Ningunha sorpresa. Xa se sabía e se esperaba que tan axiña como o goberno español de progreso (PSOE/UP) puxera o foco na reforma do actual sistema fiscal, aínda que fora con unha proposta tan suave e prudente como a anunciada pola Ministra de Facenda, a señora Montero, as dereitas españolas e con elas as galegas sairían en tromba ao ataque utilizando os argumentos demagóxicos de sempre.
Argumentos demagóxicos por que non é verdade que paguemos moitos impostos. A confirmación témola na evidencia de que a presión fiscal é unha das mais baixas entre os estados europeos da Eurozona (UEM) pois está practicamente sete (7) puntos por debaixo da media na UEM -septimo país con menor presión fiscal-. Esto significa que o goberno español deixa de recadar cada ano preto de 75.000 millóns de euros por non ter un sistema fiscal equiparable ao nivel medio europeo. Uns ingresos que en tempos de pandemia se fan mais necesarios que nunca.
Unha baixa presión fiscal que en parte se explica por un nivel de fraude fiscal moi elevado. Segundo estudios da propia Axencia Tributaria Española a perda de recadación fiscal (economía somerxida, fraude e evasión fiscal) equivale ao 23% (6% PIB: un dos niveis mais altos da Unión Europa) e suma 70.000 millóns de euros anuais. Unha fraude fiscal que procede maiormente (72%) das grandes fortunas cubicadas no IBEX35 e que contan todas elas con filiais en paraísos fiscais. Aos que se opoñen a unha reforma fiscal cabe preguntarlles si están a favor ou en contra de que se persiga a fraude fiscal e nos equiparemos aos estados europeos do noso entorno. No plano concreto é de agradecer o novo discurso sobre esta materia do actual goberno español polo que haberá que estar a espreita de ver como se materializa definitivamente por que as primeiras medidas tomadas so servirán para aflorar o 1% da fraude. Nesta batalla será fundamental a leal colaboración entre o Goberno español e os Gobernos das Comunidades Autónomas: Galicia ten moito a gañar polos seus maiores niveis de economía somerxida e fraude fiscal.
O outro factor diferencial está no seu carácter claramente inxusto e discriminatorio segundo as rendas tal que é un dos piares da crecente desigualdade social en España e en Galicia. Algo que se pon de manifesto tanto no Imposto de Sociedades, como no IRPF, no Imposto sobre o Patrimonio e no Imposto de Sucesións. En relación ao Imposto de Sociedades sinalar que o actual sistema fai que a contribución das sociedades as arcas públicas resulte inversamente proporcional ao seu tamaño e riqueza. Ou sexa que canto mais grandes menos pagan grazas a concentrar a maior parte das vantaxes fiscais do imposto. Unha situación que permite que sobre as grandes sociedades recaia pouco mais do 10% do peso impositivo soportando o 90% restante as de tamaño medio e pequeno.
O mesmo sucede co IRPF (Imposto sobre as Rendas das Persoas Físicas) con relación as grandes rendas e aos tramos mais altos (0,5% dos declarantes) cuxo tipo marxinal, a pesares das últimas reformas (2020), segue sendo claramente desfavorable en relación aos tramos mais baixos e aínda hai unha grande marxe para facelo mais progresivo, por caso, con mais tramos entre os 60.000 e os 300.000 euros. De novo as Comunidades Autónomas serán claves para, por caso, introducir cambios progresivos nos tramos impositivos autonómicos.
En relación ao Imposto sobre o Patrimonio subliñar que en Galicia si o tipo impositivo máximo (2,5%) está por baixo da media estatal (3,5%) o mínimo exento é similar (700.000 euros). Non cabe dúbidas de que este imposto precisa de reformarse e adaptarse a realidade de hoxe en día na dirección de transformalo nun Imposto sobre a riqueza total tal que permita reforzar os controis e a fraude dos grandes patrimonios. Un tributo solidario que conte con un mínimo e un máximo a nivel estatal para así eliminar as actuais competencias entre Comunidades Autónomas i evitar tanto a deslocalización de patrimonios como a fuga de capitais.
O actual Imposto de Sucesións e doazóns, que en Galicia conta con notables reducións, vai en beneficio dos/as herdeiros das grandes fortunas (1%) e en prexuízo dos cidadáns con ingresos medios e baixos que compensan esa perda de recadación. Para evitar a actual competencia entre comunidades deberan acordarse a nivel estatal máximos e mínimos nas exencións, bonificacións, deducións e escalas de gravame.
Con estas realidades fiscais non debera estrañar que as dereitas e os seus representantes políticos como, por caso, sucede co señor Núñez Feijoo actual presidente da Xunta de Galicia sexan contrarios a calquera reforma do sistema fiscal español que non supoña unha baixada de impostos. As razóns son dobres: as rebaixas de impostos sempre benefician as rendas altas e serven ademais para xustificar os axustes fiscais. Uns recortes no gasto público que, en contra das teses neoliberais, fan medrar as desigualdades ao tempo que deprimen a economía e disparan o desemprego.