Facer República

A guerra segue sendo entre mercado e comunidade e hai pouca dúbida de que imos perdendo. Vivimos nun estado de excepción permanente no que xuíces, partidos e medios de comunicación do Réxime converten ó adversario en inimigo e substitúen a disputa política pola aplicación do código penal. Aquel “Querémolo todo!” que dá título á novela de Balestrini poderiámolo traducir hoxe como “Válenos todo!”, moito menos entusiasta e ambicioso que o orixinal pero máis axustado á realidade. En Europa ábrese paso unha dereita xenófoba, nacionalista e autoritaria que asume o mandato económico das elites e culpa dos males da nación a quen se xoga a vida escapando da fame ou da guerra. Aquí, se xa levamos tempo dicindo que o Estado de Benestar desapareceu, agora desaparece tamén o Estado de Dereito entre porrazos, cadea e exilio.

No ciclo que remata, as nosas debilidades fixeron que non tardáramos en atopar os límites do conquistado os últimos anos. Atopámonos co 135, co sometemento de todas as institucións ó cumprimento dos mandatos da UE, co 155 e a impunidade coa que o Estado pode esmagar a vontade democrática dun pobo, ou coas consecuencias da Lei Mordaza, que manda ó caldeiro a activistas que loitan polos seus dereitos ou a cantantes que atacan á Monarquía nas súas letras. Pero sobre todo atopámonos cos límites que impón a fragmentación da sociedade civil e a ausencia de vínculos comunitarios dende os que blindarnos contra os poderes económicos.

Nun momento de retroceso para nós e de recomposición da representación para as elites, toca consolidar o conseguido e armarnos para superar eses límites

Nun momento de retroceso para nós e de recomposición da representación para as elites, toca consolidar o conseguido e armarnos para superar eses límites. Nas poucas experiencias acumuladas estes anos, o éxito veu da man de fórmulas que conseguiron romper co papel subalterno e minoritario que nos tiñan asignado no reparto de roles do Réxime.  O mellor exemplo deste desborde é o municipalismo, en cidades e vilas nas que medran proxectos nos que conviven diferentes militancias, ideoloxías e sensibilidades, co centro posto en xerar mecanismos de participación democrática, blindar dereitos sociais e facer público moito do que agora é negocio duns poucos.

Mais eses límites non están só no institucional, tamén na nosa propia experiencia, á do movemento xuvenil e estudantil, atopamos límites que teñen que ver coas condicións de vida: non ter sequera espazos para intervir sobre as problemáticas que sufrimos, un emprego marcado pola temporalidade e a precariedade, a emigración, a falta de certezas coas que afrontar o futuro...Para nós, falar de República Galega ten que ser falar de todo iso. Porque un proxecto republicano atopa sentido cando loitamos polo noso dereito á saúde, ó corpo, ó tempo á vivenda, ó ocio, ó ensino ou á cidade. Na procura de como organizarnos é onde nos temos que atopar, onde República se pode dicir dende diferentes ópticas, tradicións e culturas políticas. Porque a nación non é patrimonio de ninguén.

O único que nos vai quedando claro, en cada paso que damos e en cada sitio no que participamos, é que a aposta republicana é a única capaz de xerar as bases dunha cultura política na que caiba quen recoñeza o dereito do pobo galego a decidilo todo. Non é unha fórmula novidosa, pero segue sendo unha tarefa pendente poñela en práctica e o momento dinos que é urxente facelo.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.