Federalismo de cartón

Mapa da Península Ibérica en 1640 Dominio Público

Nos anos 80, parte do nacionalismo galego mantivo unha posición extremadamente crítica en relación co desenvolvemento das institucións de autogoberno. De feito, as forzas que en 1982 fundaron o BNG non participaron dos debates sobre o estatuto de autonomía galego. Naquela época, incluso algúns parlamentarios electos foron expulsados do Parlamento Galego por negarse a xurar a Constitución. Referíanse á cámara como “o Parlamento de cartón”. Neste sentido, mostraron un comportamento similar ao que en Cataluña o universo próximo á CUP manifestou até ben entrado o século XXI.

A articulación autonómica e territorial foi derivada a un proceso de construción aberto e vivo no político. Hoxe en día podemos constatar que ese proceso fracasou: insatisfactorio en múltiples sentidos, cheo de duplicidades e, sobre todo, suxeito aos arbitrios dun shériff implacable como foi a corte constitucional

Ben sabemos que o réxime do 78 caracterízase por unha definición férrea e detallada dos seus organismos constitucionais (Monarquía, Tribunal Constitucional, Poder Xudicial, Cortes Xerais, Goberno, etc). A articulación autonómica e territorial, en cambio, foi derivada a un proceso de construción aberto e vivo no político. Hoxe en día podemos constatar que ese proceso fracasou: insatisfactorio en múltiples sentidos, cheo de duplicidades e, sobre todo, suxeito aos arbitrios dun shériff implacable como foi a corte constitucional. O recorte ao Estatut e a suspensión da autonomía catalá son dous exemplos recentes das fronteiras non exploradas do autonomismo estatal. E dous síntomas do seu esgotamento.

A xestión da pandemia, como evento político de primeiro nivel e importancia, meteu o dedo na chaga do sistema autonómico. O primeiro estado de alarma aplicouse coma se España fose a Francia de Luís XIII e Pedro Sánchez exercese o papel de Cardeal Richelieu. O Presidente do Goberno presentou un decreto (RD 463/2020) que excluía da autoridade competente aos ministros de Unidas Podemos, centralizando a toma de decisións na súa persoa e en catro ministerios: Defensa, Interior, Transportes e Sanidade. Foron moi comentadas as roldas de prensa de militares utilizando símiles bélicos para falar de frear o avance da COVID-19. Á fin e ao cabo, é evidente que os esforzos do goberno -tamén comunicativos- terían que terse centrado no económico e social.

Estes días apareceron opinadores vangloriándose do federalismo que exhibe o goberno Sánchez-Igrexas nesta segunda onda. Federalismo? O federalismo é un sistema definido, onde o poder compartido e as competencias derivadas exércense nun contexto de estabilidade

Pero a descentralización española, tan uniformizadora no mes de marzo, agora adquire unha nova forma. O novo estado de alarma, activado o 25 de outubro a través do RD 926/2020, durará até o mes de maio despois da convalidación no Congreso. A novidade radica na estrutura descentralizada do mesmo; a Presidencia do Goberno é a autoridade competente, pero como autoridade competente delegada actúan os Presidentes das Comunidades Autónomas. Non era esta unha posibilidade xa no mes de marzo? De feito, prevese de maneira expresa na Lei Orgánica 4/1981, que regula o estado de alarma. Estes días apareceron opinadores vangloriándose do federalismo que exhibe o goberno Sánchez-Igrexas nesta segunda onda. Federalismo? 

O federalismo é un sistema definido, onde o poder compartido e as competencias derivadas exércense nun contexto de estabilidade. A centralización pretendida no mes de marzo era imposible de levar a cabo, precisamente porque as competencias en materia de saúde son titularidade das comunidades autónomas. Esquecémonos demasiado rápido do ridículo que era ver a Presidentes autonómicos comprando material sanitario ás costas do goberno central, actuando á marxe do que anunciaban desde Madrid en rolda de prensa. E non o fixeron só os pérfidos independentistas cataláns, senón tamén os socialistas baleares ou os valencianos. Mesmo recentemente sóubose que Díaz Ayuso contactou con Gerard Piqué para adquirir mascariñas no mercado asiático. Un despropósito. 

O importante, á fin e ao cabo, é que ese goberno compartido federal articule unha resposta contundente no social que non deixe a ninguén atrás. Non hai outra maneira de illar á extrema dereita, sempre ávida de incendiar as rúas e esquecerse do interese xeral

Este federalismo retráctil de certa esquerda española parece aparecer soamente cando necesita do apoio de forzas independentistas e nacionalistas nas Cortes Xerais. En calquera caso, o sistema que se definiu nesta ocasión ten moito máis percorrido e coherencia. Iso si, o goberno central gardouse unha bala na recámara: a capacidade de confinar domiciliariamente está fóra do alcance dos executivos autonómicos. O truco final.

Toda a polémica ao redor do repartimento competencial na resposta ante a pandemia lembroume esa vella expresión sobre o estado autonómico coa que empezaba estas liñas. Agora parece que Sánchez practica un federalismo de cartón: capaz de servir ao seu propósito a curto prazo pero, ao mesmo tempo, facilmente desbotable no caso de que así o requiran os seus intereses. O importante, á fin e ao cabo, é que ese goberno compartido federal articule unha resposta contundente no social que non deixe a ninguén atrás. Non hai outra maneira de illar á extrema dereita, sempre ávida de incendiar as rúas e esquecerse do interese xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.