Neste odioso fútbol moderno, a principal fonte de ingresos dos equipos provén da retransmisión televisiva dos partidos. Se a maioría dos ingresos dun club proceden da televisión, está claro que a súa obriga a cambio é facilitar a retransmisión dos encontros
Para comezar esta reflexión gustaríame deixar claro que son afeccionado ao fútbol, un seguidor do Celta coma calquera outro. Dito isto, son o tipo de afeccionado que, aínda que quero que o meu equipo gañe sempre, non deixa que unha derrota estrague o meu día ou o meu fin de semana como parece sucederlle a outros. Tamén debo dicir que non estou infectado co virus 'anti-Deportivo da Coruña', xa que o que fan os outros equipos pouco ou nada me importa, agás se é o equipo ao que se enfronta o Celta nun partido; nese caso, si, quero que os do norte perdan sempre.
Neste odioso fútbol moderno, a principal fonte de ingresos dos equipos provén da retransmisión televisiva dos partidos. Se a maioría dos ingresos dun club proceden da televisión, está claro que a súa obriga a cambio é facilitar a retransmisión dos encontros. Para retransmitir partidos de fútbol, é necesario un estadio apto para o fin e capaz de cumprir os requisitos técnicos e loxísticos implicados. En consecuencia, o estadio acaba sendo hoxe en día un dos activos máis valiosos dun club de fútbol. En Vigo, o estadio municipal de Balaídos está a ser reformado desde hai máis de 10 anos. Si, hai máis de 10 anos. Esta reforma non estivo exenta de polémica, e a necesidade da mesma xurdiu despois de que o anterior propietario do club vigués fixese unha oferta ao Concello para adquirir a propiedade do estadio.
Temos ante nós o último capricho: unha estatua de Iago Aspas, mito do celtismo, como colofón á reforma de Balaídos. Non dubido de que Iago é un dos mellores – se non o mellor – xogadores da historia do Celta. Do que non estou tan seguro é de se deberiamos investir outros 300.000 € de diñeiro público neste tipo de homenaxe, que, aínda que xustificada aos ollos de moitos, é obxectivamente un disparate, outro atentado populista contra a razón
O alcalde socialista de Vigo rexeitou rotundamente esta proposta e recorreu á súa táctica favorita – o populismo – para volver a cidade en contra do presidente Carlos Mouriño. Este último presentou unha oferta para comprar o recinto deportivo e, posteriormente, renovalo ou vender o terreo no que se atopa e construír un novo estadio noutro lugar da cidade. O alcalde negouse rotundamente, recorrendo á forma máis barata de populismo: "O Celta é Vigo, e o Celta pertence aos vigueses". Esa afirmación é un sofisma flagrante, xa que o Celta é actualmente unha sociedade anónima deportiva e por tanto, unha empresa e como tal, sempre buscará a maior rendibilidade posible para o seu negocio, sen ter en conta os sentimentalismos nin as opinións dos afeccionados máis fieis. Xa pasou o tempo no que os clubes de fútbol pertencían aos seus socios, e tiñan certa marxe de influencia nas decisións que afectaban ao club. Repito: o Real Club Celta de Vigo Sociedad Anónima Deportiva é unha empresa, coa súa razón social, o seu número de identificación fiscal, o seu domicilio social e todo canto implica a súa forma xurídica. Non pertence ao pobo de Vigo nin é Vigo en si; é unha empresa. Esa premisa demagóxica exposta polo alcalde sentou as bases para a reforma do estadio. Un proxecto cun orzamento inicial de 50 millóns de euros, máis do 25 por cento do orzamento municipal para 2015 (218 millóns), o ano en que comezaron as obras. É certo que eses 50 millóns non entrarían no orzamento dun único ano, pero aínda que o proxecto se tivese levado a cabo nun prazo razoable de arredor de dous ou tres anos, o desembolso de diñeiro público investido nunha infraestrutura cuxo principal beneficiario é unha empresa privada seguiría sendo desproporcionado. O proxecto, cheo de chapuzas e correccións constantes, prolongouse durante máis de 10 anos — case 12 se finalmente se completa en 2027 — e o custo estimado de 50 millóns acabará duplicándose ou triplicándose. Noutras palabras, a cantidade gastada probablemente sería suficiente para construír un estadio novo e máis moderno nunha zona menos conxestionada da cidade. En consecuencia, que pasa con todas esas persoas que pagan os seus impostos en Vigo – que, por certo, son dos máis altos de España – e non son afeccionadas ao fútbol ou non teñen ningún interese en absoluto polo Celta? Por que teñen que asumir ese custo? Ademais, dende que Abel Caballero se obsesionou con conseguir que Vigo fose unha das cidades anfitrioas da Copa do Mundo de 2030 (sé na que só se xogarían tres partidos), propuxo plans para reformar a bancada de Tribuna, que xa fora reformada en 2015. Vaia delirio!
A quen beneficia todo isto? Pois a organizacións criminais e corruptas como a FIFA e a empresarios dos sectores da hostalaría, turismo, inmobiliario e restauración – que tamén son cómplices necesarios da xentrificación, dos prezos exorbitantes da vivenda e das condicións laborais precarias. Sen dúbida, isto non me beneficia a min ou quizais alguén se está quedando coa miña parte. Xurden tímidamente algunhas voces críticas fronte á transformación de cidades como Madrid – gobernada desde o infame 'tamayazo' polo partido azul nun mero parque temático para turistas e grandes eventos, pero o partido vermello está a facer exactamente o mesmo ao proclamar Vigo como a sede do 'mellor Nadal do mundo' ou unha cidade merecedora de acoller a Copa do Mundo. Sen 'o Guggenheim do fútbol' –como describiu Carmela Silva (a inseparable man dererita de Caballero) o novo Balaídos, non habería Celta, nin Copa do Mundo en Vigo, pero non esquezamos que tampouco habería nada sen os nosos impostos.
Fáltannos heroes de verdade. Sóbrannos heroes prefabricados, apoiados por unha sociedade altamente hedonista e individualista que está completamente embelecada polo capitalismo
E como guinda do pastel, temos ante nós o último capricho: unha estatua de Iago Aspas, mito do celtismo, como colofón á reforma de Balaídos. Non dubido de que Iago é un dos mellores – se non o mellor – xogadores da historia do Celta. Do que non estou tan seguro é de se deberiamos investir outros 300.000 € de diñeiro público neste tipo de homenaxe, que, aínda que xustificada aos ollos de moitos, é obxectivamente un disparate, outro atentado populista contra a razón. Non sería máis xusto que só quen apoie de verdade a erección desta escultura asumise o custo de semellante disparate?. Se me preguntasen se estou disposto a contribuír cun só céntimo do diñeiro recadado cos meus impostos, negaríame rotundamente, pero parece que á maioría lle parece unha idea xenial usar diñeiro público para un propósito que non achega nada á sociedade no seu conxunto, ao ben común.
Por outra banda, a ausencia de heroes está a facerse cada vez máis evidente, e cando falo de heroes, refírome ao propio Iago Aspas. Entendo que o futbolista de Moaña, que confesou no programa de Broncano “La Resistencia” en 2019 que tiña un patrimonio neto de entre 6 e 8 millóns de euros (supóño que agora será bastante máis), está vivindo alleo á realidade. Isto demóstrase polo feito de que non é consciente de que un simple xesto pola súa parte agrandaría significativamente a súa lenda. Explícome: ¿é realmente tan difícil para Aspas convocar unha rolda de prensa e declarar que en realidade non é merecedor dunha estatua e que consideraría máis xusto que eses 300.000 € se destinasen a causas sociais?. Pois, ao parecer, si que o é: é moito máis difícil que filtrar un pase brillante ou marcar un gol espectacular. Fáltannos heroes de verdade. Sóbrannos heroes prefabricados, apoiados por unha sociedade altamente hedonista e individualista que está completamente embelecada polo capitalismo.