As voces baixas, o último libro de Manuel Rivas pode ser, na miña opinión, unha das mellores obras deste autor que xa é, con todo merecemento, un dos máis grandes da nosa literatura. Trátase dun texto autobiográfico no que, en vintedúas breves estampas, repasa os primeiros anos da súa vida, desde os primeiros medos infantís ata os seus inicios no xornalismo, traballando como meritorio no mítico Ideal Gallego daqueles anos setenta, onde comezou no oficio a carón de figuras como Luís Pita e Xosé Gaciño.
Hai autores que caen na trampa do anecdotario e convirten o relato autobiográfico nun amoreamento de persoaxes e sucesos que teñen escasa relevancia fóra do ámbito persoal ou local. Ata os mestres poden cometer este erro (García Márquez en Vivir para contarla, ou Ramiro Fonte en Os meus ollos). Outros caen na autocomplacencia: o autor convírtese en protagonista da historia e só reflicte aqueles perfís que máis lle conveñen. Non é doado facer boa literatura a partires da memoria persoal. Caballero Bonald (Tiempo de guerras perdidas) decía que, onde remata o cómputo privado da realidade, comeza a invención artística doutra realidade puramente literaria: “redactar unas memorias también equivale a montar una novela a partir de esa memoria”.
Eso é o que consigue o autor neste fermoso libro. Constrúe unha peza literaria cos recordos da súa infancia e adolescencia. Pero Manuel Rivas non fala tanto de sí mesmo como dos seus: dos avós, dos pais, dos tíos e da súa irmá María, unha sombra protectora, unha presenza permanente nesta obra, desde a foto da portada ata o último capítulo no que relata a súa morte prematura. Tamén fala dun tempo, os últimos anos do franquismo, co silencio instalado nas casas –había cousas das que non se podía falar-, co autoritarismo presente na igrexa e na escola -onde os rapaces tomabamos o leite en pó da axuda americana-, coa emigración como horizonte para a xente nova (“Un día, indo sós para a escola , Antonio informoume moi contento: “Mañá marcho para Inglaterra”. E engadíu: E ti quedas aquí”), coas familias traballando duro para fuxir da miseria e na procura un futuro mellor para os fillos (“E ti, cando sexas grande, a ver se buscas un traballo no que non te molles”).
O texto, e as fotos que o acompañan, dan testemuña da vida dunha familia humilde que traballa arreo para mellorar a súa vida
O texto, e as fotos que o acompañan, dan testemuña da vida dunha familia humilde que traballa arreo para mellorar a súa vida. O autor recorda aos seus con afecto, con grandísimo respecto e tamén con admiración. O seu pai, albanel e saxofonista, foi quen de construir no Castro de Elviña, coas súas propias mans, “aquela nosa casa solitaria que resistía as tempestades”. Súa nai, que falaba soa mentres traballaba, protexía aos fillos contra o mundo, “mantiña unha loita sen tregua contra a friaxe e as correntes de aire”, e estaba obsesionada con que os fillos tivesen un traballo que os librase de andar á intemperie. Hai un momento do libro que resulta moi revelador. Despois de moitos días sen poder traballar, por causa da chuvia, o pai estoupa: “Quen me dera unha semana no cárcere”. E a nai contéstalle: “E a min sete días no hospital!”. Como se pode apreciar hai tamén no libro, como é habitual en Rivas, unha grande dose de humor, un humor terapéutico que axuda a tolerar os golpes da vida. E tamén humor negro de alta calidade. Conta o caso de Antonio o Chibirico, que exerceu de enterrador na parroquia de San Vicenzo. Ás veces achegábase á porta das tabernas e berraba: “Hai que ir morrendo! Non dades un peso a gañar!”.
Todo esto é contado en voz baixa. O autor non eleva o tono, non impón o seu discurso senón que relata con sinxeleza, afecto e ironía a vida cotiá deste grupo humano no que naceu, medrou e aprendeu a ser boa persoa (“Fueron mi vida. Gente a la que quise. Cada una de sus ausencia me ha llenado de sufrimiento”, Rafael Chirbes en La buena letra). Pero a novela trascende o terreo estrictamente persoal e familiar. Os que vimos daquel tempo, e da mesma estirpe proletaria, recoñecémonos nestas figuras e neste relato. Tamén nós sufrimos os medos infantís, soubemos da friaxe dos invernos, tivemos mestres que utilizaban a regra como ferramenta de traballo e na nosa casa tampouco había libros.
As forzas reaccionarias, que agora dominan no país, están a dictar normas e a impoñer decretos para tentar que o fillo dun albanel non poida chegar a ser o mellor escritor de Galicia
Relatos coma este axudan a darlle sentido ás nosas vidas. As narrativas persoais que imos construindo ao longo da vida “danlle sentido ao pasado, explican o presente e anticipan o futuro” (Santiago Lamas, Galicia borrosa). Esta memoria persoal do autor é tamén, en parte, a nosa memoria colectiva. Manuel Rivas é un notable poeta, un articulista brillante e comprometido e un narrador poderoso que nos deixa neste libro unha testemuña conmovedora dos seus primeiros anos neste mundo.
A súa irma María gañou, nunha ocasión, un concurso de relatos patrocinado por unha empresa de refrescos. Os xornais titularon: “La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción”. As forzas reaccionarias, que agora dominan no país, están a dictar normas e a impoñer decretos para tentar que o fillo dun albanel non poida chegar a ser o mellor escritor de Galicia e membro relevante da Real Academia Galega. Nunca máis.