Non sei se é cousa da calor, de que a maioría da xente dispón de mais tempo que o resto do ano para maquinar, ou se é froito da casualidade, pero o certo é que semella que non hai verán que se poida gabar de selo sen que estale a pertinente polémica por algo relacionado coa violencia de xénero.
É como se a calor tivera como efecto secundario “ataques” de concienciación, unha concienciación, eso si, virtual, que non é cousa de facer esforzos ao tonto, e as redes sociais están para algo, non si?.
Este verán non podía ser menos, e xa fixo acto de presenza por mor da campaña de “sensibilización” contra os malos tratos presentada pola Junta de Andalucía, na que en cinco carteis aparecen fotos, din que reais, doutras tantas mulleres vítimas de violencia machista, todas elas lucindo un gran sorriso, ao carón dun texto que dí, “Ella ha sufrido malos tratos”, para apostilar, de seguido, “pero la vida siempre es más fuerte”.
Case de inmediato algúns políticos, certos colectivos feministas, etc, etc, comezaron vía, como xa dixen, redes sociais, a esixir a retirada da devandita campaña, a que cualifican de frívola e acusan a quen a lanzou de non ser conscientes do alcance deste drama.
Pois ben, como vítima de violencia de xénero que fun, e como parte dun colectivo que traballamos cada día con mulleres que a sufren, e non soamente en teoría, se non mergullándonos de cheo na súa realidade, vou dar a miña opinión.
Antes de nada, gustaríame aclarar algo que supoño que a estas alturas xa coñece a maioría da xente, e é que as mulleres que aparecen nos carteis non son vítimas reais, se non actrices seleccionadas para tal fin, como en calquera campaña publicitaria.
Dito isto, penso que, efectivamente, a campaña non é afortunada e amosa clarísimamente o que desde Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte non nos cansamos de repetir, con escaso éxito, todo hai que dicilo, que a realidade das mulleres que a sufren é, ainda a estas alturas, e malia que nos tentan vender o contrario con un descaro ofensivo, unha gran descoñecida, e non soamente pola sociedade en xeral, se non tamén, e especialmente, para aqueles que se supón teñen a obriga de traballar para tentar combatila e protexer as súas vítimas, ou sexa, políticos, institucións, etc, etc.
As mulleres que sobrevivimos a violencia de xénero, entre as que, afortunadamente, me inclúo, evidentemente, co paso do tempo, superamos, ou polo menos tentámolo, o inferno que nos tocou vivir nun momento das nosas vidas.
Vivimos unha vida normal, iniciamos novas relacións, e, desde logo, non nos queda outra que sacar forzas de onde sexa para continuar adiante, sobre todo se temos fillos.
Non é que “la vida siempre es más fuerte”, como proclama esa campaña, é que non nos queda outra que ser fortes, porque, por moi ben que nos vaia, se de algo non imos sobradas é de apoios, en ningún aspecto. Todo o contrario. A factura que a sociedade, as institucións, nos fan pagar é cara, moi cara, e con xuros ben elevados, tan elevados que nalgún caso non chega a vida enteira para pagalos, porque as que quedamos marcadas, estigmatizadas, as sinaladas xa para sempre, somos nos, as vítimas.
Posiblemente do noso verdugo non se volva falar, pero de nos, as “maltratadas”, como se nos chama moitas veces con un matiz de desprezo, sempre vai haber que dicir, e case nunca bo.
E eso con sorte, se a lei, a xustiza, funcionou mínimamente ben, porque, de non ser así, viviremos como autómatas, funcionando para sobrelevar o noso día a día, mirando sempre por riba do ombro, porque somos conscientes de que o malnacido que nos maltratou pode asomar en calquera momento e tentar rematar o que non puido no seu momento.
Por outra banda, sempre, e repito, sempre, por moi ben que semellemos superar o inferno que nos tocou vivir, quedan pegadas no noso interior.
A violencia machista non é un episodio mais ou menos duro que nos toca vivir e que, co paso do tempo, esqueces para sempre, sen mais. En absoluto.
Todas e cada unha de nos, as mulleres que a sufrimos, gardamos dentro as cicatrices, as marcas, que, guste ou non admitilo, van condicionar a nosa vida xa para sempre,e, porén, as nosas futuras relacións, ou a falta delas, porque son moitas as mulleres as que o terror vivido lles impide nin siquera considerar ter unha nova parella.
Non é tan sinxelo como eses carteis, esa campaña, tenta facer ver.
Agora ben, eu, como muller, como vítima que fun, non me sinto mais aldraxada por esta campaña, que, por certo, como tantas outras circunstancias coas que nos atopamos na vida, hai que tomala de quen ven, que por outras situacións que nos toca vivir cando tentamos sair do noso calvario e polas que ninguén se racha as vestiduras, nin inicia campañas virais, nin moito menos se manifesta.
Qué maior aldraxe pode sufrir unha muller que acude aterrorizada, nun estado de anulación total, facendo un esforzo inimaxinable, a denunciar ao seu verdugo, e se atopa con que é cuestionada, ou directamente non crida?.
Como se pode cualificar, se non de aldraxe, a absoluta desprotección que sufren na maioria dos casos unha vez que denuncian?.
Non é, acaso, unha aldraxe, que os que teñen a obriga, non soamente de protexelas, se non tamén de escoitalas, de tentar entendelas, de poñerse na súa pel , que alardean de posuír unha esmerada formación, cobrando ademais por isto, lonxe de actuar en consecuencia, minimizan o perigo que corren, a súa dor, expoñéndoas a un dobre perigo, por mor da agresividade ainda maior dun maltratador que se sabe denunciado e circula libremente pola rúa?.
E qué dicir deses procesos interminables, nos que se lles fai revivir unha e outra vez o seu inferno, tendo, ademais, que encargarse de demostrar todas e cada unhas das durísimas situacións que relatan, porque, de non ser así, non soamente será posta en dúbida, se non que se non se lle protexerá de xeito ningún?. Non é eso unha aldraxe?.
E como se cualifica ao que sinte unha muller cada vez que ten que entregar os seus fillos a quen non dubidou en maltratala, en utilizalos para facerlle dano, porque, de non facelo, a lei a castigará?.
Non é eso un xeito de aldraxar?.
Podería seguir e seguir.
Pero de todo isto moi poucos falan. Tampouco se fan campañas en redes que se fagan virais.
Nin siquera se fai o esforzo por coñecer esta realidade, para qué'.
É moito mais doado quedarnos co mais frívolo, que, sen dúbida, chamará moito mais a atención, e acadará mais sona, que, en definitiva, semella que é do que se trata.
Tal vez a campaña en cuestión non é a mais adoitada, seguramente, pero non é peor que o que a inmensa maioría das vítimas da violencia machista se lles fai padecer cada día.
A Junta de Andalucía, en definitiva, non está a cometer mais delito que o que cometen tantos outros, sexan da cor política que sexan, tentar sacar rédito da dor.
Nada distinto do que están a facer moitos dos que tanto se escandalizan.
Hai moitos xeitos de aldraxar as mulleres vítimas de violencia de xénero, e este é, sinxelamente, un mais.