Finisterrae

Existen encontros casuais, encontros taciturnos ou encontros fortuitos. Algúns prodúcense ás agachadas e outros a plena luz do día diante dun sinfín de observadores indiscretos...malia iso, hai ocasións en que estes nin por fortuitos deixan de ser planeados, nin por casuais deixan de ser premeditados... Así o mar cada tardiña espera ansioso o encontro co sol en Fisterra...

A tarde cae lentamente, e un ceo de alaranxados e vermellos, da cor do lume, enche o aire, e por máis que o intentas non podes parar de mirar... No seu ocaso o mar reflexa sobre a auga miles de estrelas tintinantes que douran o vaivén das ondas, deixando constancia coa súa calor de que esa tarde o sol estivo alí...

Mentres ducias de ollos contemplan o espectáculo do fin do mundo e o verán soa en liña recta, ti es testemuña de como ese mar e ese sol nun día único se funden unha vez máis (aínda que sabes que nunca coma hoxe) nunha inabarcable aperta de luz e auga, e comprendes nese intre que hai cousas polas que paga a pena estar viva.

Esa noite unha déitase no faro, sabe que dorme á beira dese mar que escoita coa fiestra aberta, e pecha os ollos tranquila, porque logo de ver unha das postas de sol máis espectaculares da terra, do fin da terra, xa nada queda por pedirlle ó día...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.