Fascismo e monarquía na alianza antidemocrática

José Antonio Primo de Rivera, nun mitin de Falange Española Dominio Público

Camiños paralelos, pero cun denominador común: a conspiración contra o réxime republicano. Engadamos o antiparlamentarismo e a defensa da nación española como un ente monárquico indivisíbel e ultracatólico, a ideoloxía antimarxista, a negación da loita de clases, a batalla contra o laicismo e a igualdade de xénero, o desprezo pola igualdade no acceso á instrución e o ensino...

Na actualidade, moitos historiadores coinciden na afirmación de que foi en 1933 o momento da presentación oficial e pública do fascismo español. O 29 de outubro daquel ano, no madrileño Teatro da Comedia, José Antonio Primo de Rivera, Alfonso García Valdecasas e Julio Ruiz de Alda, entre outros, convocaron un acto de afirmación dereitista e deron nacemento a Falange Española (FE). Menos dun ano despois, FE impulsou a alianza coas Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS), unha diminuta organización fascista nacida en outubro de 1931 grazas ao impulso do funcionario de correos Ramiro Ledesma Ramos –creador do semanario La Conquista del Estado– e do avogado integrista Onésimo Redondo. 

Pasaran once anos desde que, en 1922, tivera lugar a Marcha sobre Roma e o nomeamento de Benito Mussolini como primeiro ministro italiano. Por outro lado, a creación de FE coincidiu coa destrución da República de Weimar en Alemaña e o ascenso ao poder de Adolf Hitler, co inicio dunha tolemia que non remataría até 1945. Con todo, a presenza do fascismo no Estado español resultou residual e non alcanzaría categoría destacada até o inicio da Guerra Civil.

Que acontecía no seno dos monárquicos? Pois que a división estaba servida. Tras a caída do monarca Alfonso XIII e a proclamación da Segunda República española, a dereita conservadora viviu un proceso no cal alfonsinos, carlistas e reaccionarios integristas camiñaron por sendeiros paralelos. Todos eles deron nacemento en xuño de 1931 a Acción Nacional, logo denominada Acción Popular por obriga constitucional republicana, entidade que agrupaba os monárquicos máis fundamentalistas. Mais, a aceptación da vía posibilista de Ángel Herrara Oria e José María Gil Robles ao fronte da nova formación provocou a saída de Antonio Goicoechea e a creación de Renovación Española, a extrema dereita do momento; mentres, os carlistas iniciaban o fortalecemento da súa forza paramilitar, o Requeté. Camiños paralelos, si, pero cun denominador común: a conspiración contra o réxime republicano. Engadamos agora o antiparlamentarismo e a defensa da nación española como un ente monárquico indivisíbel e ultracatólico, a ideoloxía antimarxista, a negación da loita de clases, a batalla contra o laicismo e a igualdade de xénero, o desprezo pola igualdade no acceso á instrución e o ensino... 

Ruiz de Alda, Valdecasas e Primo de Rivera, no mitin fundacional de Falange en outubro de 1933 Dominio Público

A extrema dereita e os grupos fascistas comezaron unha campaña de desprestixio e axitación contra o réxime constitucional republicano ao tempo que abonaron a idea da ilexitimidade da Segunda República

O fracaso do golpe de Estado contra la legalidade republicana protagonizado polo xeneral José Sanjurjo en agosto de 1932 amosou, tamén, o momentáneo abandono da vía insurreccional. A partir dese intre, a extrema dereita e os grupos fascistas comezaron unha campaña de desprestixio e axitación contra o réxime constitucional republicano ao tempo que abonaron a idea da ilexitimidade da Segunda República. A conspiración estaba servida, restaba a financiación económica e a formalización dunha alianza entre os grupos fascistas, os carlistas, os alfonsinos de Renovación Española e os católicos integristas. Sustentados polo estamento militar e bendicidos pola Igrexa católica, a campaña de acoso e derribo contra o réxime republicano culminou noutro golpe de Estado –tamén fracasado– en xullo de 1936 que levou o país á destrución absoluta, inmerso en tres anos de sanguenta guerra e dando paso a catro décadas de réxime ditatorial.

Que razóns e motivos levan á dereita española a defender (e protexer) a figura dun monarca corrupto como Juan Carlos I? Ollo cos discursos e coas alianzas e aprendamos algo da historia recente

Esa alianza contrarrevolucionaria foi a gran vitoria do fascismo español. A exposición continuada de mitos e falsidades co obxectivo de derrubar a Segunda República rematou na construción dun relato no que a representación imaxinaria da “outra España” ou da “Anti-España” prendeu como unha fogueira. “Antiespañois” conformados por socialistas, republicanos, anarquistas, sindicalistas, mestres, laicos, mulleres libres... sempre sostidos pola “internacional xudeu-masónica-bolxevique” que, en conxunto, merecían un castigo severo e exemplar. Así o entenderon e propagaron cabeceiras como as carlistas El Siglo Futuro ou El Correo Catalán, e xornais como o católico El Debate ou o monárquico ABC.

Epílogo: escoitaron nestes últimos anos os lectores algo relacionado coa posíbel ilexitimidade do actual Goberno do Estado? Pódese cualificar de traizón a colaboración política con grupos nacionalistas de esquerda? Hai algunha permisividade, acubillo ou comprensión nos círculos conservadores respecto da ultradereita? Existe xa un goberno autonómico de coalición PP-Vox? Que razóns e motivos levan á dereita española a defender (e protexer) a figura dun monarca corrupto como Juan Carlos I? Ollo cos discursos e coas alianzas e aprendamos algo da historia recente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.