Fóra de campaña

En 1963, Hannah Arendt escribía que “[n]a política, en maior grao que en calquera outra parte, non temos a posibilidade de distinguir entre o ser e a aparencia. Na esfera dos asuntos humanos, ser e aparencia son a mesma cousa”1. A tese da filósofa alemá, terriblemente certa, podería explicar as aparentes anomalías que se produciron a partir do 2013 en Galicia e, con carácter xeral, tamén no resto do Estado.

Os recortes en educación, sanidade e dependencia, así como a externalización de servizos públicos e a mala xestión da crise da vivenda golpéannos a memoria: tres persoas morreron entre 2014 e 2015 porque se lles negou, por razóns orzamentarias, o tratamento para a hepatite C. O 1 de agosto de 2013, en Arteixo, un home de 62 anos suicidábase cando a comisión xudicial procedía a notificarlle a execución do desaloxo. Dous anos despois, no 2015, efectuáronse en Galicia até 2227 lanzamentos, 800 derivados de execucións hipotecarias. A renda media e os niveis de emprego en Galicia caeron en picado desde o 2011. O coeficiente Gini do 2014 revela unha maior desigualdade do que en 2008 no noso país. Co tecido industrial descomposto, en Vigo, as traballadoras e os traballadores dos centros de chamada loitan por facer valer os seus dereitos laborais no medio dun proceso de terciarización brutal. O leite págase aínda por debaixo do que custa producilo e o sector desintégrase: no 2016 desapareceron 369 explotacións gandeiras.

Porén, de acordo co último estudo preelectoral do CIS sobre a percepción política en Galicia, parece como se nada disto sucedera nunca. Até un 66,9% das persoas entrevistadas cría que a situación económica do noso país non empeorara con respecto á de hai catro anos e un 26,6% cualificouna como “boa” ou “moi boa”. Se, ademais, tomamos os datos sobre mobilizacións sociais comprobamos como, a partir do 2013, a escalada de conflitividade social que arrancara no 2011 toca teito e os valores desplómanse. Por exemplo, o número de manifestacións convocadas contra as reformas lexislativas ou en defensa dos servizos públicos pasa en 2015 a niveis inferiores aos de 2010, reducíndose en máis dun 100% nunha progresión que arrastra do 20142. Así, mentres que a virulencia das reformas político-sociais se agrava, a resposta popular a estes ataques desaparece ou se atomiza. Asemade, o noso país viviu unha serie de procesos electorais que remataron consolidando a posición institucional dos poderes tradicionais.

Parece polo tanto, que hai un importante desequilibrio entre o brutal contexto socioeconómico en que vivimos e o que se agarda como resposta da poboación galega. A primeira vista, as cousas non encaixan. Porén, basta con profundar algo máis para ver a luz. Por exemplo, no estudo preelectoral do CIS antes citado, á pregunta de “cal é o problema máis importante que ten Galicia na actualidade?” de entre un total de 33 opcións, unha abrumadora maioría do 61,5% referiu o desemprego, fronte á sanidade (5,6%) a educación (1,7%) ou as pensións (0,4%). Un dato profundamente revelador pois, non só estamos a sufrir uns niveis de paro extremos, senón que ademais, desde o inicio da crise, en Galicia, destruíuse máis emprego que no resto do Estado, con notable diferenza, como consecuencia, entre outras cousas, do desmantelamento do noso tecido produtivo.

Entón. Ignorancia? Falta de conciencia de clase? Non, todo o contrario, os niveis de conciencia son altísimos. O que acontece é que a xente non se expresa na linguaxe da esquerda clásica: porque o fai na do poder. Malia que nos doa, poder e pobo falan o mesmo idioma, exprésanse nos mesmos termos. Pero esa linguaxe do poder non está pensada para resolver os problemas da xente. E entón, aí, como fungos que se abren paso entre a madeira podre dun edificio vello, é onde se producen as incongruencias e incoherencias políticas.

É dicir, a clase traballadora galega expresa a súa concordancia co proxecto político do poder en certos niveis exteriores, porén, non o interioriza. Rebeca Baceiredo sinalou que: “adaptarse só exteriormente a tal sociedade enferma, sen interiorizar realmente as súas normas, provocaralle [ao individuo] illamento e tal illamento xerará diversas reaccións posibles: rebelión deficientemente canalizada, defensa fanática das normas que en verdade aborrece, etc., tal e como lle acontecía a Travis Bickle, personaxe protagonista de Taxi Driver”3.

Hai unha maioría de xente que aplaude a estratexia da dereita, si, vota polos seus partidos, asente leis inxustas e consente corruptelas, pero porque os fluxos de discurso en que se move están predispostos neses sentidos e, como a corrente dun río enorme, estes arrastran con forza todo o que se cruza no seu curso. Xa que, ao mesmo tempo, esa mesma xente sinala problemáticas complexas e concretas, organízase sectorialmente, constrúe tecido veciñal, ou mesmo rebélase circunstancialmente. Estas incongruencias son o reflexo das contradicións internas do sistema e permítennos identificar os seus puntos máis débiles. Aqueles puntos onde non consegue impoñerse e por onde podemos comezar a traballar. É importante identificar eses lugares, porén, isto non é suficiente por si so, xa que precisamos das ferramentas adecuadas para realizar ese traballo. Aínda que, sobre este tema, xa existen algunhas propostas.

George Lakoff é un lingüista coñecido polas súas teorías sobre os frames (marcos). Os marcos operan no noso inconsciente a través dun sistema de conexións neuronais que se activa con certos estímulos. Un marco é como un pequeno paquete que contén unha historia vinculada a unha serie de conceptos. Cada vez que escoitamos unha palabra, inconscientemente, no noso cerebro cárgase o marco en que esta palabra se encadra. Por exemplo, o concepto de “gasto social”, tan habitual nos medios de comunicación e no discurso da dereita, evoca unha idea negativa que convida a minimizar ou reducir as cantidades consignadas nos orzamentos a políticas sociais, por resultaren pouco rendibles. Este concepto, disfrazado como neutral, en realidade dá sustento a un dos marcos que compoñen o discurso do desmantelamento da protección pública. Pero, malia que nos doa, este marco está ben instalado no noso inconsciente e basta escoitar as “palabras máxicas” para que se active.

Fronte ao concepto de “gasto social” existe o de “investimento social”, cargado nun marco alternativo que aínda non foi instalado socialmente e que implica a idea positiva de que o diñeiro público destinado a prestacións sociais, axudas ou salarios públicos ten unha utilidade e unha rendibilidade, é dicir, que existe un retorno do seu valor na nosa sociedade. Pero existen moitos máis marcos. As conversas cotiás, os debates familiares, os estados de facebook e os titulares dos medios de comunicación están inzados deles.

O problema é que, unha vez temos instalados uns determinados marcos conceptuais, calquera feito, dato ou argumento chega ao noso cerebro a través destes co correspondente efecto. Por exemplo, instalado o marco da dereita en que se encadra o concepto de gasto social, de nada servirá informar dos masivos recortes en bolsas, prestacións e axudas. O feito (os recortes masivos neses ámbitos) viaxa polo inconsciente a través do marco instalado (a idea de que as prestacións e axudas son prescindibles por seren pouco rendibles) e, con axuda de outros marcos, deposítase na parte consciente do cerebro cunha nova forma: “Se as prestacións e axudas son inútiles e non hai diñeiro público, recortemos en axudas e prestacións. Estas son prescindibles!”. Case parece que lle esteamos a facer o traballo ao poder.

Temos que implicarnos na construción de discurso, crear novos marcos, mudar a linguaxe. En definitiva, ir máis aló da repetición compulsiva de datos e cifras. Só así contribuímos realmente á construción de identidade. E ningunha vitoria estará garantida sen esta. Se seguimos nas nosas trece, infravalorando ao adversario e tachando de simples e ignorantes ás cidadás e cidadáns do noso país que non nos corresponden, en palabras de Lakoff, estaremos a “ignorar o inconsciente cognitivo, negando os nosos valores máis profundos, reprimindo as emocións lexítimas, aceptando os marcos do outro bando como se estes fosen neutrais, acovardándonos por medo ao que nos poidan chamar e renunciando a crear marcos para os feitos, de modo que poidamos visibilizalos”4.

A política é un mundo delicado, repleto de conceptos abstractos: índices, razoamentos e experiencias colectivas. Que son, senón, o desemprego, a troika e os recortes? Como dicía Hannah Arendt, no mundo da política é moi fácil confundir a realidade coas palabras que a representan. A dereita sábeo ben, e por iso sérvese do discurso para alterar a realidade ao seu antollo. O noso camiño cara unha sociedade máis xusta pasa, necesariamente, pola (re)construción do discurso.

A esquerda galega precisa dunha narrativa sólida e solvente que nos permita darlle unha patada ao taboleiro. A verdadeira campaña política comeza hoxe, mañá e pasado, no anonimato dos días correntes. Á marxe de calquera proceso electoral. Comeza na radicalidade da conversa cotiá, no debate matutino, na discusión familiar de sobremesa, na charla á hora do café, na cola antes de entrar ao cine. Alí onde realmente nacen, medran e se reproducen as ideas.

 

Notas

  1. Hannah Arendt, “Sobre la revolución”. Alianza Editorial, 1963.
  2. Para a elaboración destas cifras, tomei como referencia os valores que proporciona o Ministerio do Interior nos seus anuarios estatísticos. Dado o importante nesgo destes datos, confronteinos tamén con estudos alternativos sobre conflito social como os de M. Portos, E. Blay e K. Calvo e H. Garciamarín.
  3. Rebeca Baceiredo, “A revolución non vai ser televisada”. Euseino?, 2013.
  4. George Lakoff, “The political mind. A cognitive scientist’s guide to your brain and its politics”. Penguin books, 2008.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.