«Donde fuiste feliz alguna vez / no debieras volver jamás: el tiempo / habrá hecho sus destrozos, levantando / su muro fronterizo / contra el que la ilusión chocará estupefacta»
(Félix Grande, Donde fuiste feliz alguna vez...)
Tiveron que pasar varios días, dende que Feijóo decidiu non aprazar máis o regreso ao paraíso, para que os tertulianos madrileños se decataran que o tal das polainas non era ese político moderado que tanto se fartaran de gabar e adular
Algúns galegos sabiámolo. Ou talvez todos. Ao mellor sabiámolo todos; mais, ás veces para sobrevivir hai que disimular. Os que estaban na inopia, coma sempre, eran os de acolá. Tiveron que pasar varios días, dende que Feijóo decidiu non aprazar máis o regreso ao paraíso, para que os tertulianos madrileños se decataran que o tal das polainas non era ese político moderado que tanto se fartaran de gabar e adular.
Tamén é ben certo que nós, a nosa televisión e case todos os medios de comunicación do País pareciamos estar encantados con el. E agradecidos, claro. Quen parece que non estaba a gusto, nesta terra mansa, ás veces demasiado mansa, era el. O noso Alberto marcha e vaise cabreado connosco («Madrid ama la libertad, y por eso quiero volver a vivir a Madrid»). Vaise porque os indíxenas do noroeste do mapa devecemos pola catividade. Os galegos somos así, uns tipos nostálxicos da ditadura, os auténticos herdeiros daquel «vivan las caenas!» que seica berraban os sevillanos, cando hai douscentos anos se restableceu o absolutismo de Fernando VII.
O mesías dos Peares é un gran amante da liberdade. Mais, por moito que disimule, entra en Génova por unha gateira escura, malia levar unha eternidade agardando diante da porta principal. Casado marchou porque quixo e o noso Alberto, se decide substituílo, é porque o foron buscar á casa. E mira se é como din os de acolá que, antes de cantar o galo, santifica a presunta corrupción da señora Ayuso e engule, lambendo o bico –como se fose caviar ruso– o pacto de Mañueco con Vox, para deixar constancia de que o gran salvador do PP, amais de home de Estado, é un “extremista moderado”.
Pois iso. Os galegos somos xente propensa a criar personaxes como Feijóo. Sabemos que veñen ao mundo para vivir acotío nun enguedello de pretérito pluscuamperfecto. E recibímolos cos brazos abertos malia sabermos que, ao chegar, o primeiro que fan é preparar as maletas para marchar cara ese Madrid casposo que tanto ansian e tanto aman.
[O meu tío Lisardo xeme sen sosego vendo como estes heroes da acrobacia política –e fabricantes do autoodio– ao atravesaren o Padornelo rebentan os freos, para embalarse por aquela costa tan pina que lles permite chegar á capital do chotis con tódolos puntos, sen que ninguén os multe no camiño, malia saltar ducias de sinais de límites de velocidade].