Feijóo, leña verde

“Galicia non arde, quéimana”, “Son terroristas”, “É unha cuestión de orde pública”, “O ataque que sufriu Galicia”, “Houbo unha elevadísima actividade incendiaria”, “Teñen que ser xulgados pola Audiencia Nacional”… Todo era fume. Non había trama incendiaria ningunha nin moito menos “terroristas”. Alberto Núñez Feijoo mentiu descarada e reiteradamente e así o demostran tanto a Fiscalía como as conclusións dos expertos da propia comisión sobre incendios do Parlamento de Galicia.

Fagamos memoria do pasado recente: 15 de outubro, o lume facía escapar á xente das vivendas en moitas aldeas e pobos e mantiña alerta, cargada de caldeiros de auga e mangueiras nas rúas, a boa parte da poboación de Vigo. O lume chegara á cidade. Medraba por minutos a preocupación en todas as casas de Galicia e, mentres tanto, na televisión pública había un apagón informativo que contribuía a aumentar a confusión e a sensación de impotencia. Dous días despois dunha manifesta inacción e unha pésima xestión, aparecía Feijoo con 77.000 euros a repartir entre os medios de comunicación para que divulgasen a súa teoría conspirativa do terrorismo incendiario que atacaba Galicia. Foi un xeito de proceder moi pouco serio. E debería saber Feijoo que iso, na nosa terra, non se perdoa.

Como era previsible, todas as evidencias desbotaron unha teoría que se leva empregando dende hai máis de 30 anos sen que até o de agora apareza o máis mínimo indicio. A novidade é que Feijoo converteuna no eixo central do discurso gobernamental e, por se fose pouco, aderezouna de maneira irresponsable e inmoral co ingrediente da connotación do terrorismo yihadista.

E no tanto instauraba a súa trama imaxinaria, nun aceno cómico deses que regala a realidade, os corpos de seguridade detiñan aqueles días a unha muller de 74 anos que fixo unha fogueira con restrollos na súa finca, en Mos –á que, aínda xulgando o seu proceder con dureza, resulta difícil asociar cunha “terrorista incendiaria”–; e un veciño de Vigo que imprudentemente asaba uns chourizos no municipio de Xinzo da Limia. Cómico non foi para el, desde logo, que o levaron preso un mes e o trataron coma un criminal. Finalmente foron só catro as persoas identificadas como supostas autoras de lumes, sen ningunha relación entre elas.

O discurso do terrorismo é dende hai tempo, en Galicia, máis una coartada para tapar fallos na xestión e as verdadeiras e complexas causas dos incendios –que teñen moito que ver coa política territorial impulsada polo PP–, ca unha realidade. Estes días está a celebrarse a comisión especial de incendios, creada no Parlamento para, supostamente, deseñar unha nova política forestal que poña fin aos lumes. O que podería ser unha ferramenta eficaz na procura de análises e respostas para encarar a situación, quedou limitada a un mecanismo que axuda ao Goberno a continuar dando titulares propagandísticos. A facer que fai, pero sen facer nada.

Entre outras cousas, porque o PP negouse a incorporar á comisión unha perspectiva conxunta do país e unha visión multicausal, e quixo limitar o marco de discusión exclusivamente ao plano forestal. As voces da maioría de persoas, colectivos e asociacións propostas polos grupos da oposición foron rexeitadas porque hai certezas que o PP non quere ouvir. Pero pese a todas as eivas, están escoitándose intervencións necesarias na comisión que contemplan o problema dende a súa complexidade e, xa na primeira sesión, quedou claro que non hai evidencias de ningunha trama. A política contra os incendios de Feijoo é como a leña verde, todo fume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.