Falemos de ENCE

Vivimos nunha terra chea de herdanzas franquistas. Nomes de rúas, estatuas, monumentos pero tamén de modelos industriais e de xeitos de facer negocio. A concesión orixinal a Ence produciuse en 1958, un ano antes do Plan de Estabilización de 1959. Neses momentos xa se amosaba a natureza extractivista do modelo económico imposto en España; por desgraza, un extractivismo que non cesa. Temos exemplos dabondo: proxectos de minas a ceo aberto, a cancelada lei da acuicultura... Todos eles temas que merecerían o seu propio artigo de opinión. Mais hoxe a miña teima é Ence. 

Seguimos: Ence comeza a privatizarse en 1995 e convértese en empresa totalmente independente do goberno en 2001. Caixa Galicia (futura Nova Galicia Banco e futura Abanca) é o seu principal socio e mercouna sabendo que en 2018 tería que cesar a súa produción. Agora mesmo no Consello de Administración séntanse tranquilamente Isabel Tocino e Carlos del Álamo. Ben sabemos que ambos tiveron responsabilidades en medio ambiente con Fraga e Aznar. Resulta obvio e escandaloso que son casos de portas xiratorias.

O PP promete non só en 2009, senón tamén en 2012, que a planta será reubicada. Este tipo de cousas fan que consideremos o seu programa papel mollado. Agora a Xunta pretende facernos ver que son espectadores que se decataron pola prensa da prórroga asinada o 20 de xaneiro. Ence propón un plan de investimentos de 61 millóns de euros, previsto no Plan Estratéxico da sociedade, actuacións en materia de eficiencia enerxética, aforro de auga e calidade ambiental. Picamos? Nós non. Pouca importancia lle dá o goberno xa que se non cumpren semella que o único que pasará e que a prórroga será de 50 anos en lugar de 60. É dicir, teriamos ENCE ata 2063 en lugar de ata 2073. Vese que o goberno é inflexible, verdade?

Desexámoslle a mellor das sortes ao Concello de Pontevedra no seu recurso administrativo. Non esquezamos tampouco que o Ministerio non accedeu a expoñer en Pontevedra o expediente administrativo referido á solicitude de prórroga, que só estivo en exposición pública en Madrid e durante apenas dez días. Non esquecemos tampouco que a prórroga vén dun goberno provisional. EQUO Galicia non dubida que é un intento de deixar atado un proxecto que seguramente forma parte dunha cadea de favores.

Falemos de postos de traballo: Concordamos na crítica feita tanto pola Plataforma ENCE fóra para sempre como pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, esta última que tanto e ben leva traballando neste problema. A cifra de empregros indirectos que amosan é esaxerada. Ence chegou a ter un cadro de persoal de ata 500 persoas que reduciu a 366. Que nos fai pensar que serán fonte xeneradora de empregos, se non conservaron os seus propios? As empresas non son amigas das comunidades, cando non lles compensa marchan. A Ence non lle importan as súas traballadoras. Á Xunta e ao Goberno non lles preocupan as traballadoras. Preocúpalles a saída fácil e os argumentos traizoeiros directos ao corazón da xente. En EQUO Galicia pensamos que Ence non só non xerará empregos novos (cando queira destruirá os que teña) senón que é tapón doutras actividades no sector primario e no emprego verde que son máis intensivos en man de obra. Por exemplo, poderíamos imaxinar unha planta de reciclado de papel pública para facerse cargo de todo o papel que os galegos separamos na casa como alternativa para a creación de emprego?

Nós non queremos que se perdan os postos de traballo, mais sexamos imaxinativas na procura de alternativas coas que solucionar este problema. Primeiro, Ence ten que cambiar de lugar xa, pois o emprazamento actual é costa e o que se precisa é a recuperación canto antes desa contorna. Por que non se move a un deses numerosos polígonos industriais baleiros? Segundo, pódese obter celulosa de xeitos limpos? Dúas investigadoras do grupo ECOWAL da Universidade Pablo de Olavide (Sevilla) están a tentalo con especies de macroalgas e tecnoloxías limpas.

E como poderiamos deixar fóra do noso pensamento o medio ambiente? En primeiro lugar, Ence promove o monocultivo, en especial de eucalipto, polo tanto empobrece o solo forestal, trae pragas e probablemente sexa un factor importante nos incendios forestais. Falemos tamén de transparencia: Ence di que cumpre escrupulosamente cos límites permitidos. Claro, pero é que os límites esixidos son ben xenerosos. Facendo honra á transparencia: non hai forma de medir os coliformes que a empresa xera? Sería moi bo poder dispoñer dese dato xa que é a principal causa de contaminación na ría. Por último, a empresa usa 32.200 metros cúbicos de auga ao día: un cheque ambiental que non podemos asinar para unha soa empresa. Quen si asinou foi a Xunta, que lle perdoou máis do 80% polos canons de auga. A alguén lle queda dúbida das herdanzas franquistas na industria e na forma de facer negocios?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.