Fascismo, fenómeno irrepetible ou crónico?

CC-BY-SA Praza Pública

Cando escoitamos falar de fascismo o primeiro que se nos ven á mente son desfiles delirantes, queimas de libros, bigotes recortados ou calvos prepotentes. Pero poucas veces nos teñen amosado á base teórica e social deste movemento que pecha a extrema dereita. Certamente a visión histórica xeral que se pretende amosar é o do fascismo como un movemento esencialmente simbólico e sobre todo vencido e exterminado tras a Segunda Guerra Mundial. Porén, bastaría con ler as primeiras páxinas do Por el bien del imperio de Josep Fontana ou analizar cunha mínima luz crítica os xuízos de Nuremberg para darnos conta que ese fascismo non foi redimido da superficie terrestre ó caer o III Reich. Conforme máis se analizan os fundamentos ideolóxicos dos movementos fascistas históricos (a Italia de Mussolini e o nazismo alemán) maiores son as súas similitudes con certos réximes ditatoriais ou pseudo- democráticos. 

Para moverse con soltura na marea de supostos teóricos que pretenden afundirnos nun mar de detallismo e especifismo, é clave fixar conceptos como os de autoritarismo, totalitarismo ou bonapartismo. Este último paréceme especialmente útil para comprender o que é o fascismo a nivel histórico. Este concepto foi esgrimido por Marx na súa obra Dezaoito Brumario de Luis Bonaparte. O que pretendía con esta obra era fixar a institución histórica da tiranía (cuxo antecedente histórico máis pretérito sería o fenómeno grego) en momentos puntuais á que recorrería a burguesía cando se vise ameazada. Por isto Karl Marx fixa a Luis Bonaparte como a primeira figura clave neste proceso, analizando o acontecido no golpe de Estado que este protagonizou o 2 de decembro de 1851, instaurando un modo de goberno autoritario que protexía as conquistas da burguesía francesa pero freaba,con mau dura, as ansias de reforma aínda non satisfeitas do campesiñado e o proletariado. Seguramente a resposta dun pseudo- teóricos sería que Napoleón non podía ser un fascista porque nin tiña bigote nin pasaba os seus tempos libres debuxando esvásticas nun caderno. Este argumento é certo, sería estúpido afirmar que Napoleón era un fascista, pero isto non nos debería impedir ver que moitos dos seus elementos ideolóxicos e de praxe política serán adoptados polo fascismo histórico, sendo esta a valía do bonapartismo para axudarnos a entender mellor o fenómeno do fascismo. Pola contra o principal argumento contra os teóricos “especifistas” é que todo movemento flúe coa histórica, é dicir, evoluciona, transformase, adáptase, xa que segundo os seus argumentos se nos remitísemos ó concepto de monarquía, as similitudes entre a de Carlo Magno e a de Felipe II deberían ser totais. Isto mesmo ocorre co fascismo, xa que o que pretenden é precisamente que pensemos que fascismo é soamente un skinhead que se tatúa o bigote de Hitler na nalga e dorme sobre sabanas con bordados de esvásticas. Esta idea precisamente basease no principio, anteriormente exposto, de que o fascismo extinguiuse en 1945, algo moi discutible historicamente. 

Continuando con esta argumentación gustaríame tratar de cuestionar unha idea moi común no referente ó fascismo no ámbito europea. Estoume a referir ó argumento de que Inglaterra e Francia, países similares a nivel económico e de europeísmo a Alemaña ou Italia, estarían inmunizados ante o fenómeno fascista, precisamente polo seu maior carácter “democrático”. Pero non debemos esquecer que as accións que ambas potencias levaban a cabo nas súas colonias distan moito de ser democráticas, ó igual que o seu modo de brutal represión do movemento obreiro. Aínda hoxe isto reflíctese nos guetos de cidades tan “democráticas” como Londres ou París. Neste sentido é moi interesante o peso que tivo a frustración dos plans coloniais a grande escala en países presas do fascismo como Alemaña, Italia ou España. Estes dous últimos países enfatizarán máis a gloria dos tempos pasados, mentres que o primeiro pretenderá proxectar esas glorias coloniais cara o futuro. Isto poderíase enlazar cunha consideración un tanto sociolóxica, xa que a nivel social e individual, a clave para entender a adhesión o fascismo é a frustración e a proxección de ideais vitais que lles proxectaban dende nenos a esa clase media (real ou aspiracional) que no momento de atoparse coa realidade, acabarán atacando precisamente ou ó seu irmán de clase ou ós da clase da que proviñan, en lugar dos verdadeiros culpables das súas metas incumpridas. Un fascista quere vivir como un rei (de feito a súa vida está baseada nesa meta vital) a costa dos seus súbditos, polo que non lle molesta eses privilexios reais, se non os vasalos que se queixan e rexeitan a miseria que se lles foi imposta. 

Como base para comprender mellor algunhas das consideracións anteriormente expostas remitireime brevemente ó fenómeno histórico da Italia fascista de Mussolini. Para entender o nacionalismo italiano debemos ter en conta a súa unificación estatal recente (rasgo compartido con Alemaña), o que provocou a imposición clara do norte industrial sobre o sur agrícola, algo que aínda persiste nos nosos días. Todo comeza ca “vitoria mutilada” que chegou tras a Gran Guerra, na que as ansias imperialistas ás que anteriormente me referín foron expostas como a principal causa que xustificaba a súa entrada na guerra, mais podemos comprender a frustración que supuxo non verse beneficiados en case nada polo seu esforzo bélico. En 1917 crease o Fascio de Defensa Nacional despois da traumática derrota de Caporetto. Mussolini fixou como influencias previas para o fascismo a Sorel, Pégui, Lagardelle, o escritor nacionalista D’Annunzio ou os futuristas e o seu líder, Marinetti. A esencia policíaca e cómplice co poder oficial dos fascistas foi a súa brutal represión do “bienio roxo” (1919- 1921) que xurdiu sobre todo no rural italiano tras o triunfo da revolución soviética. Ante aqueles que esgriman o tan odioso argumento do “Mussolini foi socialista” chegaría con contestarlle que Carrillo tamén dicía que era comunista. Pero ademais, precisamente si un psicópata como Mussolini se puido facer pasar por un xornalista de esquerdas, isto é unha proba moi clara da cantidade de esquiroles que había no movemento obreiro italiano, sendo isto quizais o motivo polo cal a pesar de contar con máis seguidores en números globais, foi incapaz de mostrar unha resposta unificada contra o avance dos camisas negras. Tamén cabería apuntar que a concepción nacionalista de Mussolini é incompatible co socialismo marxista. Pasando ó plano meramente ideolóxico, existen tres teses fundamentais sobre a aparición e expansión do fascismo italiano: a) este fenómeno está condicionado polo xen italiano creado tras o “Resurgimento” e vinculado co pasado imperial romano, b) a historiografía liberal que o explica como un paréntese excepcional na historia italiana e europea, e c) a tese marxista da súa emerxencia como freo ante o auxe do movemento obreiro. A segunda desbótase ante os antecedentes do nacionalismo reaccionario (aquí volve a sernos moi útil o concepto de bonapartismo), como por exemplo o Partido Nacionalista de Alfredo Arani, e na existencia previa á emerxencia do Duce de intelectuais que seguen unha liña teórica filo-fascista como por exemplo Charles Maurras, Hilaire Belloc, Oswald Spengler, Arthur Moeller van de Bruck, Nicolai Berdiaeff ou o español Ramiro de Maeztu. Porén, non podemos esquecer que ó ter unha forte esencia nacionalista o fascismo debe adaptarse ás características xeográficas e históricas do país no que pretende imporse, o que explicaría as características específicas do fenómeno italiano, como o gran peso do catolicismo, as diferenzas entre norte e sur, o recurso a un pasado glorioso roto pola división política … Como características primarias do fascismo poderíamos destacar o nacionalismo orgánico, o estatismo radical e o paramilitarismo. Así mesmo como pretende ser un movemento totalizador debe encaixar ós dous piares sociais que se lle contrapoñen, as mulleres e os obreiros, pero sempre baixo o estigma da obediencia (en palabras textuais de Mussolini: la guerra es para los hombres lo que la maternidad es para las mujeres). Unha idea que sobresae con frecuencia é o suprematismo estatal, así o expresa claramente Mussolini: “todo en el estado, nada contra el estado, nada fuera del estado”. Ante isto xorden tanto os inimigos do Estado externos como os internos, sendo os culpables de todo o negativo e perxudicial, debendo ser combatidos por todos os medios. O uso da violencia sen necesidade de xustificación é debido a que só consideran posible a existencia dunha verdade única. Esta nova ideoloxía política era denominada como a “terceira vía”, en palabras de Giovanni Gentile: o Estado é a instancia suprema para lograr a unión entre os intereses proletarios e burgueses. Autores como Mosse, Bracher e Nolte pretenden diferenciar o fascismo e o nazismo, indicando que o primeiro sería estatista e o segundo supremacista racial, pero facendo unha observación de ambos de xeito máis profundo e menos simbólico poderíamos apuntar que ambos son variacións nacionais de ideoloxías comúns. Outros autores como Sternhell ou Griffin sinalan que o que representaría a “terceira vía” fascista sería a derivación dun socialismo antimaterialista, de aí a denominación de nacional- socialismo (sendo máis apropiada a denominación nacional- sindicalista) que pretende a unión das clases para competir con outras “nacións”. Desta maneira négase a loita de clases e a solidariedade internacional obreira. Isto supón unha arremetida contra a historia, xa que a situación económica de falta de desenvolvemento dun país explícana unicamente pola persistencia dos conflitos sociais e as protestas obreiras. Así o fundamento sentimental da teoría, a nación, pretende vincularse co fundamento material, o Estado. 

Pasando a repasar todo o anteriormente exposto gustaríame deixar claro que a finalidade é expor unha visión máis ampla e ancha do concepto de fascismo, que considero comprimido en demasía. Porén non creo que sexa operativo empregalo como un recurso omnipotente e sobrenatural, polo que considero que ademáis habería que acotalo. Neste sentido é esencial entender o valor reaccionario do mesmo. Trátase da emerxencia violenta dunha clase media en defensa dunha oligarquía e como repulsión ante as clases baixas, tanto obreiros como campesiños, usando comunmente o nacionalismo a través dun Estado omnipresente e represivo para manter este orden social tan conflitivo. Non por nada é a ideoloxía da morte, do ser masivo, da idolatría e o fanatismo, e o irracionalismo. En canto á súa potencialidade como un movemento masivo isto é cuestionable, xa que desenvolvendo un gran aparato represivo calquera se gana a adhesión das masas (máis alá de misións nacionais ou cruzadas santas os seres humanos vimos a este mundo a vivir e pouco máis), pero é difícil calibrar en que medida esa adhesión é consciente e total ou soamente oportunista e sen coñecemento profundo de causa. Exemplos disto so as eleccións italianas de 1920, nas que os fascistas non chegaron a 5.000 votos en Milán, a súa praza forte(contarán con 20.000 membros en 1920; 100.000 en abril de 1921; e 320.000 en novembro de 1921), ou a Marcha sobre Roma dos Camisas Negras, que puido ser reprimida facilmente polo exercito se houbese unha orden firme de facelo. Pero se non houbese detrás do mesmo unha parte importante da poboación estes movementos ou ben non chegarían ó poder ou non se manterían nel durante un mínimo de tempo. Quizais o caso máis chamativo é o alemán, xa que é imposible pensar que só un reducido grupo da poboación puido levar a cabo (ou canto menos non darse de conta de denuncialo en certo modo) a inxente labor que supuña o Holocausto. 

Seguramente en momentos puntuais da lectura emerxeron na túa imaxinación imaxes en branco e negro de coroneis cenando en elegantes galas mentres o seu pobo pasaba fame, en desfiles masivos ou a visión da brutal represión dunha manifestación popular. Precisamente esa debería ser a nosa imaxe do fascismo, non soamente ligadas a esvásticas ou fascios. Ademais debemos ir máis alá do simplemente icónico e tratar de expor as escuras conexións entre a ideoloxía fascista e o liberalismo democrático. Nesto é clave a tese marxista que se basea no bonapartismo como principio básico, xa que sucesos como a guerra civil española, o fin do Chile de Allende, as ditaduras con apoio estadounidense en Hispanoamérica, a instauración de réximes caciquís e represivos na India e gran parte de África, son difíciles de interpretar si desbotamos o feito da emerxencia e potencialidade do movemento obreiro, que en todos será brutalmente reprimido. Este posicionamento é razoable xa que o socialismo foi o único que se opuxo frontalmente ó fascismo (non faltará quen cite o episodio do pacto Molotov- Ribbentrop, esquecendo que este foi o preludio dunha das guerras máis salvaxes que presenciou a historia, algo impropio entre estados de ideoloxías afíns), mentres que o liberalismo democrático ten certa complicidade e permisividade co mesmo, bastando con recordar a política de Non Intervención que condenou a España ó desastre. Ademais, ninguén dubida do carácter democrático de Winston Churchill, o mesmo que non dubidaba en alabar a Mussolini polo seu combate sen cuartel contra o comunismo. Xa para concluír apuntar que se en Europa, cun vigoroso movemento partisano e antifascista, se manteñen as reminiscencias fascistas, no noso reino de España, onde tamén houbo unha cantidade inxente de loitadores e guerrilleiros traizoados polo seu partido, poloque non foron capaces de imporse, incluso ós fascistas lle costou renunciar a certos símbolos. 

Para finalizar, non debemos esquecer que o fascismo vai máis alá dunha esvástica ou un fascio, dun duce ou un caudillo, se non que este movemento representa o máis escuro da sociedade moderna capitalista, que promulga o regreso cara un pasado que nunca existiu, para exterminar así a unha clase que protesta polo seu dereito a unha vida digna, e a creación dun futuro que esperemos que nunca exista. 

(O presente comentario foi realizado en base a un traballo académico sobre a Italia da posguerra e na época fascista, realizado xunto con Raul Prado Baltar, para o cal foron consultadas as seguintes obras: Historia do Mundo Contemporáneo (1870-1945), por Jesús de Juana López e Julio Prada Rodríguez, El mundo contemporáneo: Historia y problemas, dirixido por Julio Aróstegui, Cristian Buchrucker e Jorge Saborido, Fascistas, de Michael Mann, El período de entreguerras en Europa, de Martin Kitchen e Manual de Historia Contemporánea Universal (1920-2005), dirixido por Luis Palacios Bañuelos.) 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.