Exorcizar o mantra: Unidade Popular e ruptura constituínte

“Está clarísimo que a alternativa  fronte a cal nos atopamos agora é esta: ou solidariedade social ou fascismo. Ou loita de clases dos explotados, solidarios entre si, contra o capitalismo financieiro ou fascismo”

Franco Berardi, A Sublevación.

Di o ex-ministro de finanzas grego Yanis Varoufakis, parafraseando a Karl Marx e Frederich Engels, que unha pantasma percorre a vella Europa: o espectro da democracia. E que todos os poderes reais uníronse en Santa Cruzada para exorcizalo. A súa breve (mais intensa) experiencia á fronte da fracasada negociación coa euromafia que desoe o clamor popular dunha nación periférica afogada, humillada e empurrada ata o límite do soportable fíxolle ver que non serven os argumentos científicos nin racionais contra o fanatismo ultraliberal que domina hoxe os centros de poder e decisión dunha Unión Europea que, ademais disto, comeza a ofrecer síntomas claros do auxe da xenofobia en imaxes ben similares ás do primeiro terzo do século XX: cuasi-progromos na Alemaña merkeliana contra os centros que acollen a refuxiados que escapan das guerras imperiais e que evocan á “Noite dos Cristais Rotos”, milicias armadas contra estes na Hungría de Viktor Orbán que recordan á Sturmabteilung (S.A., seccións de asalto do partido nacionalsocialista nazi alemán NSDAP) e un éxodo pola banda leste, desde os Balcáns, que presenta un panorama semellante ao da Lista de Schindler, salvando todas as distancias contextuais, mais a toda cor e en estéreo.

Hai certas actitudes contra as que non é posible empregar os argumentos racionais, como comprobou o goberno grego de Syriza, pois forman parte do terreo do místico ou da fe. Acontece isto coas relixións e cos fanatismos, da caste que sexan. Acontece isto hoxe tamén cunha Unión panxermánica, austeritaria, deudocrática e entregada en corpo e alma ao tótem do euro e da “economía de libre mercado” que ergue valados para conter o tráfico de persoas.

En psicoloxía un mantra é unha figura retórica que serve para darlle significado á repetición neurótica do suxeito a fin de reforzar un pensamento circular. Isto é: un razoamento sostido en siloxismos, que é unha forma de razoamento dedutivo que consta de dúas preposicións como premisas e outra como conclusión, sendo a última unha inferencia necesariamente dedutiva das outras dúas. A “moeda única” maila política de “austeridade”, a custa de todo e de todas, por exemplo, trocaron nese mantra postmoderno do que é practicamente imposible fuxir confrontando evidencias empíricas, como que o mantemento deste paquete empúrranos á destrución mesma das sociedades europeas e furta a democracia aos seus pobos. En síntese e en rigor, o proxecto da UE está indo por un vieiro totalmente oposto aos valores promovidos trala II Guerra Mundial.

A veces un determinado mantra, en política e comunicación, emprégase para desviar a atención e intentar xerar un marco interpretativo novo

A veces un determinado mantra, en política e comunicación, emprégase para desviar a atención e intentar xerar un marco interpretativo novo:  facer  “pensar nun elefante”, que diría G. Lakoff. Hai que saber identificalos e, o que é máis importante, procurar un discurso alternativo máis potente que posibilite saír do enguedello no que pretende atraparte, sen solución de continuidade. Son algúns dos perigos de infantilizar aos votantes (vistos coma mercadoría) e de substituír as prioridades do debate político central cara o terreo dos valores e das identidades.

Salvando as máis que evidentes diferenzas con todo o descrito arriba, e só centrándonos no concepto, un mantra percorre o debate no seo de parte do nacionalismo galego desde o último Día da Patria o pasado 25 de Xullo: a procura e consecución, supostamente inexorable, dun grupo parlamentar galego propio nas Cortes españolas como obxectivo único e fin en si mesmo. Sen contar por e para que. Sen resolver as distintas visións que hai no seu seo sobre a relación coa zona euro ou a ditadura da débeda, por exemplo: é posible a prosperidade e o benestar para as maiorías co actual deseño institucional e monetario?

Un mantra percorre o debate no seo de parte do nacionalismo galego desde o último Día da Patria o pasado 25 de Xullo: a procura e consecución, supostamente inexorable, dun grupo parlamentar galego propio nas Cortes españolas como obxectivo único e fin en si mesmo

Coma se por algún designio histórico determinista iso fora producirse, atendendo aos precedentes e ás regras de xogo vixentes. Coma se iso resolvera, dunha tacada, a problemática nacional ou a dependencia secular e as veas abertas do noso país. Coma, se por si mesmo, abrira as portas á liberación nacional. Nalgúns sectores, mesmo considerando que é posible facelo concertando unicamente o apoio das forzas nacionalistas, e desbotando radicalmente a participación de forzas actuantes en Galiza “de obediencia española”. Un escenario certamente ilusorio, mal que nos pese a moitas e moitos, e un pensamento circular enquistado nun ácedo debate que se produciu xa en 2012 coa irrupción de Alternativa Galega de Esquerda, repetiuse en 2014 con AGEenEuropa e recuncou nas municipais de Maio de 2015 coa conformación das candidaturas de unidade popular e o asalto ao poder local en cidades como A Coruña, Compostela ou Ferrol para restituír a dignidade aos comúns na fase máis agresiva e depredadora coñecida do neoliberalismo: saqueo, precarización laboral, privatizacións a esgalla e corrupción estrutural impune a conta de dereitos básicos conquistados durante décadas, como a Sanidade e a Educación públicas ou a Vivenda. A fin da Cultura da Transición (CT) opera e lastra tamén certos pre-conceitos do nacionalismo político organizado.

A posibilidade de artellar unha oferta electoral para o suxeito político galego en xestación, que existe ex ante o número de deputados nacionalistas que se obteñan nas Cortes (cantos máis, mellor) non pode torcer a vista do obxectivo estratéxico primordial que os cidadáns lexitimaron co seu apoio aos gobernos “do cambio” en Galiza e no resto do estado, especialmente nas grandes capitais: Barcelona, Madrid, Iruña-Pamplona, Zaragoza, Cádiz, Valencia, A Coruña, Compostela…; é dicir, continuar co proceso de acumulación e Unidade Popular para “abrir o ferrollo da CE1978” e dar unha oportunidade ao exercicio da democracia “para decidilo todo”, tamén o dereito inalienable (e non-recoñecido no marco actual) dos pobos ao dereito de auto-determinación e a facerse donos de si. Ruptura constituínte e apertura dunha nova etapa histórica: “un orde completamente novo”, que anuncia frecuentemente o analista Jaime Miquel. Sempre tendo presente que nas regras do mercado global e na arquitectura institucional que as promove e sostén o concepto clásico de soberanía deturpouse ata o extremo de que os pobos, escollan o que escollan, non deciden practicamente ren se non se racha con esa evidencia antes. De ser así un ou dous deputados nacionalistas que integren o Grupo Mixto, como até agora, non mudarán ningunha correlación de forzas, aínda recoñecendo o traballo ímprobo desempeñado nestes anos. Non somos Catalunya, e non presentamos un reto desa envergadura ao estado español. E un novo status para Galiza, sexa o que for, precisa tanto ou máis da mobilización popular nas rúas e da organización cívica e social ca dun número X de deputados, que tamén é importante.

Un novo status para Galiza, sexa o que for, precisa tanto ou máis da mobilización popular nas rúas e da organización cívica e social ca dun número X de deputados, que tamén é importante

É unha loita común de todos os pobos do Sur, incluído o galego, contra ese “Minotauro global” que lle pisou a cabeza a Yanis Varoufakis no lombo do pobo grego no primeiro asalto ao que presentou resistencia. Para afrontalo é preciso tecer alianzas amplas que multipliquen e abran fiestras de oportunidade para un escenario post-neoliberal, como saben ben os latinoamericanos e viñemos testando, con éxito, coa apertura do ciclo electoral inconcluso.

Atopar a solución xurídico-electoral axeitada que dea continuidade ao proceso de acumulación que vén xestándose desde 2012 en Galiza é o reto que afrontan as forzas cívicas e políticas: nin conformar un mero apéndice de calquera forza estatal sen marxe de actuación soberana, nin desbotar a colaboración con estas sobre a base do respecto mutuo para darlle voz aos sen voz desta nación; ás súas clases populares, ás súas necesidades estratéxicas e ás súas demandas históricas. Os actores fundamentais que están chamados a robustecer e, no seu caso, abrirlle a porta a novos actores neste proceso coido que son (fundamentalmente, pero non só) as lexitimadas nas urnas para facelo. Cun discurso e cunha metodoloxía definida, actuando os partidos coma “motores auxiliares” mais non coma convidados de pedra ou comparsas.

O sentido común que emerxeu o 25 de Maio pasado e preside hoxe é o de dar continuidade e traballar a prol da Unidade Popular e non, nesta fase histórica, reunificar o nacionalismo nin outros obxectivos que non teñan á primeira premisa no horizonte. Máis aínda ante a posibilidade certa dunha Gran Coalición bipartidista no goberno central, como parece albiscarse. Contra vento, e a favor da maré.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.