Fake news sobre o emprego

Como teño repetido numerosas veces, o maior problema macroeconómico de Galicia é o emprego. Un problema sistémico pois como mostran as evidencias empíricas Galicia, ademais de ter un nivel de emprego –ocupación- dos mais baixos de Europa mantén, durante períodos longos de tempo, elevados niveis de desemprego que a válvula da emigración non é quen de tapar. Por si isto non fora suficiente na derradeira década entre o emprego creado o precario é moi maioritario aparecendo como substituto dun emprego de maior calidade e duración. 

Pasemos revista a realidade laboral da Galicia actual e comparémola coa de España e a Eurozona. A a taxa de desemprego en Galicia (11,74%) está claramente por riba da media na eurozona (7,5%: catro puntos de diferencia) pero mantense inferior a media española (13,78%). Un desemprego moi elevado a pesar de ter unha taxa de actividade (53,13%) baixísima (España 58,74%, Eurozona: 73,1%). Un desemprego que sería moi superior de non existir a citada válvula de escape da emigración. Un desemprego derivado da escasa capacidade de creación de emprego como proba o dato de que a taxa de emprego en Galicia (46,9%) está por baixo da media en España (50,6%) e a enorme distancia da taxa media na Eurozona (67,6%). 

Unha realidade que, como mostran tódalas evidencias, non mudou ningunha das reformas laborais neoliberais dos derradeiros anos (2010, 2012) que si ben é certo que facilitaron a creación dun certo emprego este, como sinalaba anteriormente, foi e segue sendo maioritariamente precario tal que situaron a Galicia e a España como lideres europeos en precariedade laboral. Poñendo de paso en evidencia que as susoditas reformas o que si fixeron foi facilitar a substitución de traballo fixo e de calidade por traballo temporal e precario: mais do 90% dos traballos creados nos derradeiros anos son precarios. Tendencia que levou a que, segundo fontes sindicais, na actualidade o redor do 40% dos traballadores galegos sexan laboralmente precarios. Unha precariedade que non é quen de impedir que nos derradeiros anos, segundo datos de Ministerio de Traballo, Galicia estea creando menos emprego que a media en España

En Galicia, xa que logo, o emprego converteuse no maior problema macroeconómico e social, nu problema de naturaleza sistémica. Algo que confirma a propia cidadanía galega cando sitúa ao emprego como principal problema a nivel social, e o paro e a precariedade laboral a nivel particular. Unha realidade que debera facer reaccionar as autoridades galegas, en primeiro lugar a Xunta de Galicia, cousa que non sucede: en este grave problema nin están ni se lles espera.

A este “dolce far niente” é fácil atoparlle explicación. En primeiro lugar a que todo indica que as autoridades galegas, como lle sucede as españolas, descoñecen que medidas realmente impactan positivamente no emprego. Descoñecemento derivado, no mellor dos casos, da hipótese que defenden e que sostén que os problemas de emprego deben ser resoltos polo propio mercado quen é capaz, por si mesmo, de conducir ao pleno emprego. En segundo lugar a que si isto non sucede, si hai desemprego, pensan que as causas hai que buscalas nas clases traballadoras quen, por distintas razóns, non aceptan o traballo nas condicións que se lle ofrecen. Finalmente conclúen que si os traballadores as aceptaran non habería desemprego.

Velaí que o papel que se lle asigna aos poderes públicos, como por caso a Xunta de Galicia e o mesmo Goberno español, é tanto o de facilitar esa flexibilidade nas relacións laborais –salarios e contratos- como o de eliminar, ou cando menos debilitar, as barreiras a esa flexibilidade -as centrais sindicais en primeiro lugar-. Claro que a realidade é moi teimuda. Así podemos ver como en Galicia, tal como sucede en España, a pesar das citadas reformas laborais que tiñan como obxectivos centrais os anteriormente citados, o desemprego se mantén en niveis moi elevados por mor, especialmente, da débil empregabilidade.

Neste contexto sería desexable que as distintas organizacións políticas que pensan presentarse as vindeiras eleccións autonómicas puxeran enriba da mesa as súas propostas para a creación de emprego xa que, como sinalaba, todo o indica que eso é o que mais parece preocupar a maioría dos/as galegos/as. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.