O debate sobre o financiamento das CC.AA. ten moitos anos de vida. Loxicamente, tantos como os que abranguen o tempo transcorrido dende a posta en marcha da actual estruturación territorial do Estado español, por mais que se poda constatar unha maior intensidade na controversia pública durante as últimas tres décadas.
Hai dúas circunstancias que veñen dificultando a desexábel comprensión e transparencia deste debate por parte de segmentos maioritarios do corpo social. Por unha banda a propia complexidade técnica desta temática (que esixe uns certos coñecementos en materia de financiamento das Administracións públicas e tamén no relativo ás políticas tributarias) e por outra a inevitábel -e notábel- confrontación política asociada a esta discusión.
No asunto do financiamento autonómico é necesario responder a dúas preguntas básicas: cal é o volume de recursos financeiros requiridos para que cada Comunidade sexa quen de prestar con suficiencia os servizos públicos que ten encomendados no seu ámbito competencial e con que nivel de autonomía fiscal pode operar cada un dos territorios involucrados
No asunto do financiamento autonómico é necesario responder a dúas preguntas básicas: cal é o volume de recursos financeiros requiridos para que cada Comunidade sexa quen de prestar con suficiencia os servizos públicos que ten encomendados no seu ámbito competencial e con que nivel de autonomía fiscal pode operar cada un dos territorios involucrados. Para dar unha resposta acaida á primeira interrogante hai que partir dunha realidade indiscutíbel: os custes da prestación dos servizos non son os mesmos en todos os territorios considerados. É ben sabido, por exemplo, que no caso galego a provisión dunha sanidade de calidade contrastada vese afectada polo encarecemento derivado do nivel de avellentamento da poboación e do espallamento característico do asentamento da cidadanía no espazo físico. De non existir unha adecuada cuantificación -e actualización- deses custes, consolidariase un déficit inaceptábel no que son pezas básicas definitorias dunha sociedade do benestar. No relativo á autonomía fiscal non resultaría congruente establecer un sistema fortemente centralizado que apenas recoñecera capacidade normativa ás Comunidades para lexislar sobre distintas figuras tributarias.
Agora que se está a falar do eventual establecemento dun sistema de concerto en Cataluña -análogo ao que rexe dende hai moitos anos no Pais Vasco e na Comunidade Foral de Navarra- convén lembrar un episodio histórico que ten pasado relativamente desapercibido. No momento da negociación do Estatut, o partido de Adolfo Suarez ( a desaparecida UCD) ofreceulle a Jordi Pujol a posibilidade dunha fórmula de financiamento semellante á vasca e á navarra. O dirixente catalán non quixo asumila polos custes políticos asociados a un autogoberno fiscal desa envergadura. Preferiu que o goberno do Estado asumise toda a responsabilidade na recadación dos impostos e transferise, despois, as cantidades requiridas polo goberno da Generalitat. O vello líder de CiU -que, daquela, non era independentista- calculaba que a súa opción aseguraba mellor a continuidade da hexemonía da formación nacionalista. Este feito confirma que, dende o primeiro momento, as consideracións derivadas das dinámicas de confrontación no escenario político tiveron un grande peso na fixación do modelo de financiamento das CC.AA. do chamado réxime común (todas menos Euskadi e Navarra). Nos anos 90 do pasado século vivíronse dúas concrecións relevantes desta tendencia: primeiro Felipe González e despois J.M. Aznar pactaron a gobernabilidade do Estado, bilateralmente, con CiU mediante o establecemento de fórmulas novidosas no modelo de financiamento (transferencia de distintas porcentaxes do IRPF, do IVA e dos Impostos Especiais con determinadas capacidades normativas) que foron ratificadas posteriormente no Consello de Política Fiscal e Financeira (un órgano multilateral contemplado na estrutura institucional do Estado das Autonomías).
Se o debate sobre o financiamento das CC.AA puidese ser reducido ao ámbito das propostas técnicas elaboradas no mundo académico sería mais doado atopar saídas satisfactorias. Pero tal circunstancia non é realista. A conversa pública sobre este asunto leva inevitabelmente á discusión sobre a vixente estrutura territorial do Estado e a súa eventual reformulación futura
As falacias apocalípticas emitidas, recentemente, polos dirixentes do PP a respecto das conversas que se están desenvolvendo entre o Partido Socialista e ERC ignoran descaradamente a historia do seu partido e non queren asumir os cambios substanciais operados no panorama político catalán dende hai mais de dez anos. O importante apoio electoral que veñen acadando as formacións independentistas (entre un 40% e un 50% dos votantes) dificulta seriamente a posibilidade de atopar fórmulas compartidas entre as CC.AA. E Feijoo carece de propostas para tratar de saír de semellante bloqueo. O PP só está especializado na xudicialización dos conflitos con Cataluña: Mariano Rajoy tivo maioría absoluta dende o 2012 e non foi quen de renovar o modelo de financiamento que caducou no ano 2014. Estaría disposto Feijoo a pactar un tratamento singular para a Facenda catalá a cambio de asegurar unha maior estabilidade da unidade constitucional do Estado?
Se o debate sobre o financiamento das CC.AA puidese ser reducido ao ámbito das propostas técnicas elaboradas no mundo académico sería mais doado atopar saídas satisfactorias. Pero tal circunstancia non é realista. A conversa pública sobre este asunto leva inevitabelmente á discusión sobre a vixente estrutura territorial do Estado e a súa eventual reformulación futura. E aí, aparecen diferenzas importantes entre as forzas políticas que conforman o actual mapa político. Nin sequera cabe prognosticar un acordo entre o PP e o PSOE de Pedro Sánchez, a diferenza do que sucedía nos tempos da hexemonía do bipartidismo.