Fondos europeos para innovación e problemas de visión na economía

Fondos Next Generation © Comisión Europea

No famoso “Ensaio sobre a cegueira” do portugués José Saramago o autor fabula e describe unha realidade alternativa na que as persoas viven (ou máis ben sobreviven) nun escenario no que todos os actores están privados da visión. Mais por moi distante que nos poida parecer na actual sociedade das comunicacións e da tecnoloxía un planeta invadido pola cegueira, o libro permítenos establecer un paralelismo entre ambos os mundos, deixando translucir algunhas das problemáticas que atinxen ao xénero humano e á economía.

No plano da economía son varios os problemas de visión que gardan relación coa xestión e a toma de decisións. O primeiro deles, por frecuencia, é sen dúbida a miopía

Precisamente no plano da economía, son varios os problemas de visión que gardan relación coa xestión e a toma de decisións. O primeiro deles, por frecuencia, é sen dúbida a miopía. Como o lector ben coñece, na miopía a imaxe dun obxecto situado a distancia fórmase antes da retina, polo que a persoa afectada non ve correctamente ao lonxe. Embebidos nos quefaceres diarios, traballadoras de todos os ámbitos, sexan operarias, técnicas, empresarias, tomadoras de decisión, funcionarias, docentes, políticas, etc., vense afectadas por este mal nalgún momento das súas vidas profesionais. Así, a urxencia de moitas tarefas adoita impedir ver ou atender a outras de maior calado e importancia económica.

Feijóo, nun acto sobre os fondos Next Generation da UE o 22 de xaneiro de 2021 no Gaiás CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Pero non é este o único mal da visión que está relacionado coa economía. En ocasións acontece que as organizacións, administracións ou empresas vense afectadas pola ausencia dunha misión concisa e clara, entendendo como misión a súa razón de ser concretada a nivel de planificación estratéxica, con obxectivos definidos e decisións tomadas na liña dos mesmos. Continuando coa analoxía anterior entre problemas de visión e economía, sería o astigmatismo o que impide enfocar claramente nun punto debido a un defecto na curvatura do cristalino do ollo.

As obrigas e urxencias dos cargos e os círculos de relacións establecidos cos mandos intermedios impiden con frecuencia que as responsables das decisións poidan baixar a ver a realidade (social e técnica) de moitas problemáticas

Porén, o problema de visión máis grave é, como adiantaba Saramago no seu ensaio, a cegueira, caracterizada pola falta ou perda da función visual. Numerosas directivas, políticas e tomadoras de decisións en xeral, vense afectadas por este mal. As obrigas e urxencias dos cargos e os círculos de relacións establecidos cos mandos intermedios impiden con frecuencia que as responsables das decisións poidan baixar a ver a realidade (social e técnica) de moitas problemáticas. Coincidindo co exposto por Saramago no seu ensaio, múltiples tarefas que a cotío non suporían maior dificultade nun mundo como o real vólvense extremadamente dificultosas nun mundo poboado pola cegueira nas direccións executivas.

Fondos Next Generation Europa Euro © Comisión Europea

Nun Sistema Rexional de Innovación como o galego, que non conta con madurez avanzada, posiblemente aflorará o problema descrito por David á hora de seleccionar que liñas de actuación e/ou propostas de innovación financiar cos recursos europeos

Precisamente a propósito da chegada a Galicia de recursos europeos para innovar como os Next Generation UE xurde outra problemática económica moi acaída e relacionada coa cegueira: o coñecido como “Dilema do xigante cego”. Para Paul Allan David (2005) -académico estadounidense que destaca polo seu traballo sobre o cambio tecnolóxico- os responsables políticos deberán enfrontarse ao problema de que as administracións públicas teñen maior oportunidade de influír na futura traxectoria do crecemento económico dos territorios durante o tempo no que saben menos sobre o que deben facer. É dicir, que nun Sistema Rexional de Innovación como o galego, que non conta con madurez avanzada, posiblemente aflorará o problema descrito por David á hora de seleccionar que liñas de actuación e/ou propostas de innovación financiar cos recursos europeos. Confirmaríase así a percepción que moitas podían ter tras meses de divagacións… 

 

Referencias 

David, P. A. (2005). Path dependence in economic processes. En P. A. David, The Evolutionary Foundations of Economics, páx. 149-194. Cambridge: Cambridge University Press.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.