Feijóo, o administrador vs PNV, o xestor

Feijóo e Urkullu, nunha xuntanza no Palacio de Ajuria Enea en 2016 CC-BY-SA Xunta

Non é o mesmo administrar que xestionar, o que administra ten a obriga de ser conservador, de preservar é un papel máis centrado en coidar e dar consello, porén o que xestiona busca aumentar e investir no futuro, facer medrar o que xestiona. Neste senso Feijóo administra a Xunta, non a xestiona, e a mostra é que non foi quen, nunha década, de conseguir transferencias para Galicia. Non foi que de xestionar inversións máis aló da perda das caixas e o gran acordo de PEMEX, do que xa é público a calidade dos interlocutores. En resumo administrou e o pouco que tentou xestionar pois o resultado foi o que foi. Na actual situación galega de emerxencia, na PAC, na pesca e no industrial a solución non é administrar, a solución e xestionar.

Fai uns días, coñecedor da singularidade de toda a sociedade galega co autogoberno, sen o máis mínimo sentido de vergoña dixo en rolda de prensa, como Presidente de todos os galegos e galegas, que o acordo entre PNV e Goberno, entre a Lendakaritza e Moncloa sobre competencias, era ilegal. É cando menos unha situación preocupante que un demócrata e Presidente fale nestes termos, única e exclusivamente para que non se vexa a súa falta de capacidade. Esta o Sr. Feijóo manifestando que o total cumprimento do Estatuto de Gernika é ilegal? Esta entón renunciando a cumprir o Estatuto de Autonomía de Galicia? É ese o galeguismo do PP? Sinceramente eu pensaba que a talla política de Alberto era outra, máis ficou ben retratado.

Un retrato que tamén se pode ollar nas cifras ao comparar o traballo de xestión do PNV ao fronte de Euskadi co traballo de administración do PP ao fronte de Galicia. Por exemplo; taxa de paro en Euskadi 9,1% en Galicia de 11,7%, pensión media en Euskadi 1.227,17 € en Galicia é de 836,20 €, o gasto en I+D en Euskadi é de 1,96% do PIB e en Galicia é do 0,94 % do PIB un PIB que é de 72.170 millóns en Euskadi e de 62.500 millóns en Galicia. Os datos son os que son, a xestión é a que é. Mais, di Feijóo, que a súa falla de xestión é produto de ilegalidades que favorecen a outros, que coartada máis fácil, pero tamén que fría mentira á cara dos galegos e galegas.

A diferencia é que en Euskadi gobérnanse eles mesmos e buscan unha relación bilateral con España, cumprindo o mandato da sociedade vasca en relación ao seu marco de goberno. Non dependen de Pablo Casado ou Abascal, por moito que Feijóo diga hoxe é independente, segue a ser un barón dos Populares. Tamaño desprezo ás siglas que o puxeron na Presidencia da Xunta, para agora renunciar a elas, fala ás claras da súa pretensión, eu se fose do PP estaría doído.

Por outra banda cada día, en Galicia, é máis necesaria unha acción política que se semelle ou inspire na do PNV, os galeguistas de CxG, estamos en iso. Evidentemente coa nosa propia identidade, que é moita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.