Pensamos na repetición das eleccións xerais e véusenos á cabeza o famoso chiste dos cogomelos e os Rolex. O conto, que xoga ao lugar común para organizar a gargallada, narra o diálogo de dous tipos que nun outonizo día saen aos cogomelos. Un deles encontra un Rolex, que pasa por ser o reloxo máis caro do mundo, ou sexa, un tesouro. Ao lle anunciar a boa novoa ao seu compañeiro, este recrimínao. Ou andamos a cogomelos ou andamos a Rolex.
A construción de candidaturas de unidade popular para un proceso de ruptura que traspase a esfera política e organice mudanzas nas relacións de produción está constantemente sometida tamén a esta chamada á orde. Ou aos cogomelos ou aos Rolex. Pero non sei eu se esa advertencia responde a unha necesidade de clarificación, a unha escolla nunha encrucillada que se repite coma as herbas nun prado, ou se máis ben será a borralla fría que queda do lume dun tempo político que xa non arde nin arderá máis. Porque ao mellor é hora de comprender que andar aos cogomelos e aos Rolex pode ser o mesmo.
O importante, con todo, non é o chiste. E se a escolla fose real, tampouco os Rolex son mellor cousa ca os cogomelos. Na esfera política, que nin é autónoma nin simple proxección dunha mecánica económica independente, os Rolex veñen converténdose en cogomelos desde hai certo tempo, e os cogomelos en Rolex. E iso é así porque imos descubrindo que o mundo non é tan perfecto que non esixa unha reorganización conforme ás nosas necesidades e desexos. Ou sexa, que nesta altura o importante é a determinación de abandonar a placidez dun día de outono a carón da lareira para saír ao bosque a por cogomelos e Rolex e mais o que faga falta, que de todo hai. Un pouco como Percival cando sae ao xardín traseiro da casa.
Saír ao bosque é un proceso en marcha máis ca unha restra de acontecementos cogomelo a cogomelo. Eu téñolle chamado relato, non porque crea que a política só é un acto narrativo, comunicativo, lingüístico, senón por certa identificación literaria do fluír argumental. Do seu dinamismo, das elipses, dos atrancos, das encrucilladas, do espazo e o tempo, dos personaxes, dos antagonistas, dos desenlaces abertos... O conto arrinca en 2012 coa proposta de Beiras dunha Fronte Ampla, prosegue con AGE e AGE en Europa, pega un salto cualitativo nas municipais coas mareas e as candidaturas de unidade e converxencia e ensaia En Marea para as xerais. Mais esa é apenas a casca, a sinopse que o editor coloca na lapela do libro. A narración é máis complexa, máis radical ao revolver a terra: Non á LOU, Nunca Máis, Non á Guerra, Folgas Xerais, Galicia Non Se Vende, mil conflitos sectoriais e algún salto cualitativo coma o do 15M. Todo é parte dun mesmo proceso no que vai configurándose un suxeito social que se identifica na súa propia diversidade e necesita construír en común o seu relato político e un novo espazo de vida. Unha clase en si e para si, dixeron os clásicos.
O proceso é continuo e acumulativo, pero sobre todo é frenético. En só catro anos pasan de golpe varios lustros, o cal probablemente vén a alertarnos de que vivimos sobre o volcán dun cambio de época. Un volcán que excitamos nós mesmas, subalternas e subalternos. Poida que vivamos un deses momentos históricos en que o tempo se contrae de maneira vertixinosa, conquista unha masa extraordinaria e despois estoupa nunha expansión sen límites, imprevisible. Un momento no que as leis vellas xa non rexen. O proceso abandona a aparentemente eterna estabilidade, tan doce, e xera as súas propias normas. Impón, ao cabo é iso, un sentido común novo que escandaliza a quen inda conserva a fe en que o mundo estable que nos precedía, aquel universo frío e estático, era o naturalmente deseñado por unha vontade non sei se divina e infalible pero si sabia. E non, o imperio do caos ameaza con gobernar a materia. Disponse a facelo.
Acumulación de forzas, unidade e confluencia. Tempo de mestura e impureza, de recoñecemento mutuo da diversidade realmente existente. A pluralidade de identidades, culturas e concepcións coincidimos na identificación de necesidades comúns e, por tanto, no desexo de ruptura. Queremos seguir sendo o volcán en erupción. Negamos a lava petrificada. Enfiamos cara á ruptura. Ruptura democrática non é destrución. É recuperación do roubado, reparación do destruído e construción do prohibido. Un camiñar constante polo xardín de Percival coa disposición aberta a toda caste de encontros.
É importante a idea de exaltar a diversidade e a diferenza como compoñentes nucleares do proceso e do suxeito que decide articularse, porque sen elas non hai forma de construír unidade popular. O proceso esixe, por tanto, o recoñecemento mutuo dos diferentes actores, a asunción común da lexitimidade de todos eles. A unidade só pode establecer unha condición principal: desexar ser parte do traxecto. A carón dela, dúas esixencias que todos os participantes, un a un, deberían de impoñerse. Unha, ese recoñecemento da lexitimidade do outro, de todos os suxeitos cos que se constrúe o espazo unitario de ruptura. Outra, a comprensión do proceso como un movemento e non como un axente fosilizado. Porque os procesos sociais que dan lugar a esta reconfiguración política en marcha clausuran as formas estables do territorio político previo. Non ten sentido, daquela, seguir a analizar a realidade política coas lentes do mundo inmutable previo a todo este movemento de creba democrática.
A dimensión electoral do ámbito político inaugura novo calendario. Temos unhas eleccións xerais para xuño e unhas galegas probablemente un pouco máis adiante. Non hai moito lugar para abaneos. Cómpre un instrumento identificable. Identificable non para quen se sitúa no centro da intervención política partidaria ou nas diferentes iniciativas xa organizadas, senón para a totalidade de votantes potenciais. Esa cidadanía do común susceptible de organizarse arredor do proceso, nos seus diferentes espazos posibles. Non son idénticos os dous procesos electorais, pero ambos esixen que o suxeito de ruptura sexa claramente identificable. Déaselle ao instrumento as concrecións que os diversos axentes consideren, pero asumamos que o proceso é o mesmo, que as eleccións xerais primeiro e as galegas despois son fases sen solución de continuidade dun mesmo traxecto e campo de ruptura que non termina aínda e que debe enterrar os pés na lama máis material da realidade. Aquelas persoas, grupos, iniciativas e organizacións que comparten, con todos os matices imprescindibles pero sen ningunha dúbida, a idea de que o proceso é irrenunciable deben facer o posible para que o conxunto da cidadanía do común (á que eu prefiro chamarlle multitude ou clases populares ou subalternas) se saiba apelada a participar. As diferentes iniciativas que nestes momentos operan en direccións semellantes están obrigadas a dar co espazo de encontro e formular o asalto ás cortes e ás autonómicas como dúas fases dun mesmo proceso estratéxico. Claro que hai que asaltar o ceo.
Persoalmente, creo que a referencia de En Marea é ineludible. A candidatura das pasadas eleccións xerais e o acordo político que a orixina posúe a maior das lexitimidades: o referendo de máis de catrocentos mil votos. Pero sería unha inconveniencia, por sermos cautos na cualificación, converter o instrumento nun fin en si mesmo e na cifra de todas as posibilidades. En Marea non vai poder anular outras iniciativas de base que xurdan por todo o territorio galego, sexan con vocación territorial ou sectorial. Tampouco as outras posibles iniciativas van poder anular En Marea.
Ninguén debe facelo, ademais. Non hai contradición posible na medida en que as diversas iniciativas poñen no escenario principios fundamentalmente idénticos sobre os que construír o lugar de encontro. Falamos diso, dun lugar de encontro. Non se trata de que unha iniciativa se invista unilateralmente en espazo único, o lugar ao que todos os actores se teñen que subordinar; trátase de que as diversas iniciativas e actores encontren e constrúan ese escenario común. A lóxica da lealdade mutua, da mutua confianza e da cooperación fronte á competencia é a que ten que determinar este xogo. E, como é lóxico, democracia directa e radical para todas as decisións, desde as relacionadas coas candidaturas á da elaboración programática. É a multitude que se vai organizando a que decide as súas propias formas. As organizacións, como é obvio, serán acompañantes dos procesos, non protagonistas. No proceso, militantes e non militantes somos exactamente iguais. Non é secundario todo isto, entre outras cousas porque o suxeito de ruptura portará en si mesmo o xerme de sociedade que desexa e propón. Mais nesa procura ninguén debe esixir que se estea só a apañar cogomelos ou Rolex. Xa quedamos en que facían parte da mesma expedición, de idéntico bosque.
A noite do pasado 20 de decembro, mentres compartiamos impresións arredor dos resultados electorais, alguén pronunciou unha reconvención: a ver se para a próxima facemos as cousas ben. Tal cualificación, o ben ou o mal que estaban feitas as cousas, non dependía dunha verdade absoluta senón dunha relación entre o que se fixera e os resultados obtidos. Nese sentido, falando en termos electorais, era evidente que as cousas se fixeran extraordinariamente ben: seis representantes no Congreso dos Deputados e dous no Senado eran o resultado que nos viña a dicir iso. Considerar que o proceso que dera lugar a En Marea era un conxunto de cousas mal feitas dependía dun horizonte de expectativas diferente e non satisfeito. É fácil de comprender que En Marea non podía ser, non pode selo de ningunha maneira, o instrumento perfecto. Pero iso só se entenderá na medida en que sexamos conscientes de que o proceso non está composto por acontecementos pechados senón por un fluír constante no que, por suposto, a ferramenta non é un corpo eternamente fosilizado pero, e isto é extraordinariamente importante, o terreo conquistado non se abandona. En Marea será útil na medida en que sexa desbordado multitudinariamente. É dicir, na súa transfiguración está a súa capacidade de ir máis alá.
O bo que teñen os procesos abertos e plurais é que nos permiten reconfigurarnos sobre a marcha se damos identificado os aspectos que merecen permanecer e aqueles que deben ser mellorados. En Marea ou como sexa que se decida que se chame o suxeito que continúe nas próximas citas electorais (as Mareas) non é allea a esa necesidade. A cuestión será que entre todos os actores se encontre a forma de lle dar continuidade ao proceso de maneira que toda a cidadanía siga identificando o mesmo suxeito en construción. Ese espazo de encontro, sen identidades irrenunciables nin patriotismos de marcas, é, creo, un obxectivo inmediato para, desde aí, continuar construíndo en común o suxeito de ruptura que nos permita tamén conquistar as institucións para poñelas en mans da multitude e mudarlle o rostro ao mundo.
Seguimos sen conformarnos con menos.