Feijóomandering

En 1812 o daquela Gobernador de Massachusets, Eldbridge Garry, asinou un decreto polo que se modificaban os distritos electorais para as eleccións ao senado co obxectivo de ser favorecido o seu partido nas seguintes eleccións. O resultado foi un distrito con forma de píntega (salamander), que recibiu o nome de Gerry-mander. Dende aquela, o termo Gerrymandering e, de forma xeral, o sufixo -mandering após o nome dun político, ten identificado as manobras de cambios nos distritos electorais, en beneficio de quen ten maioría para cambialos, contrarias á ética política (nalgúns países contrarias tamén á legalidade).

O termo Gerrymandering e, de forma xeral, o sufixo -mandering após o nome dun político, ten identificado as manobras de cambios nos distritos electorais, en beneficio de quen ten maioría para cambialos

A pasada semana iniciouse o trámite parlamentar dunha modificación do sistema electoral galego de máis magnitude que aquela feita polo Gobernador Garry hai dous séculos, pero coa mesma orientación. Xa ninguén acredita no motivo formal coa que Feijóo xustifica a reforma en debate, non é o aforro o motivo, desprezou o presidente todas as propostas alternativas que se lle fixeron dende os grupos da oposición que, sen recortar o número de escanos, supoñerían un aforro maior. Non é o cumprimento do programa electoral, non se viu forzado a cumprir cousa ningunha do programa que non fora favorable ao PP. Non alegou outro motivo, así que, os que haxa -ten que habelos- semellan inconfesables (por inconfesados).

O que si sabemos é que D. Alberto é un experto nas manobras de despiste político, que coa colaboración dos medios “amigos” aparta da axenda temas controvertidos, a base de titulares feitos á súa medida

O que si sabemos é que D. Alberto é un experto nas manobras de despiste político, que coa colaboración dos medios “amigos” aparta da axenda temas controvertidos, a base de titulares feitos á súa medida. Entre os últimos exemplos, esa preocupación sobrevida pola supresión  do dereito ao aborto das mulleres galegas que fai o seu compañeiro, D. Alberto tamén, mentres financia á principal organización actuante en Galiza (salvando a Igrexa católica) contra ese dereitos: a rede madre.

Tamén sabemos que o PP ten manifestado en múltiples ocasións a súa preferencia polos sistemas maioritarios que colaboran na conformación de maiorías absolutas e orientan cara ao voto “útil” e o bipartidismo, fronte aos sistemas proporcionais que conforman Parlamentos máis diversos, coincidentes coas opinións manifestadas no voto, por tanto máis representativos, e que favorecen a necesidade de pactos para conformar maiorías. Xa vemos onde leva esa “estabilidade”' das maiorías absolutas: á facilidade para eludir os controles, para pasar o rolete no Parlamento, para tapar a corrupción e o nepotismo do/s propio/s goberno/s... É esa a “estabilidade” que procuran?

O PP ten manifestado en múltiples ocasións a súa preferencia polos sistemas maioritarios que colaboran na conformación de maiorías absolutas e orientan cara ao voto “útil” e o bipartidismo

Parece claro que a modificación proposta do artigo 9 da Lei Electoral Galega que consiste en pasar o Parlamento de 75 a 61 escanos, e os fixos por circunscrición de 10 a 8, vai nesa liña de procurar e reforzar as (súas) maiorías. Con este cambio e o mesmo censo e resultado electoral, terían 33 actas, dúas máis das 31 que constituirán a maioría absoluta. A redución de escanos supoñerá un limiar de entrada ao Parlamento maior que o marcado pola lei, xa o viña sendo pero agora agrávase. O 5% do voto emitido en Lugo en 2012 son 9826 votos, o último resto segundo o sistema d'Hondt de reparto foi de 10842, pero logo de aplicado o recorte, o último resto sería 14040; unha forza que obtivera un 5 ou incluso un 7% do voto podería quedar excluída do Parlamento galego nese distrito. Medrará a descompensación entre o peso dos votos dunhas e doutras circunscricións, favorecendo aquelas nas que máis peso ten o PP historicamente: hoxe unha acta da Coruña representa a 24723 votantes e unha de Lugo a 13102; coa nova lei, una acta da Coruña representará a 29667 e unha de Lugo a 16377. 

Consúmase unha manobra política, non por antiga menos desprezable: a adaptación dun proceso electoral ás necesidades dun partido, á que podemos, con toda propiedade, denominar Feijóomandering, no exercicio dun trilingüismo ben entendido

Resulta escandalosa a fórmula escollida, o Sr Feijóo pasou nuns anos –poucos-, de reclamar a maioría reforzada para cambiar a lei electoral a presentar, non un proxecto de lei do Goberno, que permitiría aos grupos da oposición mostrar unha alternativa en forma de emenda á totalidade, que tería todos os informes de órganos consultivos necesarios (incluído o de impacto de xénero), senón unha proposición de lei do grupo popular, cambiando o debate de totalidade polo de toma en consideración, en que os grupos non poden presentar textos alternativos, e que non precisa de informes complementarios. Un colofón de covardía adecuado a toda esta trapallada que ven sendo, dende hai xa anos, a reforma electoral promovida por este D. Alberto.

Consúmase unha manobra política, non por antiga menos desprezable: a adaptación dun proceso electoral ás necesidades dun partido, á que podemos, con toda propiedade, denominar Feijóomandering, no exercicio dun trilingüismo ben entendido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.