Foi luzada en Catalunya

Utilidade do inútil

Fileiras que nunca se viran para o que El País cualifica de "inútil". Se non fora porque disque non se podía votar, o de onte foi mesmo unha consulta. O que non encaixa na lóxica neoliberal de utilidade sen tañeiras, que rebaixa a democracia a unha bela aparencia sen substancia, tórnase un acto sen valor. Eis o marco interpretativo que vén de ser subvertido en Catalunya e no que debruza certa idea do poder no estado español, o da promiscuidade finanzas-política. Porén, o que onte se viviu en Catalunya en consulta simbólica, foi un acto de estilo e de  vontade que non ten marcha atrás, cando menos en termos psicopolíticos, malia tratarse dun suceso participativo talvez con discreta porcentaxe tratándose dun referendo.

Fronte á simple interlocución disciplinaria do Estado, a sociedade civil catalá reaxiu dispoñendo e pegando. Poñendo en práctica a súa escumenista arte asociativa. Defendendo as urnas coa participación

Fronte á simple interlocución disciplinaria do Estado, a sociedade civil catalá reaxiu dispoñendo e pegando. Poñendo en práctica a súa escumenista arte asociativa. Defendendo as urnas coa participación. A cidadanía disciplinada foi quen de aproveitarse do inútil. Os voluntarios e as entidades soberanistas  interpretaron onte que tamén os partidos cumpriron malia os impedimentos impostos pola goberno español. No entanto, demóstrase que o simulacro, o procedemento, era efectivo para poder votar, e o Estado non soubo como evitalo malia telo impugnado e alcumado de “inútil” e “pantomima”. Acontece que a forza xeradora do inútil -como ben lembra Nuccio Ordine- mostra a súa creatividade cando somos quen de formarmos unha colectividade con memoria que, fuxindo do extravío,  procure gañar o sentido de seu. 

 

Emponderamento e nova política

A política catalá acaba de mostrar  suxeito político propio nun referendo que a prensa internacional cualificou de informal, a diferencia do goberno e os medios españois que teimou en reducilo a "ilegal" e "inútil"  deturpando o significado do que é ou non é democrático. O matiz é importante porque a impugnación da consulta legal -a impostura legalista do Estado- foi contestada pola cidadanía de Catalunya nunha xornada de total protagonismo democrático da xente, do xeito máis consistente posíbel: con desobediencia e desafiando a legalidade estagnada. Mais esa informalidade que é a súa avantaxe e fortaleza, é tamén a da súa debilidade.  De feito, a prohibición tornouse nun paradoxo, unha oportunidade para novos métodos.

Asumir o protagonismo co entusiasmo que amosaron as voluntarias e voluntarios no 9-N serviu para mostrar unha acción que os seus protagonistas fixeron de seu: a participación como elección e non como simples deber imperativo

Laboratorio. Asumir o protagonismo co entusiasmo que amosaron as voluntarias e voluntarios no 9-N serviu para mostrar unha acción que os seus protagonistas fixeron de seu: a participación como elección e non como simples deber imperativo. Fronte a vella lóxica, as novas formas de responsabilidade. Máis de 2 millóns de persoas foron quen de mostrar que hai unha vontade de participación significativa. Ficou de relevo tamén a habelencia de Mas que soubo navegar neste proceso turbulento. Logo dunha semana de devalo do  bloque soberanista e de calada negociación  de Joan Rigol co PP e o  PSOE á marxe  do Pacte pel Dret a Decidir, sumouse un maquiavélico adubio xa que astucia que Mas anunciara atinxía tamén aos seus compañeiros de viaxe e non só ao goberno español. Mas sentiuse afortalado, porén, a mensaxe que a cidadanía tamén lle enviou ao President foi que o que é para ser feito debe ser feito agora e sen adiamentos. Se esta non foi a definitiva, a posibilidade dunhas plebiscitarias debruzará na dificultade de agregar e manter a pluralidade. 

Abrollan máis incógnitas que certezas, e xa veremos quen é quen de se aventurar a dicir cando haberá eleccións nin sob que siglas han concorrer. A capacidade de agregar electores, un espazo de encontro,  será o elemento aberto á discusión. É obvio que a vontade de Mas de asumir arestora máis protagonismo, malia saír reforzado, terá un punto de tensión coa ANC, Òmniun e o movemento da sociedade civil, no fondo os verdadeiros triunfadores do día  xunto coa permanente laboriosidade de ERC, ICV e  a CUP aínda tendo renunciado ao formato orixinal do 9-N. Dia de grande mobilización, de apertas e de emocións que lle dan azos aos partidarios do avanzo electoral. Agora tocaralles aproveitar a luzada sobre un trasfondo de corrupción e de irrompimento de Podemos (onde moran Jiménez Villarejo e Jaume Asens) que o creba todo nun posíbel escenario constituínte xa que coincidirían nunhas mesmas eleccións a sociedade civil secesionista e un movemento estatalista direccionado contra o establishment.

 

Legalismo excesivo

Certo que a declaración de ilegalidade ten como recente contrapunto o anuncio de “iniciar as accións legais que correspondan” (tería de ser o TSXC quen abrira proceso contra os políticos aforados). Mais as informalidades tamén serven para perder o medo xa que a liberdade como dádiva non é mais do que desviarse da necesidade. A activa recollida de sinaturas nos puntos de participación para a denuncia aos organismos internacionais contra a prohibición do goberno español de celebrar un referendo de independencia en Catalunya, expresa ben a queda do pano da estratexia da ameaza e do medo.

Catalunya está a ensaiar ir coa democracia española alén da democracia española para poder apropiarse de seu, decidindo

Porén, malia a evidencia, o grande desenvolvemento das forzas estatais teima en aferrarse ao primado legalista que nos corenta anos de democracia foi derivando en novas relacións clientelares e nula capacidade de integración das diferencias. A esperanza de que a consulta non vinculante achaire o camiño a unha consulta topará os vindeiros días co muro do legalismo ideolóxico e a súa maquinaria. Catalunya está a ensaiar ir coa democracia española alén da democracia española para poder apropiarse de seu, decidindo.  Ao cabo, o que a suposta inutilidade do 9-N revelou foi que o legalismo excesivo é unha falta de liberdade, unha coacción que mostra sen paliativos que o que realmente se tornou débil e inútil é unha certa idea española do poder para dar conta do presente. E chegará o dia en que terán de chamar as cousas polo seu nome

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.