O grande traballo do reporteiro galego Xaquín López para TVE ven de demostrar que a morte do seareiro deportivista Jimmy, o pasado 30 de novembro, non ocorreu das resultas de ningunha liorta concertada, senón da actuación unilateral dos seareiros da fronte madrileña, que atacaron se provocación ningunha aos seareiros deportivistas cando almorzaban preto do estadio colchoneiro, contra ás 8.30 da mañá daquel domingo negro.
Xa ficara demostrado que o mando policial galego advertira da viaxe dos seareiros coruñeses e de que a delegada do Goberno de Madrid, Cristina Cifuentes mentiu. E agora cae o relato que cociñaron os “media”en Madrid para explicarmos o que pasou en clave de equidistancia e mesmo de provocación branca e azul: “quedaron uns radicais galegos cuns rapaces da Fronte Atlética, bateron entre eles e morreu un galego de moi mala vida”.
Iso foi o que nos contaron e o que lles mercaron non poucos galegos, vía determinado medio coruñés. Pouca conciencia do propio amosan aqueles que non son quen a contar o que nos pasa dende a propia percepción e que recorren a un relato importado que degrada aos nosos. Malia que cumpra deixar ben clariño que a TVG e a maioría dos nosos media souberon contar o que pasaba e o que se ía descubrindo.
Cómpre rachar de vez con esa cínica equidistancia e dicir ben claro a realidade. A organización chamada Frente Atlético, canda os teoricamente disoltos Ultrasur son grupos que partillan unha ideoloxía parafascista e, cando menos, de extrema dereita españolista e rexeitan violentamente calquera idea ou identidade que non sexa a súa. As sucesivas directivas atléticas apoiaron estes extremistas (como denunciou Eduardo Inda, ex director do Marca e pouco sospeitoso de pertencer aos Riazor Blues) e non pasaba nada. Os nosos Blues abranguen unha mesta largura de seareiros, moitos de tendencia progresista, mais de ningún xeito unitarios nas súas tendencias. E que, claro, coma sempre pasa no fútbol, acollen algunhas persoas non moi acaídas nin equilibradas. Grande minoría a respecto da maioría extremista dos atléticos.
Velaí que teñamos que pensar dun xeito á galega de combater esa violencia que tanto lle preocupa, de xeito súpeto, a eses inimigos do deportivismo que se chaman Tebas e os seus compañeiros de quenda.