Fichamos?

Están na Havana un tanto preocupados, a familia Castro ten orixe en Láncara e saben que tarde ou cedo o “partido” laranxa vai facer unha proposta a Raúl Castro para ser o candidato, ademais en Láncara poden ser decisivos, nada está despexado.

Brincadeiras aparte, está moi ben iso de querer vender á xente que se está  a fichar talento, mais compre ter coidado e ser un pouco prudentes, a política non é fútbol e incluso no fútbol por exemplo os xogadores galos teñen problemas de adaptación.

Non deixa de ser unha paradoxo que o partido máis nacionalista español, Ciudadanos, teña que buscar o teórico talento fora, mesmo en aqueles que tradicionalmente bloquean a nosa política pesqueira en agraria en Europa. Precisa Galicia esta formación? Esta clase de facer política? Cada quen que elixa.

Andan agora a lea de fichar a un exconselleiro, non de moito talento tampouco, pero si de repercusión porque tiran na liña de flotación do PP. Sen que serva de precedente doulle algo de razón a Rueda, iso non pasa de ser unha deslealdade. Xa non do Sr. Guerra co PP senón de ciudadanos coa xente que ten en Galicia, eu plantaríame seriamente o futuro nunha forza que non acredita no meu traballo e ten que buscar talento fora.

Ciudadanos manifestaba fai uns días que en Galicia so ía presentar candidaturas nos Concellos nos que fose decisivo, e nas cidades e vilas intermedias. Dúas apreciacións dende a miña humilde opinión. Primeiro compre votar, para saber onde se é decisivo, é un concepto de democracia que igual non controlan ben e segundo Galicia é algo máis, moito máis, que as vilas e cidades. É moi interesante saber que renuncian a representar a un bo número de galegos e galegas. Quizais o fan inspirados por ese talento, pero demostran que de Galicia saben ben pouco.

Con partidos como Ciudadanos e Podemos, que traballan e actúan en chave demoscópica unicamente, so sufrimos o arte de deturpar a política. Está é a nova política que dicían representar ou máis ben e un sácate ti que me poño eu?

Neste senso era chave que os xornalistas fagan o seu traballo ben e transmitan a verdadeira cara de esta acción política que representan dende os seus cháletes millonarios e dende as súas tribunas subvencionadas.

Unha recomendación, acudide se podedes a calquera das cámaras de representación, o talento e o nivel están moi baixos, algo pasa nesta democracia e compre actuar con sentidiño.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.