Fondos Europeos: a solución fronte á pandemia?

“O estrangulamento tecnolóxico de Galiza” © Laiovento

Fronte ao mantra repetido de que esta doenza afectaba a todos por igual, xa sabemos que as consecuencias do coronavirus non están a ser iguais para todas as clases sociais, nin a nivel sanitario nin económico

Desde a súa aparición, a pandemia da Covid-19 veu producindo unha serie de consecuencias terribles. A máis importante, as vidas humanas que arrastra a súa expansión. Pero como todos sabemos, estas consecuencias estendéronse a outros ámbitos. A paralización de gran parte dos fluxos comerciais está a producir consecuencias asimétricas nos diferentes axentes económicos. Fronte ao mantra repetido de que esta doenza afectaba a todos por igual, xa sabemos que as consecuencias do coronavirus non están a ser iguais para todas as clases sociais, nin a nivel sanitario nin económico. Non todas as persoas viven ou traballan en espazos pouco acondicionados, nin todas contan coa formación ou medios de protección necesarios para a prevención desta doenza. De igual maneira, non todas as profesións sofren despedimentos por igual, nin todos os traballadores contan co mesmo patrimonio como respaldo ou coa mesma solvencia para poder pagar os gastos e as débedas pendentes. E por suposto, non todos os cidadán poden pagar tratamentos fronte ao coronavirus valorados en 100.000 dólares, como o administrado a Donald Trump. 

Sen dúbida a irrupción de novas fontes de financiamento é en si unha boa nova. Outra cuestión sería preguntarse se estes recursos serán suficientes e estarán planificados e executados dunha maneira eficiente para atender a totalidade de necesidades xurdidas

Unha das cousas que esta pandemia está a poñer ao descuberto é que a erosión de máis de tres décadas de neoliberalismo produciu danos irreparables no sistema público de protección social. Agora moitos se decatan que o noso sistema sanitario non estaba tan ben dotado de medios como nos pretendían facer crer (as comparacións con outros países en relación a camas de UCI, ou camas por cada 1000 habitantes son só algúns dos indicadores manexados nas últimas semanas). Decatámonos tamén de que o noso sistema de pensións e axudas ao desemprego non ten a capacidade de atender adecuadamente un shock como o producido. De igual maneira, os gobernos -estatal e autonómico- por si sós tampouco están demostrando ter a plena capacidade de reflotar a economía no curto prazo. Neste contexto, unha das principais consecuencias económicas derivadas da pandemia será un novo incremento das desigualdades entre clases, unhas desigualdades que xa viñan aumentando desde a anterior crise. 

O emprego de Fondos Europeos presentou historicamente algunhas problemáticas a nivel macroeconómico (na súa planificación e deseño), a nivel mesoeconómico (aplicación rexional) e a nivel microeconómico (impacto e absorción)

Con esta perspectiva no horizonte, que para algúns é desafortunadamente xa realidade, moitos teñen postas as súas esperanzas de reconstrución -para enfrontar os problemas derivados da pandemia- e reestruturación -para acometer os novos retos ambientais, tecnolóxicos, sociais, etc.- na chegada de inxentes cantidades de recursos europeos. En relación a estes fondos, sen dúbida a irrupción de novas fontes de financiamento é en si unha boa nova. Outra cuestión sería preguntarse se estes recursos serán suficientes e estarán planificados e executados dunha maneira eficiente para atender a totalidade de necesidades xurdidas. O desafío é grande e, seguramente, as administracións públicas precisarán aumentar a súa capacidade de xestión (dotación de persoal, reorganización, etc.). Ademais, o emprego de Fondos Europeos presentou historicamente algunhas problemáticas a nivel macroeconómico (na súa planificación e deseño), a nivel mesoeconómico (aplicación rexional) e a nivel microeconómico (impacto e absorción), como se explica no ensaio “O estrangulamento tecnolóxico de Galiza” (Sande, 2020). Neste ensaio de carácter científico publicado recentemente pola Editorial Laiovento, explícase con todo detalle a execución de recursos FEDER en Galicia ao longo dos dous últimos períodos de programación, amosando as súas principais problemáticas. Unha obra de referencia para todos os ávidos lectores que desexen coñecer a arquitectura e o funcionamento dos Fondos Europeos.

 

Bibliografía 

Sande, D. (2020). O estrangulamento tecnolóxico de Galiza. Santiago de Compostela: Editorial Laiovento

Capa de “O estrangulamento tecnolóxico de Galiza” © Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.