Independentemente dos resultados electorais dos comicios lexislativos a celebrarse na Arxentina o próximo 27 de outubro, a sensación de final de ciclo político resulta patente, en particular no relativo ás expectativas que se cernen sobre as hipotéticas candidaturas para os comicios presidenciais de decembro de 2015. Estas candidaturas visiblemente buscan fortalecerse nos comicios deste domingo, imprimindo unha especie de paréntese “post-kirchnerista”.
Independentemente dos resultados electorais dos comicios lexislativos a celebrarse na Arxentina o próximo 27 de outubro, a sensación de final de ciclo político resulta patente
Este ciclo político, iniciado en 2003 a través dunha hexemonía labrada polo liderado emanado das presidencias de Néstor Kirchner (quen curiosamente cumprirá o próximo domingo tres anos do seu pasamento) e da súa esposa e actual mandataria Cristina Fernández de Kirchner, determinará a eventualidade de emerxencia de novas tendencias políticas dentro do tradicionalmente polarizado e atomizado escenario político arxentino. Por tanto, as lexislativas do 27/0 marcarán decisivamente a carreira electoral presidencial co horizonte 2015.
O momento, por tanto, luce decisivo para o “kirchnerismo”, agrupado na plataforma Fronte para a Vitoria (FpV), liderada para estes comicios lexislativos na candidatura de Martín Insaurralde
O momento, por tanto, luce decisivo para o “kirchnerismo”, agrupado na plataforma Fronte para a Vitoria (FpV), liderada para estes comicios lexislativos na candidatura de Martín Insaurralde. Os preocupantes resultados das eleccións primarias PASO de agosto pasado, onde a FpV pasou do 54% de votos alcanzados nas presidenciais de 2011 (que deron á reelección a Cristina K) ao 26% actual, engadido aos problemas de saúde detectados á presidenta arxentina e que levárona a comezos de outubro a unha delicada operación cirúrxica de extracción dun hematoma craneal, son aspectos que identifican un panorama improrrogable sobre unha eventual sucesión de liderado dentro do “kirchnerismo”.
Paralelamente, o ascenso de novos liderados “progresistas” como Sergio Massa, ex “kirchnerista” e candidato da Fronte Renovador, cuxo liderado vense consolidando desde os pasados comicios PASO, confirma un pulso electoral que con case total probabilidade abrirá un novo ciclo político no país.
Segundo diversas enquisas, a intención de voto en torno a Massa localízase en torno ao 39% por 32% de intención de voto para Insaurralde. Se ben esta distancia pode reducirse de cara a este domingo, o escenario postelectoral mais evidente será unha polarización entre Massa e un “kirchnerismo” eventualmente sen Cristina K, panorama que pode ser capitalizado por Massa para encarnar unha eventual plataforma de oposición, contando con sectores desencantados ou polarizados polo “kirchnerismo”.
Outras candidaturas que este domingo pulsarán o seu eventual impacto electoral de cara ao 2015 serán, con case total probabilidade, as do conservador Mauricio Macri, gobernador da Cidade Autónoma de Bos Aires; o socialista Hermes Binner, ex gobernador da provincia de Santa Fe; Margarita Stobilzer (Fronte Progresista Cívico e Social); e o peronista Francisco de Narváez, confirmando así este tradicional panorama política e ideoloxicamente atomizado e polarizado.
Ventos de sucesión?
A presidenta Cristina K afronta un test político no que xa non ocupa o lugar preponderante nin central
Así como resulta esencial determinar ata qué punto os seus problemas de saúde impliquen acelerar este inevitable final de ciclo político, a presidenta Cristina K afronta un test político no que xa non ocupa o lugar preponderante nin central. A práctica imposibilidade de impulsar unha reforma constitucional que lle permita postularse para unha nova reelección activa os resortes dunha hipotética sucesión dentro “kirchnerismo”, escenario onde as cábalas políticas apostan polas posibilidades de sucesión do ex vicepresidente Daniel Scioli, actual presidente do peronista Partido Justicialista (PJ) e que nos derradeiros tempos achegouse politicamente ao entorno político presidencial.
Outros nomes que se barallan neste hipotética sucesión están incluídos dentro do denominado “núcleo duro do kirchnerismo”, un sector moi vinculado aos Kirchner desde os seus tempos na gobernación de Santa Cruz, e que actualmente ocupan cargos oficiais. Aquí afloran os nomes dos secretarios da FpV Oscar Parrilli e Carlos Zanini, do ministro Julio de Vido, do actual vicepresidente Julio Cobos e incluso membros da familia presidencial como Alicia Kirchner (irmá do falecido ex presidente Néstor e actual ministra de Desenvolvemento Social) e Máximo Kirchner, fillo da presidenta e principal director do movemento da mocidade “kirchnerista”, La Cámpora, con forte presenza nas estruturas políticas e gobernamentais.
A constante polarización centro-periferia que tradicionalmente domina o sistema político arxentino, implica determinar diversas correlacións de forzas entre liderados “kirchneristas” bonaerenses e outros de carácter federal
Non obstante, a constante polarización centro-periferia que tradicionalmente domina o sistema político arxentino, implica determinar diversas correlacións de forzas entre liderados “kirchneristas” bonaerenses e outros de carácter federal. Este panorama non se limita unicamente ao oficialismo ou incluso ao amplo espectro político e ideolóxico do peronismo, senón igualmente cara outros partidos e movementos políticos, os cales non están alleos a estes pulsos determinados pola profusión de liderados e candidaturas orixinarios da capital federal e das provincias.
Alén das cábalas políticas e do hipotético novo ciclo por asumirse, a sociedade arxentina experimenta unha notable sensación de incerteza sobre o futuro do país. Diversas análises observan o final de ciclo do boom económico que asentou os niveis de popularidade do “kirchnerismo”, toda vez existen receos sobre a crise económica, financeira e ata enerxética que vive o país. Paralelamente, a auxe da inseguridade cidadá converteuse nun tema estratéxico da campaña electoral, escenario que erosiona o piso electoral do “kirchnerismo” mentres aparentemente fortalece as opcións de Massa.
Diversas análises observan o final de ciclo do boom económico que asentou os niveis de popularidade do “kirchnerismo”, toda vez existen receos sobre a crise económica, financeira e ata enerxética que vive o país
Unha recente enquisa do Centro de Opinión Pública da Universidade de Belgrano (COPUB) considerou que o electorado arxentino vota mais pola filiación a un determinado partido político e polo liderado que polo programa electoral ou as promesas de campaña.
Por tomar un exemplo: un 26% dos enquisados votarían por Massa pola súa personalidade e traxectoria; un 21% por ser candidato da Fronte Renovador como escisión do “kirchnerismo”; e un 9% para evitar que gañe o candidato oficialista. Un dato relevante desta enquisa: un 40% dos entrevistados consideraron que cren “algo” a información oficial e gobernamental sobre o estado de saúde da presidenta Cristina K. Destro deste eventual novo ciclo político que se abre como escenario postelectoral 27/O, ó parecer algunhas tendencias tradicionais da política arxentina, como o personalismo político, seguen a ter unha vixencia inalterable