A última EPA (4º trimestre do 2018) recollía estes datos básicos relativos ao emprego en Galicia: 1.237.000 activos, 1.088.100 empregados e 148.900 parados. Esa mesma fonte (EPA) recollera que nas vésperas da grande recesión (4º trimestre do 2007) a situación era a seguinte: 1.292.600 activos, 1.196.100 empregados e 96.500 parados.
A primeira evidencia estatística é a de que, a pesar do tempo transcorrido Galicia aínda no recuperou o nivel de emprego previo ao estoupido da grande crise: contando con 55.600 activos e 108.000 empregos menos pero 52.400 desempregados mais. Con estas evidencias estatísticas hai algunha dúbida de que a baixa actividade e a falta de emprego son dous dos mais graves problemas sociais de Galicia?, pode negarse que en Galicia estase creando moi pouco emprego?, non é, por caso, Galicia unha das comunidades autónomas con menos xente empregada?. Galicia ten unhas taxas de actividade (53%) e ocupación (46,6%) que están claramente por baixo tanto das respectivas medias en España -(58,6%) e (50,1%)- como, moi especialmente, das comunidades mais desenvolvidas tal que Pais Vasco (57,8% e 54,4%) e Cataluña (62,8% e 58,0%)
Nunha economía capitalista o mercado de traballo, como calquera outro mercado, ven determinado polos axustes entre a demanda e a oferta globais. Os datos estatísticos anteriores nos mostran que en Galicia hai un problema de demanda de traballo. Unha demanda (pública e privada) débil que non cubre a oferta –non hai suficientes postos de traballo dispoñibles para os/as galegos/as que queren traballar-, provocando un baixo nivel de emprego e unha elevada taxa de desemprego.
As políticas de duro axuste fiscal debilitaron unha xa de por si moi deficitaria demanda pública de traballo. Os recortes no gasto público trouxeron consigo fortes reducións no emprego público: o emprego público en Galicia non chega ao 12% da poboación activa. Feito no que incide decisivamente o deficitario estado de benestar xa que as funcións públicas de benestar apenas ocupan o 8% da poboación activa galega (15% na Eurozona). Velaí unha das causas mais relevantes do baixo nivel de emprego en Galicia.
Outra das evidencias que nos mostran as estatísticas é a da que as reformas laborais neoliberais (2010 e 2012) non promoven a creación de emprego senón que o que fan é disparar a precarización (en Galicia o 90% dos novos contratos son precarios), manter moi baixos niveis de emprego e soster elevados niveis de desemprego. Con tales reformas laborais, que facilitan o despido e debilitan o movemento sindical, os empresarios conseguen a moderación salarial que, segundo os neoliberais e en contra de tódalas evidencias, facilita a creación de emprego. Un criterio empresarial (por caso o da CEOE, Banco de España…) que non ten base científica. As evidencias demostran que con salarios mais baixos diminúe a capacidade de compra dos/as asalariados/as e, xa que logo, diminúen os clientes aos que as empresas lle poden vender. Si diminúen as vendas, os empresarios diminúen a produción e deixan de contratar traballadores por que non teñen clientes a quen vender os seus produtos. A creación de emprego, en definitiva, depende non do nivel dos salarios senón da demanda de bens e servizos. As evidencias empíricas en Galicia, con un numero de pemes dos mais elevados de España, son indiscutibles pois vemos como baixalos salarios non serve para crear emprego.
Na creación de emprego a negociación entre os axentes sociais ten un papel moi relevante. Unha negociación (capital/traballo) que require que ámbolos dous axentes (empresarios e traballadores) estean debidamente artillados e representados. Cousa que, desgraciadamente, non sucede hoxe en día en Galicia. Por unha parte o Goberno galego actual (PP) ven facendo todo o posible por debilitar ao máximo o movemento sindical negándolle ao tempo, sempre que pode, a súa lexitima representatividade. Por outra o empresariado galego, seguramente un dos menos dialogantes de España, non é quen de superar as súas crónicas divisións e dotarse dunha representatividade e lexitimidade que son imprescindibles nunha democracia avanzada.
Non menos importancia ten a situación do mercado bancario, a facilidade de acceso ao crédito para o que se precisa contar con entidades bancarias (publicas e privadas) dispostas a prestar aos axentes privados os préstamos que estas precisan para desenrolala súa actividade (consumo, investimento, comercio, contratación, formación ….). Un mercado bancario que en Galicia, logo da desfeita das caixas de aforro froito tanto da incompetencia dos que gobernaron eses anos a Xunta de Galicia como da enorme avaricia duns irresponsables dirixentes e directivos bancarios, non cobre as necesidades financeiras dos axentes privados e públicos.
Esta análise non debe perder de vista o impacto que sobre o emprego en comunidades como Galicia ten unha economía mundo capitalista rexida polo neoliberalismo. No sistema mundo actual a liberalización dos intercambios facilitou, por caso, a deslocalización empresarial e o fraccionamento da actividade que leva a que moitas empresas manufactureiras (téxtil, alimentación, transformados metálicos) que estaban localizadas no Norte trasladen as súas factorías, toda ou parte, a estados do Sur (menores salarios, xornadas mais prolongadas, menor sindicación…). Por si isto non fora suficiente a liberalización de capitais viu tamén a retrotraer aínda mais a xa moi débil IDE nestas periferias (Galicia: 0,5% do total español). Fenómenos conxunturais que veñen a sumarse ao factor estrutural derivado do intercambio desigual que turra a baixa dos salarios nas comunidades periféricas como, por caso, Galicia: salarios baixos que debilitan a demanda e frean a produción. Fenómenos todos que teñen o seu conseguinte impacto negativo na actividade e o emprego.
Si se analiza polo miúdo os factores sinalados verase que todos dependen da situación a nivel macroeconómico, que o mercado de traballo depende en última instancia, tal e como sinalaba anteriormente, da oferta e a demanda globais. Os problemas do mercado de traballo teñen, xa que logo, unha raíz política polo que podemos sinalar con toda rotundidade que son as políticas públicas (fiscal, laboral, monetaria, comercial) que se aplican as que coadxuvan decisivamente a que en Galicia, como en España, se cree moi pouco emprego. E a que o pouco que se crea sexa maioritariamente precario. (España, e con ela Galicia, ten os niveis de precariedade laboral mais elevados da Unión Europea).