Así como se empregan maniquís nos escaparates para exhibir roupa, zapatos e accesorios e atraer a atención do consumidor, os partidos políticos hoxe exhíbense no escaparate mediático para crear a ilusión de que o seu traxe, a súa interpretación da sociedade, é o que máis lle convén e mellor lle senta ao consumidor-votante
O estalido social provocado polo desafiuzamento dunha muller anciá que faleceu no hospital dúas semanas despois e o fracaso na aprobación dun decreto-lei de urxencia e extemporáneo, deseñado para poñer fin a situacións coma esa e á crise da vivenda, levou á convocatoria de eleccións xerais anticipadas en España, algo que a oposición pedía desde o primeiro día do actual mandato parlamentario. Estamos unha vez máis ás portas da 'festa da democracia', unha expresión —acuñada polos xornalistas políticos durante a transición da ditadura á democracia— que detesto particularmente, xa que no estado actual dos sistemas democráticos, continuamente atacados e postos en cuestión por certas forzas de ideoloxía extrema, soa a mofa, a unha broma. Desde o meu punto de vista semella máis ben unha 'festa dos manequíns', como cantaba Germán Coppini de Golpes Bajos, xa que unha gran parte dos partidos políticos son entes prácticamente inertes, inoperantes e indolentes fronte aos abusos constantes do capitalismo, mentres que aqueles que tentan desafialo carecen do apoio suficiente para acadar un cambio real.
Así como se empregan maniquís nos escaparates para exhibir roupa, zapatos e accesorios e atraer a atención do consumidor, os partidos políticos hoxe exhíbense no escaparate mediático para crear a ilusión de que o seu traxe, a súa interpretación da sociedade, é o que máis lle convén e mellor lle senta ao consumidor-votante.
Neste contexto, aqueles que cremos que o verdadeiro cancro social que alimenta constantemente a desigualdade e xera sufrimento, guerras, división entre as persoas e moitos outros males é o capitalismo, atopámonos ante unha situación complexa sen solución sinxela: a quen debemos votar?
Dende que era neno escoitei o mantra da redistribución da riqueza como unha das aspiracións sociais ligadas á consecución da igualdade, pero medio século despois esa quimera segue sen materializarse e semella cada vez máis utópica.
Na actual sociedade desinformada e viciada polos bulos constantemente espallados principalmente pola ultradereita, cuxo principal caladoiro de votos é a parte máis ignorante e menos solidaria da poboación, a motivación do voto é cada vez máis disparatada. Hai inmigrantes que votan polos seus potenciais futuros opresores, xente que vota por tradición familiar, outros que votan exclusivamente polos seus intereses persoais, algúns influenciados polo que escoitan dos seus achegados ou simplemente como forma de castigo, e mesmo quen o fai polo atractivo físico do seu candidato favorito. Todas estas motivacións están moi lonxe da verdadeira razón que debería levarnos ás urnas: a procura do benestar xeral. Son ademáis validadoras do capitalismo, un sistema económico que non contempla un límite para o crecemento, coma nunha permanente fuxida cara adiante que moita xente se esforza constantemente por emular. Os que teñen dous pisos queren tres; os que teñen pouco ou nada queren máis aínda que non sexa necesario ou admiran e tentan emular aos que teñen moito nunha carreira absurda que non xera máis que insatisfacción, individualismo e falta de solidariedade. Cantas veces temos esoitado ao político de turno repetir unha e outra vez que a economía debe seguir medrando? Ata que punto? Ata onde temos que medrar? Dado que o capitalismo non pon ningún límite ao crecemento, supoño que teremos que medrar ata o infinito e máis alá.
Esta forma actual de ultracapitalismo extractivo, que en lugar de redistribuir a riqueza, concéntraa cada vez máis nas mans dun número máis reducido de persoas, deixou de lado o seu aspecto produtivo para centrarse máis no seu aspecto extractivo; é dicir, detraer a escasa riqueza nas mans dunha poboación con salarios baixos e incluso aspirar a saquear os fondos públicos a través da privatización de servizos esenciais.
Cobrar alugueres máis altos non xera riqueza nin crea empregos; simplemente transfire unha proporción cada vez maior dos salarios da clase traballadora ás contas dos poucos que poden permitirse mercar vivendas como un investimento de baixo risco. A tendencia cara á privatización da sanidade, a educación e as pensións, ademáis de deteriorar o público e xeralmente funcionar de xeito deficiente, ten o mesmo efecto: monopolizar a riqueza.
A elección do candidato ao que votar debería basearse nunha comprensión profunda dos programas presentados por cada partido, pero quen ten o tempo, a vontade e, sobre todo, a enerxía para estudar en profundidade todas as propostas de todos os partidos políticos? O cidadán medio pasa boa parte do seu tempo traballando oito horas ao día no mellor dos casos, quizais unha ou máis horas desprazándose ao traballo, oito horas durmindo —se é posible—para estar ben descansado e listo para traballar ao día seguinte, pode que dúas horas comendo e/ou preparando a súa comida e, incluso, con algo de sorte, unha hora na hixiene e coidado persoal. Ese ciclo da cotiandade xera un ecosistema de cidadáns esgotados, 'a sociedade do cansazo', tal e como a define o filósofo Byung-Chul Han, na que ninguén, ou practicamente ninguén, está disposto a investir a pouca enerxía que lle queda en estudar o que os candidatos realmente nos propoñen para conseguir o noso voto.
Candidatos que se aferran aos seus escanos no parlamento durante décadas, outros, como os partidos da extrema esquerda que nos venden a ilusión de querer cambiar as cousas, pero que á hora da verdade son intransixentes ao defender a súa posición nunha lista electoral, participan únicamente nesa carreira polo crecemento persoal infinito, deixando de lado a procura do ben común. É posible entón que as cousas cambien? Dubídoo.
Seguiremos votando para que nada cambie. Seguiremos escollendo o manequín do escaparate que leva o 'outfit' que consideramos máis axeitado aos nosos intereses sen ter en conta que, moi probablemente, nada vai supoñer ningunha mellora significativa no noso día a día
Unha figura pública revolucionaria como Xesús de Nazaret foi crucificado para evitar disturbios e levantamentos populares durante a Pascua. Alguén que defendía aos máis necesitados e que xa loitaba contra o avance dun capitalismo que aínda non se inventara —expulsando aos avarentos cambistas xudeus do Templo— acabou pagando o prezo na cruz cristiá despois de ser acusado de blasfemia, sedición e rebelión. No espectro político actual, os partidos máis próximos a unha organización clasista, elitista e que goza de grandes privilexios como é a Igrexa Católica son VOX e o Partido Popular, precisamente os máis afastados dos desfavorecidos e da clase obreira, e con todo reciben o apoio nas urnas de millóns de persoas ás que prexudican unha vez acadano poder, escudándose en pretextos como a seguridade xurídica, a orde ou a necesidade do sacrificio.
Persoalmente eu votaría por un candidato revolucionario coma Xesucristo, pero onde está ese heroe capaz de poñer patas arriba o Templo? Quen está disposto a desafiar directamente o control económico e a autoridade da elite dominante, deixando de lado o seu ego e as súas ambicións persoais? Hai alguén así hoxe en día? Estou seguro de que si, pero tamén estou seguro de que nunca encabezará unha lista electoral, xa que tanto os seus detractores como os seus propios seguidores o impedirán. Mentres tanto, seguiremos votando para que nada cambie. Seguiremos escollendo o manequín do escaparate que leva o 'outfit' que consideramos máis axeitado aos nosos intereses sen ter en conta que, moi probablemente, nada vai supoñer ningunha mellora significativa no noso día a día.