser para os ollos dunha nena, a muller máis vella da historia, levaba un pano na cabeza. Lembro preguntarlle a miña nai por el. Por que aquela muller levaba pano se estaba sentada dentro da súa tenda e alí non facía nin frío nin sol? A resposta foi sinxela, moi afastada dunha crítica pseudofeminista sobre a liberdade da muller. "Por costume", díxome a súa filla ao escoitarme bisbar, "porque antes todas as mulleres acostumaban a levar un pano na cabeza para que o pelo non se lles ensuciase tanto, xa que traballaban na terra".
Miña bisavoa tamén o levaba, contáronme despois, e algunhas veciñas aínda o poñía precisamente neses momentos nos que se dedicaban á agricultura. Os grupos folclóricos aínda o manteñen como elemento básico do traxe tradicional, mais ninguén o relaciona coa opresión patriarcal porque se fai como lembranza, como xesto que homenaxea un estilo de vida cultural.
O islam é unha relixión que se desenvolveu nun clima extremadamente cálido, do cal todos precisamos protexernos, non é de estrañar que o pano se mantivese tamén na súa tradición. Porén, a pesar de que o cambio climático pon de manifesto a súa utilidade, as mulleres musulmanas residentes en Galicia non reciben a comprensión que merecen. Temos unha cultura que comparte precisamente ese elemento e con todo, xulgámolo de maneira distinta.
O perigo que ameaza a Ceuta e ao resto do estado Español continúa a ser o mesmo que expulsou aos galegos de Galicia. Son os fascistas, os caciques, os ricos avariciosos, os que ansían dominar aínda máis do que xa controlan
Co sucedido en Ceuta, estas semanas vemos retransmitidos polo televisor os frecuentes abusos racistas que sofre a poboación migrante e novamente, o pobo galego non sente empatía ou compaixón, a pesar de termos na nosa historia as cicatrices da emigración. "Gallego" en latinoamérica enténdese como un sinónimo de bruto. Polo feito de proceder de Galicia, os migrantes que pisaban esa terra próspera, eran demostrados e xulgados sen permitirlles defenderse. Hoxe, nesta nosa terra galega, facemos o mesmo co sustantivo "moro" que empregamos cheo de connotacións negativas asignando unha conduta e condicións particulares (negativas) a aqueles que chegan á próspera Europa coas mesmas ilusións e necesidades que o farían os galegos en América.
Con frecuencia pregúntome como pode unha sentirse orgullosa da cultura propia mentres que se odia negándose a comprender a dos demais. Dalgún xeito, cando xulgamos as culturas alleas con tanta severidade, estamos a mostrar pouca confianza no valor da nosa propia tradición. O perigo que ameaza a Ceuta e ao resto do estado Español continúa a ser o mesmo que expulsou aos galegos de Galicia. Son os fascistas, os caciques, os ricos avariciosos, os que ansían dominar aínda máis do que xa controlan. Dende logo, non son os que buscan sobrevivir día a día como o fai a clase obreira.
Cando nos atopamos a unha persoa inmigrante precisamos esquecernos de loitas culturais absurdas e prestarlle máis atención á desigualdade de recursos que obrigou, do mesmo xeito que aos nosos antergos, a abandonar a súa terra
Cada vez que se analizan as diferenzas doutros pobos deste xeito tan superficial, cando non se pregunta pola orixe das súas costumes, cando non se escoitan as historias que as súas xentes traen ás costas; é unha vez máis que nos esquecemos do verdadeiro impedimento que afrontamos. Os galegos, por desgraza e a pesares da historia do noso pobo, somos racistas. O medo apodérase das nosas xentes as cales temen perder aquilo que conseguiron a moi duras penas mais ignoran que os culpables non eran nin a escaseza nin a falta de esforzo.
Cando nos atopamos a unha persoa inmigrante precisamos esquecernos de loitas culturais absurdas e prestarlle máis atención á desigualdade de recursos que obrigou, do mesmo xeito que aos nosos antergos, a abandonar a súa terra. Debemos, polo noso ben e polo noso futuro, deixar de imaxinarnos un modo perfecto de ser migrante e discutir máis como chegaremos a acadar unha redistribución dos recursos que nos permita ficar na nosa aldea, marroquí, nixeriana, malawi..., ou galega, e así vela prosperar en igualdade e benestar.